Xunto co sector gandeiro do noso país, os veterinarios que traballamos con vacún mantivemos e demostramos un forte compromiso coa redución do uso de antimicrobianos e a loita contra as resistencias aos antibióticos, así como co uso de todas aquelas ferramentas que permitan identificar as mellores prácticas de manexo e protocolos terapéuticos, garantindo o uso racional dos medicamentos e maximizando a saúde e o benestar animal, ao tempo que aseguramos a Saúde Pública. Máis en Vaca Pinta 51.
Os veterinarios que traballan con animais produtores de alimentos somos os profesionais veterinarios con maior experiencia no noso país en:
• Prescrición electrónica de antibióticos, que é obrigatoria dende a entrada en vigor, o 2 de xaneiro de 2019, do Real Decreto 191/2018, do 6 de abril, polo que se establece a transmisión electrónica de datos da receita veterinaria de antibióticos destinados a animais produtores de alimentos para consumo humano, derrogado polo Real Decreto 666/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios.
• Carga burocrática e administrativa, derivada da aplicación do Real Decreto 992/2022, do 29 de novembro, polo que se establece o marco de actuación para un uso sostible de antibióticos en especies de interese gandeiro; do Real Decreto 364/2023, do 16 de maio, en relación coas obrigas de vixilancia do titular da explotación e co plan sanitario integral das explotacións gandeiras; e do Real Decreto 1053/2022, do 27 de decembro, relativo ao sector bovino, que obriga ao desenvolvemento e aplicación do Sistema Integral de Xestión de Explotacións (SIGE), que inclúe o Plan Sanitario Integral, o Plan de Benestar Animal, o Plan de Formación en materia de Benestar Animal, Medio Ambiente e Manexo dos Animais, e o Plan de Xestión Ambiental. A isto debemos engadir as restricións e condicionantes de:
- efecto multiplicador negativo sobre a saúde e o benestar dos animais baixo a nosa supervisión por traballar en medicina de poboacións (grupos e rabaños) no canto de medicina individual,
- servicio “a domicilio” no ámbito rural e en zonas despoboadas do noso país, onde a gandería é un elemento indispensable para a fixación da poboación,
- seguridade alimentaria, relacionada cos períodos de supresión e os límites máximos de residuos en alimentos de orixe animal,
- protección ambiental, pola presenza de residuos de medicamentos en xurros e estercos.
• Redución do uso de antimicrobianos, cunha diminución do 53 % entre 2020 e 2024, que non foi nin doada nin gratuíta nin para os veterinarios nin para os gandeiros, e sen contar con ningún tipo de financiamento público nin axudas para conseguilo, malia o incremento dos custos asociados a esta redución.
Cremos que é absolutamente necesario un diálogo coa Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal, co obxectivo de modificar e flexibilizar o RD 666/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios, e que lles permita aos profesionais veterinarios:
1. Exercer a nosa profesión con plena autonomía técnica e científica, sen poñer en risco a saúde e o benestar animal nin a saúde pública, e proporcionarlles aos animais, do xeito máis rápido, o tratamento máis axeitado ás súas necesidades clínicas, nas doses precisas segundo os seus requirimentos individuais, durante un período de tempo adecuado e ao menor custo, evitando sufrimentos e danos inútiles, e, en moitos casos, irreversibles ou irrecuperables, baseándose no criterio clínico do veterinario prescritor e fundamentándose na evidencia científica, a experiencia clínica e a formación continuada.
2. Eliminar todas as diferenzas inxustificables da normativa actualrespecto da existente noutros países do ámbito europeo, que discriminan os profesionais veterinarios que exercen no noso país e que, xa que logo, poñen en risco a competitividade do sector gandeiro nacional, por unha interpretación excesivamente restritiva do Regulamento 2019/6 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, sobre medicamentos veterinarios.
3. Cumprir coas nosas obrigas deontolóxicas con total seguridade xurídica, garantindo que as interpretacións da norma sexan idénticas en todas as rexións de España onde o profesional veterinario desenvolva o seu labor, eliminando os procedementos burocráticos innecesarios e a carga administrativa que non achega ningunha utilidade.
4. Reducir a presión normativa e as restricións ao criterio clínico do profesional veterinario, posto que xa se superou o obxectivo de redución previsto para 2030, e aproveitar para realizar unha avaliación que permita unha redución do consumo de antibióticos, sempre ligada a indicadores sanitarios e produtivos, evitando diminucións que poñan en risco a saúde e o benestar animal, a competitividade do sector gandeiro nacional ou o prestixio da profesión veterinaria.
























