JOSÉ ÁNGEL BLANCO PURRIÑOS, PRESIDENTE DE CLUN

O gran grupo lácteo de Galicia

O gran grupo lácteo de Galicia
O sector lácteo galego está a piques de entrar nunha nova etapa de estabilidade e crecemento da que teño a grande honra de formar parte e da que me sinto especialmente orgulloso. Son consciente de que se trata dunha frase chea de significado pola súa transcendencia, pero tamén de que é unha frase chea de feitos e de argumentos: o gran grupo lácteo de Galicia xa está aquí. CoRural, Corporación Rural Láctea é un proxecto que nace para darlle dimensión, estabilidade e futuro á primeira potencia produtora de leite de España e unha das máis destacadas de Europa: a nosa. E, ademais, dálle resposta a unha demanda histórica do sector: contar cun operador de grande escala capaz de representar o potencial lácteo de Galicia. Máis en Vaca Pinta 56.

Este grupo xorde da unión de dúas traxectorias: a base cooperativa de Clun, construída por milleiros de gandeiros ao longo de xeracións e cun legado de marcas históricas e recoñecidas, e a solidez industrial e comercial de Leche Celta, unha das compañías históricas do sector. Xuntas conforman un proxecto con raíces sólidas e un propósito claro: darlle todo o valor á orixe.

En CoRural o gandeiro é eixe do sistema, o seu inicio e o seu destino. A corporación nace para ofrecerlle estabilidade, eficiencia e a estrutura industrial necesaria para poder ampliar horizontes coa mesma identidade. É un paso máis na evolución dunha cooperativa de longa traxectoria, arraigada no territorio, sólida e referente no sector lácteo.

Con marcas tan recoñecidas como Celta, Feiraco, Clesa, Únicla e La Vaquera, e con décadas de experiencia en innovación e transformación, CoRural impulsa unha nova etapa de máis transformación con valor engadido do leite, maior diversidade de produtos e con máis relevancia para o consumidor.

O resultado é tamén unha corporación máis preparada para responder as preferencias do consumidor: produtos elaborados en orixe con calidade acreditada, unha gama cada vez máis completa e a tranquilidade dunha cadea totalmente transparente e arraigada ao territorio.


CoRural, corporación rural láctea, é un proxecto que nace para darlle dimensión, estabilidade e futuro á primeira potencia produtora de leite de españa e unha das máis destacadas de europa: a nosa

Con produto galego, ganderías galegas, empregados galegos, directivos galegos, sede social galega, pagando os impostos en Galicia… seica algo galegos somos. Ogallá todo no lácteo de Galicia fose tan galego como CoRural.

Hai quen pode lembrar experiencias pasadas e cuestionarse se, desta volta, esta aspiración histórica do sector se vai ver realizada. E quero responderlles a eles. Esta alianza estratéxica funcionará. Funcionará porque sumamos o mellor da potencia cooperativa, a innovación industrial e a estratexia comercial, e esa é unha fórmula única, que marca a diferenza con todo o ensaiado. Conformamos unha alianza natural, o ciclo completo: desde os coidados ao gando ata o lineais do súper. Temos o coñecemento e a experiencia para facer realidade unha aspiración histórica e colectiva.

Con máis de 1.400 ganderías, máis de 800 persoas traballadoras, 8 plantas industriais e cunha facturación estimada de 600 millóns ao peche de 2025, CoRural proxéctase coma un dos grandes grupos de España e un referente de base cooperativa en Europa. Estamos ante a grande oportunidade que estaba a agardar o campo galego: dispoñer dunha industria moderna, forte e referente.

A súa identidade sostense en valores que expresan a súa vocación a longo prazo: compromiso co rural, calidade e seguridade alimentaria, trazabilidade e control de todos os procesos, benestar animal, sostibilidade ambiental, eficiencia produtiva e futuro para as novas xeracións gandeiras. É o triunfo dun modelo de gandería produtiva, eficiente e sostible que achega riqueza directamente ao rural. Non hai boa produción de leite se non hai benestar animal e, canto maior tamaño ten unha gandería, maior é a súa eficiencia ambiental.

CoRural é a suma de historia, industria e orixe: un proxecto común que impulsa e protexe ao sector e ofrécelle ao consumidor produtos lácteos de confianza e con identidade. E, ademais, contribúe á fixación de poboación no rural.

Como lles dicía, estamos a piques de entrar nunha nova etapa de estabilidade e crecemento do sector lácteo galego. Ven agora como a frase está chea de razóns?