XOÁN RAMÓN ALVITE

As tractoradas do WhatsApp

Hai días nos que custa seguirlle o ritmo ao teléfono móbil. Non hai nin dez minutos que lle dei un descanso ao meu e acumuláronseme 78 mensaxes sen ler. A inmensa mayoría do grupo de WhatsApp ao que “un amigo” me convidou a unirme e no que, supostamente, se autoorganiza o sector para levar a cabo unha tractorada que pretende paralizar o país.

“Sen políticos, nin sindicatos, que quede claro”, aclara cada pouco algún dos 260 membros desta presurosa comunidade virtual. De feito, por momentos, a actividade resulta tan caótica que as conversacións se cruzan e, mentres, os máis faladores arengan os que estamos calados, outros debaten sobre a Axenda 2030 e outros cantos discuten encendidamente sobre os enlaces da autovía na que resultaría máis efectivo colocar os tractores. Os que parecen exercer de coordinadores colgan vídeos de persoas máis ou menos anónimas que se autoerixen como os nosos representantes e dos actos de protesta que xa se levaron a cabo en Francia ou Alemaña. Outra señora mesmo pon á nosa disposición os servizos gratuítos dun despacho de avogados. Como para estar tranquilos, vaia.

E entre tanta mensaxe vénme á cabeza a boa de Mercedes Sosa cantando aquilo de “Cambia o superficial, cambia tamén o profundo, cambia o modo de pensar, cambia todo neste mundo”. E lembro a miña primeira tractorada hai case 40 anos coa nítida imaxe do flamante John Deere 2035 recentemente comprado pola miña familia –aínda hoxe segue en activo– compartindo cruzamento cos tractores dos nosos veciños. Protestas masivas que se convocaron mediante a boca a boca e pola incerteza que provocaba no sector a entrada no sistema europeo de cotas lácteas.  

Anos despois, os tractores volveron saír á rúa en varias ocasións para protestar pola supertaxa ou, máis recentemente, polos baixos prezos do leite. Sempre en actos debidamente comunicados, autorizados e organizados por algún ou varios sindicatos agrarios. Premisas que nesta ocasión nin se cumpren nin se teñen intención de cumprir. Como tampouco parece dárselle demasiada importancia a acordar unha táboa reivindicativa, imprescindible nas mobilizacións de outrora, que agora varía segundo as zonas ou mesmo segundo os días.

"Non creo que se poida tomar moi en serio ningún colectivo profesional cuxa forma principal de organización sexa, únicamente, a das redes sociais, nin que teñan como máximo representante [...] ao administrador dun grupo de WhatsApp"

Que pasou neste tempo para que todo cambiase tanto? Pois unha chea de cousas que, aínda que poida parecer o contrario, van sempre en detrimento do propio sector produtor. Por unha banda, somos moitos menos que en tractoradas precedentes –só en Galicia vén desaparecendo unha granxa leiteira ao día durante os últimos cinco anos– e, pola outra, estamos peor organizados e representados ca nunca. Ou esa é a opinión máis estendida entre os propios produtores que non esconden unha furibunda aversión cara aos sindicatos agrarios, aos que acusan, entre outras lindezas, de manter certa conivencia co poder establecido a cambio do seu sustento económico. O sector tampouco parece ter moita confianza nos políticos aos que, paradoxalmente, lles dirixen todas as súas queixas.

Esta mala relación, que vai camiño de converterse en divorcio total, non nos beneficia, aínda que moitos dos meus compañeiros do WhatsApp crean o contrario, nin a eles nin a nós. Porque, por moito que nos pese, todos eles foron elixidos democraticamente, mesmo por algúns de nós mesmos. Resulta unha obviedade falar da forma na que, dentro da lei, deben mudar estas cousas.

Vaia, que os sindicatos agrarios teñen un problema moi serio se os agricultores e gandeiros non lles fan caso ou non se senten apoiados por eles. Pouco crédito ten unha asociación agraria se os profesionais do campo non contan con eles nas súas protestas. Nalgún momento haberá ocasión de volver elixir interlocutores e, de seguir nesta liña, non parece que lles vaia ir moi ben a cousa.

Dito isto, tampouco creo que poida tomarse moi en serio ningún colectivo profesional cuxa forma principal de organización sexa, unicamente, a das redes sociais, nin que teñan como máximo representante, por moi sensato que sexa, o administrador dun grupo de WhatsApp.