XABIER IRAOLA AGIRREZABALA

Desviar a mirada

Leo con estupor o informe de perspectivas gandeiras para o ano 2031 elaborado polo Consello de Cámaras de Agricultura de Francia que prevé unha terrible baixada na cabana bovina. Segundo o devandito informe a cabana de vacas abastecedoras descendeu un 2 % anual entre os anos 2016 e 2020 e, ademais, vaticina unha baixada do 3 % anual ata o 2031, o que suporía unha nova contracción do 33 %. Na cabana de vacas leiteiras, igualmente, prevé unha importante caída e así, mentres do ano 2015 ao 2019 se deu unha baixada do 1 % anual, do 2019 ao 2031 prevé un 2 % anual o que implicaría unha caída adicional do 22 %.


A alarma xerada no sector primario francés e en toda a estrutura cooperativa, comercial e industrial impulsada sobre a produción da carne de bovino e o leite de vaca é innegable e difícil de ocultar tras unha cortina de datos macroeconómicos. 


Coma sempre, haberá quen tentará poñer panos fríos dicindo que a baixada no número de cabezas será perfectamente compensada por unha alza, froito da mellora xenética, nos rendementos cárnicos e leiteiros. Na miña opinión, mesmo eles son sabedores de que nin a mellora xenética, necesaria por outra banda, compensará a desaparición de explotacións gandeiras nin a drástica redución da cabana gandeira.


Ocorre o que ocorre porque desviamos a mirada do obxectivo orixinal e porque ninguneamos, ano vai e ano vén, o produtor, é hora de mirar os gandeiros aos ollos

Agora ben, moito me temo que os responsables das estruturas cooperativas, comerciais e industriais, máis que preocupados polo futuro dos gandeiros, están realmente alarmados polo seu futuro, ao temer que, de materializarse as perspectivas recollidas no informe, o seu futuro como cooperativa, intermediario, comercial, matadoiro, transportista, envasadores e plantas industriais etc. periga, e moito.


Di o refrán que “en todas as casas cocen fabas, e na miña, a caldeiradas” ou aqueloutro de “mal de moitos, consolo de parvos” e é que, na miña humilde opinión, as perspectivas máis abaixo dos Pireneos non distará moito da previsión gala; máis aínda, se tal como ocorre no conxunto da Unión Europea, pero con maior crueza se cabe no caso do Estado español, os produtores menores de 40 anos nin alcanzan o 10 % dos produtores e os que se atopan en idade de estar xa xubilados supoñen aproximadamente o 40 % dos gandeiros.


No noso caso, máis aló dos propios gandeiros e das súas organizacións, que auguran un futuro non moi afastado sen asociados, son os responsables das estruturas sectoriais e con iso estoume referindo a cooperativas, transportistas, matadoiros, queixerías, envasadores, industrias, carnicerías, comercios e cadeas de distribución (particularmente as máis vinculadas ao produto local), pois todos eles son os que mostran maior preocupación en tanto que basearon o seu negociado ao redor da produción deses produtores que minguan.


A alarma instalouse nos despachos dalgunhas destas estruturas e algunhas hai que se cuestionan, a semellanza das grandes empresas alimentarias, que para poder manter as súas instalacións produtivas ao máximo rendemento e os seus persoais intactos, baixar ao campo, adquirir terras e/ou naves gandeiras e contratar man de obra, o máis barata posible, iso si, coa que asegurarse a materia prima coa que manter a súa estrutura e os seus compromisos comerciais cos seus clientes e, moi particularmente, coas grandes cadeas de distribución.


Chegados a este punto, máis dun de vostedes se preguntará cal é o motivo, ou os motivos, que provocaron que chegásemos a este punto no que contamos cun entramado cooperativo, comercial e industrial agroalimentario que funciona, mentres o entramado produtivo conformado por eses miles de agricultores e gandeiros que provén a cooperativas, comerciais e industrias vai, aos poucos, pero de forma imparable, reducíndose e, o que é peor, ninguén lle ve saída á situación.


O motivo, na miña humilde opinión e sen descubrirlles o mar Cantábrico, é que os obxectivos fundacionais de moitas estruturas, crear valor engadido para o produto e con iso repercutírllelo aos produtores que lle dan sentido á cadea, pasaron a un segundo plano e así, na actualidade, o que prevalecen son os intereses e prioridades dos cadros de persoa e responsables desas estruturas fronte aos intereses dos gandeiros, prevalecen os compromisos cos clientes fronte aos compromisos cos provedores que son os seus gandeiros, prevalece o saneamento financeiro das estruturas fronte á microeconomía das explotacións e prevalecen o mantemento dos  cadros de persoal das estruturas, aínda que sexa á conta da drástica redución do sector gandeiro.  


En definitiva, ocorre o que ocorre porque desviamos a mirada do obxectivo orixinal e porque ninguneamos, ano vai e ano vén, o produtor. É hora de mirar os gandeiros aos ollos. 


Artigo publicado en Vaca Pinta 41