O prazo para presentar candidaturas ao XXVII Premio Aresa continúa aberto ata o 18 de decembro

O prazo para presentar candidaturas ao XXVII Premio Aresa continúa aberto ata o 18 de decembro

As persoas, empresas e entidades interesadas en optar ao galardón, convocado polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, teñen xusto un mes máis para presentar as súas propostas a través dos rexistros da USC.

O prazo para presentar candidaturas á XXVII edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural permanecerá aberto un mes máis, ata o vindeiro 18 de decembro.

O galardón, convocado polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), ten como obxectivo recoñecer iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico e social do medio rural galego.

As persoas, empresas, asociacións, entidades e grupos de investigación interesados en participar deberán presentar a documentación correspondente nos rexistros da USC. As bases completas desta convocatoria poden consultarse na páxina web aresa-agricola.com.

Entre os principais criterios de valoración das candidaturas figuran a viabilidade económica dos proxectos, a súa capacidade para xerar valor engadido e emprego no rural, a recuperación de actividades agrícolas e gandeiras con potencial de desenvolvemento, o aproveitamento dos produtos tradicionais galegos e a incorporación de innovacións nos procesos produtivos.

A nova edición do Premio Aresa púxose en marcha o pasado 3 de novembro coa sinatura dun convenio de colaboración entre a presidenta do Grupo Aresa, Carlota López Pardo, e a reitora da USC, Rosa María Crujeiras Casais, nun acto celebrado no Pazo de Montenegro, en Lugo.

Con esta convocatoria, ambas institucións dan continuidade a unha iniciativa que comezou no ano 2000 e que leva máis de dúas décadas e media recoñecendo proxectos que favorecen a dinamización económica, a creación de oportunidades e a mellora da calidade de vida no rural galego.

PALMARÉS DE PREMIADOS

Ao longo das súas vinte e seis edicións anteriores, o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recoñeceu iniciativas de diferentes ámbitos vinculados ao sector primario, á investigación, á transformación agroalimentaria e á dinamización do rural galego.

Entre os galardoados figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), Moexmu (2023), Traloagro (2024) e Bico de Xeado (2025).