COVID-19

A Moexmu, tamén suspendida

A comisión organizador queda agora á espera de que as condicións sanitarias se estabilicen para poder fixar unha nova data para a celebración desta feira.

A gran cita dos certames frisóns galegos deste ano tamén se apraza: 29º Concurso Autonómico da Raza Frisona de Galicia, que estaba previsto que se celebrase durante a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) do 3 ao 5 de abril, foi suspendido indefinidamente.

“Con motivo dos últimos acontecementos relacionados co coronavirus (COVID-19) así como das recomendacións realizadas nas últimas horas por parte das autoridades, decidiuse o aprazamento da xxxvi mostra exposición de muimenta, así como de todas as actividades que leva parellas (concurso, exposición e poxa de gando selecto; ademais do concurso de Can de Palleiro)”, informaron dende a comisión organizadora a última hora do día de onte, logo dunha reunión de todo o equipo con representantes de Africor Lugo, do Concello de Cospeito, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia.

Á espera de que as condicións sanitarias se estabilicen para poder fixar unha nova data para a celebración desta feira, a organización xa adiantou que coa maior brevidade posible se procederá á devolución das reservas realizadas polo case centenar de expositores que tiñan reservado a súa parcela ou stand. Así mesmo, remarcaron que esta decisión, malia non ser sinxela, era a máis responsable e instaron a toda a poboación a seguir as indicacións das autoridades sanitarias a fin de frear a expansión da enfermidade o máis rápido posible.