CASA MENOR 1614. BOIMORTO (A CORUÑA)

Unha remuda construída desde dentro sen os mesmos apelidos

Despois de máis de catro décadas dedicadas á gandería, Javier Vázquez atopou a continuidade do seu proxecto en José Manuel García, un dos seus traballadores e unha persoa que levaba anos implicada na xestión diaria da granxa. Desde xaneiro de 2026, é el quen está á fronte dunha explotación que conserva boa parte da filosofía coa que medrou: xenética, boas forraxes, eficiencia e atención aos animais. Máis en Vaca Pinta 62.

Casa Menor 1614

Localización: Boimorto (A Coruña)

Propietario: José Manuel García

Traballadores: 2

N.º total de animais: 150

Vacas en muxido: 80

Media de produción: 36 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4,20 %

Porcentaxe de proteína: 3,50 %

Venda do leite: Entrepinares

Prezo do leite: 0,455 €/litro + calidades + IVE

O 1 de xaneiro de 2026 comezou unha nova etapa en Casa Menor 1614, situada en Sendelle, no concello coruñés de Boimorto. Javier Vázquez, despois de máis de corenta anos dedicados ás vacas de leite, xubilábase e deixaba a explotación en mans de José Manuel García. Non era o seu fillo nin outro familiar. Era un dos seus traballadores.

A transición, con todo, levaba tempo producíndose. José Manuel chegara á granxa en novembro de 2019 despois de acumular preto dunha década de experiencia traballando noutras explotacións. A súa entrada no sector fora case circunstancial. Comezara a súa vida laboral na construción e, tras quedar sen emprego en 2008, acabou probando sorte coas vacas animado polo seu irmán. “Naquela época pensei que podía probar. Comecei a traballar no sector gandeiro en 2010 e en Casa Menor afianceime”, lembra.

Cando chegou a Casa Menor, xa tiña experiencia suficiente para incorporarse a practicamente todas as tarefas: muxido, reprodución, alimentación, silos e manexo do rabaño. Javier foi dándolle autonomía desde o principio. “En menos dun mes estaba integrado e en dous meses coñecía todos os animais”, sinala José Manuel. Tamén participaba nas decisións e tiña acceso aos datos económicos da explotación. Cada ano revisaban xuntos os informes de xestión e, pouco a pouco, un foi cedendo responsabilidades mentres o outro as asumía.


Javier Vázquez: “Tiña máis opcións, pero esta era a preferida. O que non me gustaría sería ver isto abandonado”

“Nos últimos anos el xa empezaba a manexar case toda a granxa. Facía xestións, daba as vacas de alta e de baixa... Eu funme deixando e el foi collendo a remuda”, resume Javier.

Cando comezou a achegarse a súa xubilación e quedou claro que non habería continuidade familiar, Javier buscou outras alternativas. A súa prioridade era que a explotación seguise funcionando e propúxolle a José Manuel a posibilidade de quedar con ela. “Tiña máis opcións, pero esta era a preferida. O que non me gustaría sería ver isto abandonado”, afirma.

Para José Manuel tampouco foi unha decisión allea ao emocional. Despois de anos traballando alí, o rabaño e a propia granxa xa eran parte da súa vida. “Eu levaba aquí anos, cólleslles cariño aos animais e pensei que pagaba a pena loitar por ela. E aquí estamos, mentres se poida seguir”, desexa.

Ambos lamentan, iso si, que un traspaso destas características non atopase encaixe nas axudas existentes. Buscaron asesoramento para estudar distintas vías, pero ningunha se adaptaba á súa situación. Para Javier, facilitar que un traballador poida continuar unha explotación viable cando non existe remuda familiar debería ser unha das fórmulas que se tivesen en conta para evitar peches.    


José Manuel García: “Eu levaba aquí anos, cólleslles cariño aos animais e pensei que pagaba a pena loitar”

Unha herdanza xenética que continúa

Se hai un ámbito que marcou a traxectoria de Casa Menor é a xenética. Javier comezou a súa actividade arredor de 1982, cando na casa había unha ducia de vacas e nin sequera dispoñían aínda dun establo independente. Cos anos foi ampliando e modernizando as instalacións, pero tamén incorporando coñecementos sobre alimentación, manexo, podoloxía e selección xenética. “Eu quería boas vacas, vacas eficientes, que transformasen o que comían”, explica.

Esa formulación levou o rabaño a situarse durante anos entre os máis destacados de España por ICO e, segundo lembra Javier, chegou a ocupar o primeiro posto nacional. Con todo, recalca que aquela clasificación nunca foi o obxectivo en si mesmo: “A finalidade non era ser o número un, o dous ou o tres. A finalidade era ter vacas rendibles, que enfermasen o menos posible e que transformasen o que comen”.

Para el, unha boa vaca debe reunir saúde, un ubre ben conformado, boas patas, capacidade e produción de quilos de graxa e proteína. Esa base continúa hoxe, aínda que José Manuel introduciu os seus propios criterios.

“Baseámonos sobre todo no ICO porque creo que te leva polo camiño do medio: nin só tipo, nin só leite. Leva un pouco de todo”, explica o actual dono da gandería. A partir de aí, presta especial atención ás patas, aos ubres e aos caracteres de saúde. “Quero vacas funcionais, sas e que duren”, resume. A media ICO actual da gandería é de 1.160 puntos.

Todo o rabaño está xenotipado e traballan case por completo con touros xenómicos e seme sexado. O convencional ten unha presenza testemuñal e, cando non se busca recría, utilizan cruzamentos cárnicos. Ademais, realizan transferencia de embrións a partir dos seus propios animais para multiplicar as liñas que consideran máis interesantes. “Non compro embrións, pero si aproveitamos a xenética que temos e intentamos mellorala”, apunta José Manuel.

Así mesmo, a reprodución adáptase a cada animal. A primeira inseminación das xovencas adoita facerse arredor dos 14 meses, aínda que prima o seu desenvolvemento corporal sobre a idade exacta. Nas vacas manteñen un período de espera voluntario mínimo de 90 días e, en animais de alta produción capaces de soster ben a lactación, poden prolongalo ata os 140 ou 150.


 Javier Vázquez: “A finalidade era ter vacas rendibles, que enfermasen o menos posible e que transformasen o que comen”

La ganadería se mantuvo entre los primeros puestos del ránking por índice ICO de Conafe durante muchos años y fue reconocida en casi todas las ediciones de los premios Exceleite

Producir sen renunciar aos sólidos

Esta selección xenética, unida ao manexo e á alimentación, reflíctese nos resultados produtivos. As aproximadamente 80 vacas en muxido de Casa Menor acadan unha media anual próxima aos 36 litros por vaca e día, con arredor dun 4,20 % de graxa e un 3,50 % de proteína.

O rabaño completo rolda os 150 animais. Ademais das produtoras, contan cunhas 15 ou 16 vacas secas e realizan toda a súa propia recría.

Ás cifras produtivas suman un reconto de células somáticas que procuran manter próximo ás 100.000 células/ml. José Manuel concede boa parte do mérito á capacidade para detectar con rapidez calquera desviación e ao asesoramento da veterinaria responsable de calidade do leite. “Se unha vaca despunta, identifícase deseguida. Temos un equipo moi bo arredor da granxa e iso nótase”, destaca.

A calidade hixiénico-sanitaria foi, de feito, outro dos distintivos históricos de Casa Menor. A explotación figurou de forma reiterada entre as recoñecidas nos premios Exceleite. Javier Vázquez non atribúe estes resultados a unha única medida, senón á suma de selección, alimentación, limpeza, saúde podal, mantemento das camas e rutina de muxido. “Cantos menos problemas teñan as vacas, máis fácil é o traballo. Isto é constancia, día a día”, resume o xa anterior propietario.

Dous muxidos e unha rutina moi definida

Malia que José Manuel xa pensa nunha posible futura robotización, polo de agora continúan traballando cunha sala de muxido en espiña de peixe 6x2, unha instalación que considera suficiente para o tamaño actual do rabaño.

Realizan dous muxidos diarios, ás seis da mañá e ás seis da tarde. Cada un ocupa arredor dunha hora e corenta e cinco minutos, aos que se engade o tempo necesario para a limpeza da sala.

A rutina comeza co despunte dos primeiros chorros, continúa co lavado e o secado de cada teto, a colocación das unidades de muxido e remata coa aplicación do selador. Tamén traballan con secado selectivo, decidido de forma individual para cada animal a partir dos seus datos sanitarios e de células somáticas.

A monitorización é unha das principais novidades dos últimos tempos. Os colares instaláronse antes de que José Manuel asumise a explotación para que, chegado xaneiro, xa tivese o sistema funcionando. “Canta máis información tes, mellor. Ter os animais controlados as 24 horas dáme moita tranquilidade. No meu día libre podo mirar o teléfono e saber como está todo”, explica.


José Manuel García: “Durante o día, elas escollen. Poden comer dentro, deitarse nas camas ou saír ao prado. Son libres”

Comer dentro, saír fóra

A alimentación das produtoras baséase nunha ración unifeed que adoita compoñerse de 26-28 quilos de silo de millo, 16-18 kg de silo de herba e uns 7 kg de concentrado.

“O obxectivo é traballar con moi boas forraxes e meter o mínimo concentrado posible”, insiste José Manuel. É unha idea herdada directamente da etapa de Javier, que lembra como a calidade dos silos lles permitiu manter producións elevadas mesmo en épocas de prezos baixos reducindo a dependencia de alimentos comprados.

A ración distribúese unha vez ao día mediante un servizo externo de carro mesturador. Pero en Casa Menor a alimentación non remata no presebe. Sempre que as condicións o permiten, as vacas teñen acceso ao exterior e poden decidir se permanecen dentro ou saen ás parcelas próximas.     

Durante o verán, as portas ábrense tras o muxido da mañá e, no inverno, saen desde o mediodía ata a hora de comezar de novo o traballo da tarde. “Elas escollen. Poden comer dentro, deitarse nas camas ou saír ao prado. Son libres”, explica José Manuel.

O pastoreo obriga a axustar a ración, sobre todo durante a primavera, pero considera que os seus beneficios compensan esa maior atención. Destaca o seu efecto sobre as patas e o comportamento dos animais. “Están máis alegres fóra que enriba do cemento. Por que non darlles esa liberdade e esa redución do estrés?”, comenta o gandeiro.

Tanto as secas como as xovencas preñadas tamén dispoñen de acceso ao exterior durante boa parte do día.


 José Manuel García: “Necesitamos que as vacas coman. Se a vaca come, vai producir e vai ter saúde”

A boa forraxe comeza na parcela

Casa Menor traballa arredor de 60 hectáreas, practicamente todas moi próximas ás instalacións. A leira máis afastada atópase a uns dous quilómetros e unhas 20 hectáreas concéntranse na contorna inmediata da granxa, unha distribución que facilita moito os traballos.

Aproximadamente 30 hectáreas destínanse a herba e outras tantas a millo. Nas praderías traballan con raigrás inglés e trevo e buscan, ante todo, calidade.

O primeiro corte de herba inténtase facer a finais de marzo ou durante os primeiros días de abril. O segundo chega arredor dun mes despois e, se o ano o permite, fan un terceiro a finais de maio ou comezos de xuño, ademais de reservar parte para herba seca.

A súa referencia para o primeiro corte está por enriba do 20 % de proteína e arredor do 30 % de materia seca. “Tivemos silos do 23 % de proteína. O importante é facelos cedo para buscar calidade”, sinala José Manuel.

No millo aproveitan que boa parte das parcelas permanece libre durante o inverno para poder sementar cedo. Traballan con ciclos longos, arredor de 550, buscando rendemento, amidón e dixestibilidade. En 2025 obtiveron unha media aproximada de 56 toneladas por hectárea.

“Necesitamos que as vacas coman. Se a vaca come, vai producir e vai ter saúde”, sintetiza.

Os veráns secos están obrigándoos tamén a modificar o manexo das praderías permanentes. Cando o raigrás perde densidade, realizan resementeiras superficiais de raigrás e trevo a finais do verán ou principios do outono e aplican despois xurro para favorecer a súa implantación. Con iso buscan prolongar a vida útil das praderías antes de renovalas por completo.

Maquinaria, só a imprescindible

A diferenza de moitas explotacións cunha base territorial similar, Casa Menor apenas dispón de maquinaria agrícola propia. Teñen equipos para distribuír o xurro e rozar as praderías, pero contratan a empresas de servizos os principais labores: preparación do terreo, sementeiras, colleitas e ensilados.

José Manuel formúlao como unha decisión ligada tanto aos custos como, sobre todo, á dispoñibilidade de tempo e persoal.

“O tempo fainos falta para o manexo do rabaño. O que temos que atender son os animais. É un gasto contratar os traballos, pero compensa. Doutra forma necesitariamos xente e maquinaria para todo”, detalla.

A proximidade das parcelas contribúe tamén a simplificar o sistema. Javier sempre lle deu prioridade a incorporar terreos próximos e continúa defendendo esa estratexia: “Nesta granxa practicamente non hai desprazamentos. Ter as leiras preto para min é fundamental”.

Víctor Manrique
Víctor Manrique, asesor de Alimentación en Casa Menor
“Sempre foi cos tempos, pero sen deixarse levar polas modas e tendo moi claro que todo debía ser rendible”

Desde cando traballas con Casa Menor e como lembras aqueles primeiros anos?

Levo uns 20 anos traballando con Casa Menor. Desde o principio tiven moi boa sintonía con Javier. Foi unha persoa que me axudou a progresar tanto profesional coma persoalmente. Naquela época era unha explotación grande, porque xa muxía 60 ou 70 vacas. Sempre traballamos cóbado con cóbado, consensuando as decisións, e creo que ambos nos beneficiamos desta relación.

Como viches evolucionar a gandería durante todo este tempo?

É unha granxa particular, porque a súa evolución non se baseou en aumentar moito o número de animais. Hai 20 ou 25 anos podía muxir unhas 75 vacas e hoxe está arredor de 80-85. Onde si medrou moitísimo é en superficie e iso permitiulle xestionar as forraxes doutra maneira.

Hai terreos específicos para millo, outros para herba con praderías permanentes e mesmo zonas de pastoreo. Isto, unido á selección xenética que fixo Javier, permite producir moito leite utilizando unha elevada proporción de recursos propios e reducindo a dependencia do exterior. Para min, esa é unha das grandes fortalezas de Casa Menor.

Como viviches a remuda entre Javier e José Manuel?

Creo que existe unha sintonía absoluta e que aí pode estar unha das claves do éxito desta transición. Son dúas persoas que comparten a filosofía e o sistema de produción. Evidentemente, non hai dúas persoas iguais, pero a nivel profesional a relación é moi boa.

Ademais, non foi algo improvisado dun día para outro. Javier e José Manuel xa tiñan unha relación estupenda como propietario e traballador. Houbo convencemento por ambas as partes e, dadas as súas características e a súa maneira de entender a produción, creo que foi unha sucesión moi natural.

Que papel tivo historicamente a alimentación nesta gandería?

Fundamental. Javier sempre tivo moi claro o modelo que quería. Foi comprando e concentrando superficie arredor da explotación e hoxe case todas as leiras están moi próximas. Iso supón unha enorme vantaxe para cultivar, repartir xurro e xestionar as parcelas.

Grazas a iso dispoñemos sempre de forraxes excelentes. O millo ten unha produtividade moi alta e permite buscar unha gran calidade, e nas praderías fanse cortes relativamente temperáns e frecuentes para obter herba con moita proteína e dixestibilidade.

Iso permite que gran parte da ración se basee en forraxes. Chegar a producións de 35-36 litros cuns 7 quilos de concentrado só é posible con materias primas de moita calidade. Ademais, isto non afecta tan só á produción e ao custo, tamén repercute na saúde, na reprodución e na lonxevidade dos animais.

Como son actualmente as racións?

Nas vacas en produción intentamos introducir a máxima cantidade posible de millo e herba mantendo unha ración equilibrada. Estamos en 26-28 quilos de silo de millo, 16-18 quilos de silo de herba e uns 7 quilos de concentrado, dependendo sempre da humidade e calidade das forraxes.

O consumo aproxímase aos 26,5-27 quilos de materia seca. É unha ración eficiente, relativamente económica e que contribúe tanto á produción como á saúde dos animais.

Nas xovencas e secas ten bastante importancia o pastoreo. Hai unhas 11 hectáreas arredor da granxa e saen practicamente todos os días. Despois complementamos con silo de millo, forraxe seca, vitaminas, minerais e unha pequena cantidade de concentrado.

Que buscades especialmente nas forraxes?

No millo prestamos moita atención á enerxía, á dixestibilidade da fibra e do amidón, pero tamén ao procesado durante o ensilado e á conservación, porque é fundamental evitar perdas.

Na herba buscamos cortar nun bo estado vexetativo e facelo cedo. Se o tempo o permite, o primeiro corte realízase a finais de marzo ou principios de abril, o segundo en maio e, nalgúns anos, mesmo un terceiro. Tamén producen unha herba seca de excelente calidade destinada especialmente ás xatas máis novas.

Máis alá de formular as racións, en que consiste o teu traballo en Casa Menor?

Revisamos consumos, inxestións e producións, pero tamén parámetros reprodutivos, crecemento das xatas ou posibles problemas sanitarios. Na época de traballos de campo seguimos a evolución da herba e do millo e intentamos decidir o momento óptimo de colleita.

Agora tamén estamos facendo especial fincapé nos sólidos, graxa e proteína, porque a empresa á que subministran actualmente o leite ten unha elevada esixencia nestes parámetros e existe unha repercusión económica importante.

Que aspectos queredes seguir mellorando?

Sempre se pode avanzar na calidade e conservación das forraxes. En produción buscamos maximizar o rendemento cos consumos actuais e manter altos niveis de sólidos.

Na recría, o obxectivo é que as xovencas cheguen ao primeiro parto arredor dos 23-24 meses e sexan animais produtivos, e, nas vacas secas, evitar problemas posparto e conseguir que arranquen ben a seguinte lactación.

Despois de tantos anos traballando con Casa Menor, que cres que explica os seus resultados?

A evolución de Casa Menor está moi ligada ao sentido común de Javier. Eu sempre dicía que era un adiantado ao seu tempo. Hai 15 ou 20 anos dáballes leite ás xatas tres veces ao día cando practicamente ninguén o facía. Se lle preguntabas por que, respondía: “Porque teñen fame”.

Tamén empezou a cortar herba en marzo cando arredor case se rían porque parecía que estaba “cortando o céspede”. El dicía que, cando chovese en abril, vería medrar a súa seguinte herba mentres os demais vían como a súa se deitaba.

Coa xenética ocorría o mesmo. Tiña moi claros os seus obxectivos e descartaba, por exemplo, touros con malos datos de células porque estaba convencido de que a mamite tiña un compoñente familiar.

Sempre foi cos tempos, pero sen deixarse levar polas modas, e tendo moi claro que todo debía ser rendible. Para min é un excelente gandeiro e, ademais, unha boa persoa. Javier e mais eu practicamente medramos profesionalmente xuntos. Con José Manuel levamos menos tempo, pero creo que existe a mesma sintonía e confío en que a granxa continúe nesa liña, co mesmo éxito.

O descanso como prioridade

Os animais distribúense fundamentalmente entre dúas naves. A principal alberga as 80 vacas en produción, divididas en dous lotes dunhas 40 cabezas. Na segunda atópanse as secas, as xovencas e parte da recría. As xatas máis pequenas pasan nun principio por boxes individuais e despois por pequenos grupos dun máximo de seis animais.

Na nave de produción dispoñen de 40 cubículos e 40 cornadizas por lote. As camas énchense cunha mestura aproximada dun 70 % de serraduras e un 30 % de carbonato e repóñense, como norma xeral, cada quince días.

“É un custo, pero os animais son a prioridade. Se eles están ben, nós imos ben. O descanso e a comida son fundamentais”, afirma José Manuel.

O control do estrés térmico realízase mediante ventiladores e aspersores. Os primeiros comezan a funcionar a partir dos 23 °C e a aspersión entra en funcionamento a partir dos 24,5 °C. Ademais, aplicaron poliuretano sobre a cuberta da nave, unha actuación coa que estiman reducir entre cinco e seis graos a temperatura interior durante os días máis calorosos.

A limpeza dos corredores realízase mediante unha arrobadeira de cadea que pasan unhas tres veces ao día. Tamén dispoñen de cepillos nos diferentes lotes e dunha zona que funciona como parideira e enfermería.

A explotación conta ademais con cinco silos —habitualmente dous para herba e tres para millo— e tres fosas de xurro cunha capacidade total de preto dun millón de litros. A iso súmanse placas fotovoltaicas instaladas hai dous anos, coas que José Manuel cifra unha redución notable do gasto eléctrico.


En abril de 2026 comezaron a entregar o leite a Entrepinares

Un novo destino para o leite

Durante moitos anos, Casa Menor entregoulle a súa produción a Pascual, unha relación que se remontaba aínda á etapa de Javier. En abril de 2026, xa con José Manuel á fronte, decidiron cambiar de comprador e comezaron a entregar o leite a Entrepinares.

Foi unha das primeiras decisións relevantes tomadas tras a remuda. “Foi difícil tomala, pero por outra parte foi fácil”, recoñece.

En setembro, o prezo base situábase en 45,50 céntimos por litro, ao que se engadían as primas por calidade e o IVE.

A busca de sólidos tamén está integrada na súa estratexia xenética. José Manuel intenta evitar touros negativos en graxa e proteína e foi incorporando de forma maioritaria animais A2A2, aínda que sen converter este carácter nun requisito excluínte.

“Se aparece un touro que me encanta por outros trazos, non vou descartalo porque non sexa A2A2, pero, tendo posibilidade de elixir, arredor do 95 % dos que utilizamos xa o son”, explica.


José Manuel García: “Se queremos seguir moitos anos, probablemente teremos que ir cara á robotización, porque aquí non podes estar as 24 horas do día”

Manterse antes que medrar

Tras asumir a dirección da gandería, José Manuel non se propón unha carreira por aumentar o número de animais. A súa primeira resposta cando se lle pregunta polo futuro é moito máis sinxela: “Sostela”.

Manter o actual nivel de funcionamento e consolidar un bo equipo de traballo son as súas prioridades. Hoxe traballan tres persoas, con dous días libres semanais e un mes de vacacións. Chegar ata esa organización non foi fácil. Durante os primeiros meses tras a remuda tivo dificultades para completar o cadro de persoal e a súa familia tivo que botar unha man nos muxidos. “Para min, atopar persoal era a maior preocupación”, recoñece.

Precisamente a dispoñibilidade de traballadores condicionará moitos dos próximos investimentos. A incorporación dunha amamantadora xa está sobre a mesa e a robotización do muxido aparece como unha posibilidade a medio prazo. José Manuel admite que non era a súa intención inicial, pero cre que pode acabar sendo necesaria para reducir a dependencia de man de obra e mellorar a organización das xornadas.

“Se queremos seguir moitos anos, teremos que ir cara á robotización. Non porque queiras, senón porque aquí non podes estar as 24 horas do día”, aclara.

A chegada de robots implicaría aumentar algo o número de vacas para rendibilizar o investimento. Fóra dese suposto, non pensa medrar de forma significativa.

“Con isto é suficiente se o facemos ben. Quero ter os animais o mellor atendidos posible e manter o equipo”, afirma.

Esa preocupación pola man de obra enlaza de novo coa singular historia da remuda de Casa Menor. José Manuel cre que o sector necesita fórmulas que permitan traballar con horarios, descansos e condicións capaces de atraer a máis persoas. Tamén reclama que se facilite a incorporación de traballadores que, como ocorreu no seu caso, estean dispostos a dar un paso adiante cando o propietario dunha explotación viable se xubila.

Porque a súa propia traxectoria demostra que a continuidade dunha gandería non ten por que levar sempre os mesmos apelidos. Ás veces a remuda xa está dentro, traballando cada día entre as vacas, e só fai falta que atope a oportunidade de quedar.