A Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) celebrará este venres, 20 de novembro, no Auditorio Tecmaia, en Maia, unha nova edición do Coloquio Nacional do Leite, baixo o lema "Producir, innovar e valorizar". O encontro reunirá uns 300 participantes para analizar os principais desafíos do sector lácteo portugués.
A xornada contará coa participación do ministro de Agricultura e Mar de Portugal, José Manuel Fernandes, representantes das principais organizacións agrarias e da industria láctea, así como profesionais e produtores de leite. O programa abordará tres grandes cuestións: o futuro do sector ante a nova Política Agrícola Común (PAC) e o acordo comercial con Mercosur, a dispoñibilidade de auga para a agricultura e a produción láctea, e as estratexias para valorizar o leite durante a próxima década.
A primeira mesa redonda, titulada "O futuro do leite entre a nova PAC e Mercosur", estará moderada por José Manuel Gegúndez, de Transmedia e Vaca Pinta, e contará coa intervención do eurodeputado Paulo Nascimento Cabral e representantes da Confederación de Agricultores de Portugal (CAP), a Confederación Nacional de Cooperativas Agrícolas (Confagri) e a Federación Agrícola dos Azores.
Durante a sesión de tarde analizarase o papel da auga no futuro da produción láctea, coa participación de representantes de organismos públicos e produtores. O último bloque estará dedicado á valorización do leite nos vindeiros dez anos, con intervencións de representantes de Lactogal, Lactalis, Fromageries Bel e Terra Alegre. A xornada concluirá coa intervención de Paulo Ramalho, vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N) para Agricultura.