O benestar das vacas e a eficiencia ambiental das granxas protagonizan o arranque das XXIII Xornadas de Seragro con máis de 700 asistentes

O benestar das vacas e a eficiencia ambiental das granxas protagonizan o arranque das XXIII Xornadas de Seragro con máis de 700 asistentes
  • O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este xoves a primeira parte das xornadas, cun programa dedicado ao descanso, á saúde podal, á reprodución e á xestión sostible das explotacións leiteiras.
  • O encontro continuará mañá con relatorios sobre bioseguridade, agricultura rexenerativa, reprodución e mellora xenética, ademais de experiencias prácticas de ganderías.

As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro deron comezo este xoves no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo con máis de 700 asistentes e unha primeira xornada de conferencias dedicada a analizar diferentes aspectos relacionados coa saúde e o benestar dos animais, a eficiencia produtiva e a sostibilidade das ganderías leiteiras.

Tras a inauguración oficial da man de José María García Nieto, presidente de Seragro; Fernando Muñoz Guzón, decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, e Francisco Cajoto Caserío, deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Rebeca Morales Bertolo, do Servizo de Calidade do Leite de Seragro, abriu o programa técnico cun relatorio sobre a valoración do descanso mediante criterios de benestar animal. A súa intervención centrouse na importancia de avaliar as condicións de descanso das vacas como parte do seguimento do seu benestar e das instalacións das explotacións.

A continuación, Javier Sáez Mateos, gandeiro e podólogo bovino, abordou as características dos pavimentos nas instalacións gandeiras, prestando atención á necesidade de combinar a tracción, o confort dos animais e a saúde podal. A súa exposición permitiu profundar na relación entre as superficies polas que transitan as vacas e as condicións necesarias para favorecer o seu desprazamento.

O bloque dedicado á reprodución chegou da man de Mayra Elena Ortiz D’Ávila Assumpção, profesora do Departamento de Reprodución Animal da Universidade de São Paulo (O Brasil), quen realizou unha revisión do coñecemento actual sobre a fertilidade dos touros, unha cuestión de especial interese para a xestión reprodutiva dos rabaños.

A produción e conservación das forraxes ocuparon as seguintes intervencións. Álex Udina Bonet, veterinario e director técnico de Adial, analizou o impacto da conservación do silo de millo na sostibilidade das explotacións leiteiras, relacionando a calidade da forraxe coa eficiencia da produción.

Pola súa banda, Francisco Morell Soler, consultor independente especializado en xestión de solos, fertilización, nutrición de cultivos e rega, dedicou o seu relatorio á relación entre o solo, a auga e os nutrientes no cultivo do millo en Galicia, abordando diferentes aspectos da súa sostibilidade.

EFICIENCIA, EMISIÓNS E IMPACTO AMBIENTAL

A sesión da tarde estivo centrada na relación entre os resultados produtivos e económicos das ganderías e o seu impacto ambiental.

Sara Hontoria Moneo, veterinaria de vacún de leite en Calidad Pascual, abordou a pegada de carbono desde a perspectiva da eficiencia das explotacións, baixo o título “Cando a eficiencia reduce emisións e aumenta beneficios. A pegada de carbono non é o que che contaron”. O relatorio puxo sobre a mesa a relación entre a xestión produtiva, as emisións e a rendibilidade da actividade.

A continuación, Gregorio Salcedo Díaz, investigador especializado en nutrición animal e sostibilidade en vacún de leite, centrou a súa exposición na pegada de nitróxeno reactivo como estratexia One Health nas granxas leiteiras, un enfoque que relaciona a saúde animal, a humana e a ambiental.

O programa técnico do primeiro día concluíu coa intervención de Adolfo Álvarez Aranguiz, investigador de Wageningen University & Research (Países Baixos), quen analizou novas estratexias para a gandería leiteira galega, atendendo a tres aspectos fundamentais: a eficiencia, a rendibilidade e a redución do impacto ambiental.

Tras as conferencias, celebrouse o habitual encontro gandeiro, que ofreceu aos asistentes un espazo de convivencia e intercambio de experiencias coa actuación do Mago Rafa.

MAÑÁ, BIOSEGURIDADE, XENÉTICA E EXPERIENCIAS GANDEIRAS

As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro continuarán mañá, venres 13 de novembro, a partir das 11:00 horas, cun programa que abordará a bioseguridade práctica nas explotacións, a agricultura rexenerativa, a produción de embrións e a mellora xenética orientada á eficiencia alimentaria.

Pola tarde, o protagonismo recaerá nas experiencias de Lucía López Sobrado, de Gandería Puluan-Lácteos Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), e Pelayo Méndez Martínez, de Ganadería El Dios SC (Asturias).

A charla maxistral de Jaime Izquierdo Vallina, sobre a transformación do mundo rural, dará paso á clausura e ao tradicional brinde do leite, previstos para as 18:00 horas.