Seragro pecha a XXIII edición das súas Xornadas Técnicas cunha mirada á bioseguridade, á innovación xenética e ao futuro do rural

Seragro pecha a XXIII edición das súas Xornadas Técnicas cunha mirada á bioseguridade, á innovación xenética e ao futuro do rural
  • O segundo día das xornadas combinou a análise da prevención sanitaria, a agricultura rexenerativa e a mellora xenética con experiencias de explotacións de Galicia e Asturias.
  • Jaime Izquierdo Vallina protagonizou a charla maxistral de clausura, antes do tradicional brinde do leite, co que se puxo fin a dous días de encontro do sector na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde se reuniron máis de 1.000 profesionais.

As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro concluíron este venres no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo tras dous días de relatorios e intercambio de experiencias arredor dos principais desafíos da produción leiteira. A segunda e última xornada estivo dedicada á prevención de enfermidades, á sostibilidade dos sistemas de produción, aos avances reprodutivos e xenéticos e á evolución dos modelos de xestión das explotacións gandeiras.

Alberto Allepuz Palau, profesor titular do Departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Universitat Autònoma de Barcelona, abriu o programa coa conferencia “Bioseguridade práctica: como optimizar a prevención da entrada de enfermidades nas explotacións”. A súa intervención abordou as medidas que poden aplicarse nas ganderías para reducir os riscos sanitarios e reforzar a prevención fronte á entrada de axentes infecciosos.

A continuación, Adolfo Álvarez Aranguiz, investigador de Wageningen University & Research (Países Baixos), volveu participar nas xornadas, nesta ocasión para analizar a relación entre a agricultura rexenerativa e a gandería leiteira. O relatorio permitiu abordar este modelo de produción desde a súa vinculación coa xestión agraria e a sostibilidade das explotacións.

REPRODUCIÓN E MELLORA XENÉTICA

Tras a pausa do café, o programa retomouse coa intervención de Mayra Elena Ortiz D’Ávila Assumpção, profesora da Universidade de São Paulo (O Brasil), que dedicou a súa segunda conferencia destas xornadas aos avances e perspectivas na produción de embrións bovinos. A especialista repasou a evolución das técnicas reprodutivas e as posibilidades que ofrecen no ámbito da produción gandeira.

A última conferencia da mañá correu a cargo de Pablo Juan Ross, director científico de STgenetics (Texas, EE. UU.), quen abordou a mellora xenética para optimizar a rendibilidade dos rabaños a través da eficiencia alimentaria. O seu relatorio centrouse na relación entre a selección xenética, o aproveitamento dos recursos alimentarios e os resultados produtivos das explotacións.

EXPERIENCIAS GANDEIRAS: TRADICIÓN, TECNOLOXÍA E XESTIÓN

A sesión da tarde estivo dedicada a coñecer de primeira man a experiencia de dúas explotacións de vacún de leite que representan diferentes formas de afrontar os desafíos actuais do sector.

Lucía López Sobrado, veterinaria, gandeira e socia de Gandería Puluán-Lácteos Ribeira Sacra, situada en Monforte de Lemos (Lugo), presentou o relatorio “Gandería e territorio: tradición e innovación”. A súa intervención estivo centrada na relación entre a actividade gandeira, o territorio e a incorporación de novas prácticas e ferramentas para o desenvolvemento das explotacións.

Pola súa banda, Pelayo Méndez Martínez, graduado en Enxeñería Agrícola e do Medio Rural e socio de Ganadería El Dios SC, situada no concello asturiano de El Franco, compartiu a súa experiencia sobre tecnificación, xestión de equipos e sostibilidade, máis alá dos tópicos. O relatorio abordou diferentes aspectos relacionados coa organización do traballo e a xestión profesional das ganderías leiteiras.

UNHA REFLEXIÓN SOBRE O FUTURO DAS ALDEAS

A charla maxistral desta edición correu a cargo de Jaime Izquierdo Vallina, funcionario público, escritor e excomisionado para o Reto Demográfico do Goberno de Asturias, que ofreceu a conferencia “Do pasado campesiño á aldea do século XXI”.

A súa intervención propuxo unha reflexión arredor da transformación do mundo rural e da evolución das aldeas, poñendo o foco no papel que desempeñan as actividades vinculadas ao territorio e nos desafíos que afrontan as comunidades rurais.

Con esta conferencia rematou o programa técnico dunha edición na que Seragro reuniu especialistas nacionais e internacionais, investigadores e profesionais das explotacións para compartir coñecementos sobre o presente e o futuro da produción leiteira.

Como peche, celebrouse o tradicional brinde do leite, un acto simbólico de apoio ao consumo de leite e produtos lácteos e de recoñecemento ao labor dos gandeiros e demais profesionais do sector, co que se clausuraron as XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.