Que implica e significa realmente a bioseguridade nunha granxa de vacún de leite?
Alude a prácticas de manexo e a infraestruturas utilizadas para reducir a probabilidade e o risco de transmisión de patóxenos. A bioseguridade externa é aquela que prevén a entrada de enfermidades externas ao interior da granxa. Cando o control se realiza dentro da gandería, falamos de bioseguridade interna. A rama céntrase en dous conceptos básicos e fáciles de explicar, aínda que non tanto de aplicar: o de segregar, que fai referencia a separar as fontes de infección dos animais susceptibles por contacto directo ou indirecto, e o de reducir a presión de infección, que se refire a diminuír as posibilidades de contaxio ou enfermidade.
Na actualidade, por que a bioseguridade debería ser entendida como unha parte máis do plan sanitario nas granxas?
Porque ten que estar integrada. De feito, xa o está na práctica do que é a sanidade da granxa, xa que se trata do manexo do gando e o uso das infraestruturas para minimizar infeccións. Son procedementos que diminúen a posibilidade de transmisión de patóxenos, que salvagardan o benestar animal e que reducen o consumo de antibióticos, o que resulta en maior produtividade e menor posibilidade de transmisión de enfermidades ás persoas.
No contexto actual, que cambiou para que a bioseguridade teña aínda máis peso que hai uns anos?
Actualmente, existen certos aspectos aos que se lles presta pouca atención. No relacionado co muxido, coa hixiene ou co control da mamite hai moito desenvolvemento en bioseguridade. A súa ausencia está na atención á entrada de patóxenos desde o exterior ao interior da granxa. Estes últimos anos, o contexto sanitario xeral empeorou. Debido á deterioración da situación sanitaria nos países próximos, estanse aproximando enfermidades como son a dermatose nodular contaxiosa, a febre aftosa pola conca do Mediterráneo ou a febre do Val do Rift. Existe un medo a que estas patoloxías broten e, neses casos, a bioseguridade xoga un papel importante. A atención activa que require, así como que a política europea se aliñe coa prevención e non con efectos curativos, estalle dando máis protagonismo.
Cre que o gandeiro percibe a bioseguridade como un investimento ou aínda se ve como un custo?
O beneficio que achega non é inmediato e as persoas poden dubidar da súa utilidade. Toda bioseguridade desenvolvida arredor do muxido percíbese na calidade do leite. Toda aquela relacionada co coidado dos xatos vese na porcentaxe de mortalidade. Pero aqueles métodos que se aplican para a redución da entrada de enfermidades nas granxas, como pode ser localizar preto do acceso exterior o punto de recollida de cadáveres, analizar como introducimos animais ou dispoñer de botas para visitas, non teñen efecto inmediato. Tampouco se sabe o que pode, ou podería, pasar se non se fai. A súa valorización conséguea o persoal veterinario que, ao acompañar as persoas gandeiras, realiza as tarefas de explicación. A entrada de enfermidades e os casos de sacrificios en granxas xeraron un relevante cambio no contexto ao aumentar a concienciación ao respecto do tema.
Di que mellorar a bioseguridade das granxas ten impacto no estado sanitario das rexións e dos países. Por que é tan importante a visión colectiva?
O ideal sería redirixir colectivamente a xestión cara á prevención, xa que o estado sanitario dunha granxa pode afectar ao de toda unha rexión. A nivel individual, unha gandería pode ter unha responsabilidade e obter resultados óptimos, pero, especialmente en enfermidades con consecuencias legais, a responsabilidade é colectiva.
Neste sentido, como podería intervir a Administración?
Apoiando os profesionais veterinarios para que desempeñen o rol de asesores á hora de concienciar os gandeiros. Fai falta tempo para manter conversas, explicar o porqué da importancia da bioseguridade, expoñer as vulnerabilidades… e, finalmente, redirixir o manexo da granxa. Aprobar lexislacións ou normas demasiado restritivas non considero que sexa o camiño. Isto pode xerar rexeitamento xeral, mentres que unha lexislación básica axuda a ter medidas comúns. Os cambios reais daranse cando expertos leven os coñecementos sólidos ás granxas co tempo suficiente para trasladalos a cada caso e apuntar os riscos existentes.
En Galicia e noutras autonomías de España, a produción conta coas ADS para a súa xestión. É un tipo de estrutura eficaz para mellorar as técnicas de bioseguridade?
O exemplo de Galicia é ideal no camiño cara á prevención. Aínda así, como cada granxa é un mundo, tampouco considero que faga falta un protocolo idéntico. Faltaría que os veterinarios tivesen máis tempo, xa que o quid é que cada granxa coñeza cales son os maiores factores de risco nas súas instalacións e tratar de traballar coas especificidades das diferentes contornas. Cada gandeiro terá a súa idiosincrasia propia, así como toda empresa as súas debilidades particulares. Aquí entra en xogo o rol de acompañamento aos gandeiros das Agrupacións de Defensa Sanitaria. En Galicia están mellor situadas que noutras comunidades autónomas que non teñen claro quen debería desenvolver este papel de asesoramento en prevención. Só recomendaría un protocolo máis xenérico para a abordaxe do problema, non un que unifique e estandarice o proceso. Cada granxa conta coas súas realidades, fallos e riscos propios, polo que necesita tamén as súas propias solucións.
Cal é o principal risco ou debilidade en bioseguridade nas granxas de España?
Polas enquisas de bioseguridade que realizamos, principalmente en Galicia e en Cataluña, serían os relacionados coa compra de animais. Son poucos os gandeiros que atenden ao estado sanitario das vacas novas que introducen nas súas granxas e a realización de corentenas é pouco común. Moitas veces, ao adquirir cabezas, dáse fe de que non teñen ningunha enfermidade de declaración obrigatoria, pero esquécese toda enfermidade endémica que poida ter a granxa. E, en realidade, as enfermidades adoitan entrar polo movemento de animais, ao que non se lle presta atención en España. Ao adquirir novas cabezas, cada granxa a nivel interno debería contar cunha listaxe de patoloxías non desexadas e, nos casos de non coñecer a procedencia nin o estado sanitario de orixe, hai que separalas do gando e realizar as analíticas necesarias.
Do mesmo xeito, non é común contar con botas para o veterinario que acode semanalmente a realizar o control reprodutivo, manter unha hixienización dos vehículos de transporte de animais nin realizar unha carga e descarga de cabezas coidando a desinfección. Hai moito traballo por facer.
Cales son os principais factores dos que depende a entrada de enfermidades?
O tipo de contacto e a súa frecuencia. O maior risco sempre se vai dar na interacción entre cabezas da mesma especie, mediante compra ou entre granxas veciñas, pero este tamén pode ter lugar con animais silvestres. Por contacto indirecto, aínda que non iguale o nivel de ameaza, podería darse a partir do uso de botas sucias, da contaminación dun camión con carga patóxena, do uso compartido de material entre granxas... Cando abordemos o mínimo en ameazas, sempre hai que distinguir primeiramente o tipo de contacto e, dentro do indirecto, a frecuencia coa que ten lugar.
Como debería ser utilizado un plan de bioseguridade na granxa?
Non é un papel para gardar nun caixón. É preciso que un plan de bioseguridade sexa individualizado e estea deseñado para motivar a persoa cara a un cambio na xestión. Debería partir da avaliación da biodiversidade da granxa e das prácticas que se seguen. A continuación, conformar un informe de retorno para o gandeiro co que se axude a visualizar os puntos de risco existentes e a ofrecer un apoio para o proceso de execución de modificacións importantes. O profesional veterinario ten que ir á granxa e valorar os procesos: as visitas, os circuítos dos animais, as interaccións con animais silvestres... Con toda a información, o profesional debería compoñer un documento que iniciase a conversa co gandeiro. Pode ser un informe con fotografías ou unha narración, o importante é que se abra o paso a discutir. Seguramente, ata acabe sendo o propio gandeiro quen propoña solucións ou estratexias eficaces. A cuestión está en ir facendo pequenos cambios para entrar na dinámica de previr a entrada de patoloxías.
Nos seus relatorios mencionou ferramentas en desenvolvemento como FarmR!SK. Que pode achegar un dispositivo de análise de risco ao asesoramento en bioseguridade?
Nalgúns proxectos de investigación estamos tratando de crear ferramentas útiles para o asesoramento en bioseguridade. FarmR!SK, desenvolvida a nivel europeo, realiza unha análise de risco cuantitativa. Nela, pode calcularse a probabilidade de que un patóxeno de BVD, IBR ou tuberculose acceda a unha granxa con base nos métodos de bioseguridade existentes e ás relacións epidemiolóxicas de entrada e saída de animais, persoas, camións... Xa con isto, pasamos ao cálculo do impacto da suma de novas medidas para a redución do risco. Un exemplo: se unha granxa non dá botas aos visitantes, o efecto de proporcionalas diminuiría o risco dun 20 % a un 15 %, mentres que levar a cabo unha corentena dos animais o faría dun 20 % a un 10 %. Hai que considerar os riscos internos, como tamén os existentes por cada vía de entrada para poder cuantificar o impacto posible de novas medidas e expoñer os seus resultados viables. É tamén indispensable, ante todas as frontes que se poden detectar, comezar por unha e traballala antes de pasar á seguinte.
O público obxectivo da aplicación están sendo tanto veterinarios coma gandeiros?
Está pensada para que un veterinario fale co gandeiro. É unha aplicación financiada con fondos públicos e que será de uso gratuíto, polo que calquera poderá introducir os datos da súa propia granxa para visualizar os riscos. De todos os xeitos, no relacionado coa transmisión de enfermidades, hai unha parte moi técnica para a que é indispensable o asesoramento e interpretación dun profesional. O porqué de que unha medida diminúa máis o risco que outra está ligado á epidemioloxía da enfermidade, por exemplo. De todos os modos, ao finalizar o seu desenvolvemento darémoslle publicidade para chegar ao maior número de persoas posible. Queremos que sexa útil e non quede nunha publicación científica.
De cara aos vindeiros anos, cre que veremos unha profesionalización do asesoramento en bioseguridade nas granxas de vacún de leite?
É a evolución natural. Abranguer máis temas no asesoramento é algo que xa está a ter lugar en moitas ganderías. Agora, simplemente cumpriría empezar a prestar atención a certos temas esquecidos. Ao facelo, tanto o contexto sanitario coma o lexislativo no que está enmarcado o sector veterinario serán mellorados. Se facemos números entre os custos en bioseguridade e o beneficio que esta pode supoñer, o balance é positivo. Creo que a perspectiva cara a esta debería ser de investimento, non de custo.