Aprolep reunirá o sector lácteo portugués o 20 de novembro para analizar os seus principais desafíos

Aprolep reunirá o sector lácteo portugués o 20 de novembro para analizar os seus principais desafíos

A Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) celebrará o vindeiro 20 de novembro, no Auditorio Tecmaia de Maia (Portugal), o Coloquio Nacional do Leite 2026, baixo o lema "Producir, innovar e valorizar". O encontro abordará cuestións estratéxicas para o futuro do sector, como a nova Política Agraria Común (PAC), o acordo con Mercosur, a xestión da auga e a valorización da produción láctea.

A xornada comezará ás 9:30 horas coa recepción dos asistentes e un almorzo. A inauguración institucional, prevista para as 10:20 horas, contará coa intervención de Miguel Silva, presidente de Aprolep, e está pendente de confirmación a participación do ministro de Agricultura portugués, José Manuel Fernandes.

Ás 11:00 horas celebrarase a primeira mesa de debate, titulada "O futuro do leite entre a nova PAC e Mercosur", moderada por José Manuel Gegúndez, de Transmedia e Vaca Pinta. Participarán o eurodeputado Paulo Nascimento Cabral e representantes das organizacións agrarias CAP, Confiagri e a Federación Agrícola das Azores.

Pola tarde, ás 14:30 horas, analizarase o futuro da auga na agricultura e na produción de leite, nunha sesión moderada por Teresa Silveira. Posteriormente, ás 15:30 horas, representantes de Lactogal, Lactalis, Bel e Terra Alegre debaterán sobre como valorizar o leite durante os próximos dez anos, nunha mesa que contará coa intervención de Francisco Sineiro.

O encontro concluirá ás 17:00 horas. A inscrición ten un custo de 20 euros para os socios de Aprolep e de 35 euros para os non socios.