A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia (APLE Galicia), en colaboración con Caixa Rural Galega, celebrará o vindeiro xoves 19 de novembro, ás 11:00 horas, en Lugo, a última das oito xornadas formativas organizadas durante os meses de outubro e novembro en diferentes localidades galegas.
A sesión, impartida por Agronovo, abordará cuestións relacionadas coa Política Agraria Común (PAC), a condicionalidade, o Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX), o caderno dixital, os plans de fertilización e a bioseguridade. O obxectivo é facilitar a comprensión destas obrigas e ofrecer orientación práctica para a súa aplicación na xestión diaria das ganderías, así como resolver as dúbidas máis habituais dos profesionais do sector.
A cita de Lugo porá fin a un programa que pasou por Castro Ribeiras de Lea, Meira, Allariz, Melide, Vilalba, Chantada e Becerreá. A xornada celebrarase na rúa Camiño Real, 72-74, entrechán B, e a participación será gratuíta, aínda que require inscrición previa. As persoas interesadas poden inscribirse a través do teléfono 698 956 453 ou do correo electrónico aplegalicia@gmail.com.