ENTREVISTA AO PRESIDENTE DE ANEMBE

J. Ranz: “O que pasou no sector do vacún en España foi unha auténtica reconversión industrial”

J. Ranz: “O que pasou no sector do vacún en España foi unha auténtica reconversión industrial”

En Vaca Pinta 21 charlamos co presidente de Anembe, Joaquín Ranz, sobre como afrontaron o traballo en 2020 na asociación e en que lles afectou a situación actual. Así mesmo, Ranz tamén nos fala dos próximos plans da asociación, entre os cales se atopa a reorganización do Congreso Mundial de Buiatría, que se celebrará en Madrid en 2022.

Como nos presentaría Anembe?

Anembe é un acrónimo que significa Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España. É unha asociación de veterinarios que aglutina a maioría dos veterinarios do país que exercen a profesión total ou parcialmente co vacún. A maioría dos socios e socias somos veterinarios prácticos, aínda que tamén os hai dedicados á investigación e traballadores das empresas do sector. A nosa asociación ten unha importancia moi destacada dentro da profesión, xa que facilitou, e segue facilitando, a formación dos veterinarios en contacto co vacún, ademais de establecer unha rede de contactos e amizades entre estes especialistas que permitiu o crecemento colectivo, a proxección internacional e o coñecemento das técnicas dos mellores profesionais do mundo.

Que tipo de actividades organiza a asociación?

Desde os seus inicios, Anembe tomou importancia por organizar un congreso internacional onde se xuntaban relatores de todo o mundo de máximo nivel, xunto co mellor que nos ofrecía en cada momento o panorama nacional. O congreso anual foi desde sempre o evento primordial de Anembe, ao cal acoden tamén a maioría das empresas farmacolóxicas do sector. Coa consolidación da asociación e do seu congreso, fóronse desenvolvendo tamén diversos seminarios específicos sobre temas de actualidade, cursos de formación presenciais e online e simposios para as diferentes especialidades que toca a medicina bovina.

Nos últimos anos, Anembe consolidouse como órgano formador de referencia para os veterinarios de vacún españois. Como beneficiou esta adquisición de coñecementos ao sector?

Beneficiouno moi positivamente, por suposto. Nas últimas décadas, o sector do vacún demostrou ser tremendamente dinámico e cada vez máis tecnolóxico (algo moi importante e que implica directamente os veterinarios). Ao permitir que os veterinarios españois coñecesen os últimos avances que se estaban utilizando nos Estados Unidos e en Europa, Anembe foi un trampolín para que cada profesional, en función das condicións da súa clientela, tentase aplicar todas estas novidades no seu traballo. Todo isto, unido á inercia dalgúns gandeiros con ganas de modernización e progreso, deu lugar a unha mestura magnífica para conseguir que España teña algunhas explotacións que son modélicas en Europa e un sector vacún moi desenvolvido.


“Nas últimas décadas, o sector do vacún demostrou ser tremendamente dinámico e cada vez máis tecnolóxico"

Estaba previsto que este ano a asociación organizase por primeira vez o Congreso Mundial de Buiatría. Como se afronta un evento así no medio dunha pandemia mundial?

A celebración do congreso mundial está suxeita a que outra asociación supranacional, como é a World Buiatric Association (WAB), cho asigne. Anembe e a súa xunta directiva anterior pelexaron moito por este proxecto e finalmente conseguiuse. Por desgraza, a situación actual facía imposible celebrar o evento en condicións e, posto que non podiamos desperdiciar a oportunidade de que o mundo enteiro coñecese o nivel científico dos veterinarios e a gandería de España, loitamos polo adiamento ata conseguilo.

A cita pospúxose ata setembro de 2022. Esperan que a afluencia sexa alta nesa data?

Efectivamente. A situación sanitaria pola que estamos a pasar obrigounos a aprazar o congreso, á espera de que no 2021 se consiga a vacinación da poboación, a normalización do tránsito internacional de persoas e o control da enfermidade. En 2022 esperamos chegar á celebración dun grande evento científico presencial que xunte máis de 3.000 profesionais de todo o mundo e que permita imprimirlle a esa reunión o espírito de alegría, hospitalidade e compañeirismo, trazos que foron característicos de Anembe durante toda a súa traxectoria.

Como pensan celebrar o resto das accións formativas previstas para 2021?

No outono de 2021, se a situación sanitaria o permite, temos vontade de organizar unha reunión presencial, un congreso de tránsito ao mundial, quizais algo máis pequeno que os últimos realizados, pero loxicamente con relatores de máximo nivel, coma sempre.

Ante a nova situación, que tipo de formacións están a ofrecer?

O certo é que 2020 foi un ano de auténtico parón, onde estivemos á espera de ver como evolucionaba a enfermidade para decidir que actividades lles poderían encaixar aos nosos socios. Para esta asociación a presencialidade é un activo de grandísimo valor, do cal non queremos desprendernos, pero as circunstancias de illamento territorial e a perimetraxe por rexións obrigáronnos a desembarcar no mundo da formación virtual. Agora mesmo estamos a preparar unha batería de máis de 25 webinarios que tratarán de fomentar ao máximo a interacción. Sairán á luz a principios de 2021 e esperamos que sexan moi ben acollidos. Se vemos que o sistema funciona, pensaremos en abrirlles a porta a máis actividades deste tipo.


"Se esta pandemia tivo algo positivo foi que o teletraballo no campo tamén empezou a dar os seus primeiros pasos”

Que temas tratarán eses seminarios dos que fala?

Tocaranse diferentes áreas de especialización da buiatría, con relatores nacionais e estranxeiros. Publicarase un cada semana, probablemente os mércores, de forma que imos chegar ao verán de 2021 cunha formación continuada de alto nivel. Tamén lles permitiremos ás empresas que foron promotoras habituais dos nosos eventos a súa participación en forma de patrocinio.

España é un dos líderes mundiais en medias de produción e de eficiencia produtiva. Que relación ten isto co feito de ter profesionais cada vez máis formados dentro do sector?

Estou convencido de que garda unha gran relación. Así e todo, probablemente esta pregunta a deberían contestar os nosos clientes, os gandeiros, pois non sería xusto quitarlles a eles ningún mérito, tanto pola calidade e intensidade do seu traballo día a día, como pola importancia dos seus investimentos económicos.

 O sector mellorou moito nun período relativamente curto de tempo. A que cre que se debe?

O que pasou no sector do vacún en España e, sobre todo, no de leite, foi unha auténtica reconversión industrial sen ningún plan de Estado. As opcións eran modernización ou peche, especialización ou ruína, investimentos ou retiradas; o horizonte lexislativo é sempre incerto e a política de apoio nunca está claramente definida, e, aínda así, conseguiuse esta melloría tan rápida. O mérito é de todos os gandeiros que traballaron por iso e que merecen o respecto dos técnicos, dos dirixentes e da sociedade en xeral, a cal está cada vez máis urbanizada e allea a estes esforzos.

Ante un sector cada vez máis especializado e automatizado, como evolucionará o labor do veterinario de gando vacún?

Evidentemente o seu labor vai cambiar, pero iso levará un tempo e creo que a actividade tradicional seguirá coexistindo coa robotizada. Se esta pandemia tivo algunha cousa positiva foi que o teletraballo no campo tamén empezou a dar os seus primeiros pasos. Hoxe en día, os sistemas robotizados de manexo dan a posibilidade de sacar moitísima información das explotacións, tanto a nivel individual como no que respecta ao rabaño. O veterinario pode ter acceso aos ordenadores das granxas desde a súa clínica e/ou oficina e pode detectar desde alí determinados problemas. No entanto, o gandeiro aínda debe tomar conciencia de que se pode facer así, de que se deben establecer canles seguras e rápidas de transmisión de datos e que, ademais, se pode facer garantindo a privacidade da información do seu negocio.


ANEMBE ESTRÉASE COMO COLABORADORA DE VACA PINTA

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España comezará a colaborar periodicamente con esta cabeceira a partir de 2021. Ambas as partes se amosaron moi positivas respecto a esta contribución á revista que esperan que axude a ampliar a oferta de contidos para o sector veterinario. “Anembe quere utilizar este medio como plataforma de coñecemento e escaparate das actividades que os veterinarios realizan ou poden realizar cos gandeiros de vacún, así como a modo de foro de consultas ou debate. En calquera caso, estaremos ao servizo do enfoque que o editor considere máis interesante”, destacou Ranz.