Casa Patrón cambia de ritmo con catro robots GEA: máis flexibilidade e maior control

Casa Patrón afrontou en 2025 un dos maiores cambios da súa historia coa posta en marcha dunha nova nave equipada con catro robots de muxido GEA. Esta gandería familiar asturiana comezou hai décadas con apenas sete ou oito vacas muxidas á man e foi medrando de forma progresiva ata alcanzar actualmente preto de 500 animais, dos cales 214 están en muxido. Máis en Vaca Pinta 62.

Á fronte atópanse Plácido Mayo; a súa muller, María Ángeles Francos, e o seu fillo, Plácido Mayo, incorporado á actividade en 2018, xunto cun traballador, Alejandro Agüero, e o apoio puntual das súas outras dúas fillas, Belén e Cristina.

Ante o crecemento do rabaño e, en especial, as dificultades para atopar persoal, a familia valorou distintas alternativas para renovar o sistema de muxido, entre elas unha sala rotativa, pero finalmente decantáronse pola robotización. A nova instalación deseñouse para facilitar o movemento dos animais e permitir que unha soa persoa poida realizar boa parte dos cambios de lote.

Na actualidade, as vacas alcanzan producións próximas aos 40 litros diarios, cunha media de 3,5 muxidos, un 4,20 % de graxa, un 3,45 % de proteína e recontos celulares habitualmente situados arredor das 120.000 células/ml.

Casa Patrón

Localización: Tineo (Asturias)

Número total de animais: 500

Vacas en muxido: 214

Número de robots: 4

Media actual de muxidos: 3,5

Produción media: 40 litros/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4,20 %

Porcentaxe de proteína: 3,45 %

RCS: 120.000 céls./ml


“Cos robots podemos organizar o traballo doutra maneira e ter moita máis flexibilidade”

Como evolucionou Casa Patrón ata chegar á instalación actual?

Casa Patrón é unha gandería familiar. Ao principio, había sete ou oito vacas que se muxían á man; despois pasouse a unha corte de amarre con algo máis de vinte animais e, arredor de 1990, construíuse unha nave para unhas 90 vacas cunha sala de muxido GEA.

Cos anos seguimos medrando e chegou un momento no que necesitabamos máis capacidade e outra forma de organizar o traballo. Actualmente, temos preto de 500 animais: 214 vacas en muxido, arredor de 35 ou 40 secas e unhas 210 cabezas de recría.

Por que decidiron apostar por catro robots de muxido?

Estivemos valorando tanto unha sala rotativa como a robotización. O principal problema era a man de obra. Unha instalación de maior capacidade con muxido convencional supoñía unhas necesidades de persoal moito maiores e hoxe é moi difícil atopar traballadores.

O robot achéganos moita flexibilidade. As vacas móxense soas e nós podemos organizar as demais tarefas da granxa doutra maneira. Ademais, logramos máis muxidos que antes e iso tamén nos axuda a mellorar a produción.

Como foi o deseño da nova instalación?

Antes de construíla visitamos outras granxas e vimos diferentes sistemas e deseños. Fomos collendo ideas e traballando con GEA ata buscar unha distribución que permitise que unha soa persoa puidese mover unha vaca dun lote a outro de xeito sinxelo.

Traballamos con tráfico libre e contamos con portas de postselección que permiten dirixir automaticamente os animais a distintas zonas. Tamén hai espazos específicos para preparto, vacas acabadas de parir ou animais que necesitan algunha atención especial.

Como se adaptaron as vacas ao cambio?

Empezamos a finais de abril do ano pasado con dous robots e fomos incorporando animais progresivamente. Algunhas vacas procedían da nosa propia granxa e tamén compramos animais para completar o rabaño.

A adaptación foi moi boa, tanto para elas coma para nós.


“Foi un investimento importante, pero volveriámolo facer mil veces”

Que características dos robots GEA valoran especialmente?

Valoramos sobre todo a posibilidade de realizar a colocación manual, porque facilita moito o traballo con primíparas, acabadas de parir ou animais que presentan algunha dificultade. Non todos os animais son perfectos para o robot e dispoñer desa opción resulta moi útil.

Ademais da colocación manual, interésanos moito a separación do leite por cuartos e toda a información que proporciona o sistema sobre cada animal. Os colares tamén son fundamentais para a detección de celos e para determinar o momento óptimo de inseminación.

Os programas de xestión son bastante intuitivos. Podemos consultar información sobre secados, xestacións, partos, tratamentos, podoloxía ou células somáticas de cada vaca. Ao principio hai que familiarizarse con eles, pero despois o manexo resulta sinxelo.

Tamén lle  damos moita importancia á xenética. Levamos anos traballando con embrións, bos touros e animais procedentes de distintas ganderías e, cando compramos vacas fóra, procuramos seleccionar animais adecuados para o robot e cunha boa colocación do ubre e dos tetos.

Que valoración fan da decisión tomada?

Foi un investimento elevado, pero cremos que foi a decisión adecuada. Volveriámolo facer mil veces. Se o fixésemos antes, sería aínda mellor.

Agora o obxectivo non é seguir aumentando o número de animais, senón intentar ser cada vez máis rendibles e mellorar o que xa temos: a alimentación, as instalacións, o benestar animal e a xenética. A idea é seguir avanzando, pero non necesariamente medrar en volume.

Mónica López, comercial de Frío y Goyo Fuentes, distribuidor de GEA en Asturias
Mónica López, comercial de Frío y Goyo Fuentes, distribuidor de GEA en Asturias
“O servizo técnico é esencial, pero a xestión dos datos tamén é moi importante para obter un bo rendemento”

Que aspectos destacaría do robot GEA?

Unha das características que máis destacamos deste robot é a separación por cuartos e a análise de células somáticas cuarto por cuarto, unha información que nos parece fundamental para traballar sobre a calidade do leite no tanque.

Que asesoramento lles ofrecen ás ganderías despois de instalar os robots?

O noso traballo non remata coa posta en marcha. Ademais da parte comercial, axudamos o gandeiro a interpretar os datos no día a día, non só durante o arranque, senón ao longo de toda a súa actividade.

O servizo técnico é esencial, porque o gandeiro ten que sentir a seguridade e a tranquilidade de que pode coller o teléfono e recibir asistencia en calquera momento. Cremos que a xestión dos datos tamén é moi importante para conseguir un bo rendemento da granxa.

GEA dispón de DairyNet, un programa que lle permite ao gandeiro consultar e rexistrar información tanto desde o ordenador coma desde o móbil, mesmo sen estar fisicamente na explotación.

Juan Carlos González, delegado de GEA en el norte y centro de España
Juan Carlos González, delegado de GEA en el norte y centro de España
“Robotizar non consiste unicamente en instalar máquinas, senón en desenvolver un proxecto que facilite o traballo de verdade”

Que destacaría do proxecto desenvolvido en Casa Patrón?

É un dos proxectos de robotización máis interesantes que realizamos na zona. Desde o principio traballouse conxuntamente coa familia e co distribuidor sobre unha idea inicial que despois se foi modificando con referencias doutras explotacións ata cubrir as súas necesidades.

A instalación conta con catro robots distribuídos en dous grupos de dous, con diferentes zonas de separación para vacas en celo, animais que necesitan atención e vacas próximas ao parto ou acabadas de parir. Un dos obxectivos principais era que unha soa persoa puidese realizar cambios de lote dunha maneira sinxela, aproveitando as portas de postselección automáticas.

Para nós, robotizar non consiste unicamente en instalar máquinas, senón en desenvolver un proxecto que facilite o traballo de verdade e que o gandeiro estea convencido do sistema que imos instalar. Neste caso compleméntase con cabinas de alimentación, un arrimador de comida e sistemas automatizados de limpeza.