EN VÍDEO

A innovación en ingredientes e aditivos para a industria láctea e alimentaria centrou as xornadas técnicas da APLTA en Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) reuniu os días 22 e 23 de outubro investigadores e profesionais do sector nun encontro que contou coas conferencias maxistrais de Ángel Gil e Javier Fontecha.

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acolleu os días 22 e 23 de outubro a cuarta edición das Xornadas sobre Ingredientes e Aditivos na Industria Láctea e Alimentaria, organizadas pola Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA).

Durante as dúas xornadas, investigadores, especialistas e representantes de empresas do sector abordaron as principais tendencias do mercado, os avances tecnolóxicos e as posibilidades que ofrecen os novos ingredientes e aditivos para o desenvolvemento de produtos alimentarios. O encontro prestou especial atención á innovación na industria láctea, tanto desde o punto de vista científico como da súa aplicación práctica nos procesos de produción.

Entre as intervencións máis destacadas figuraron as conferencias maxistrais de Ángel Gil, investigador vinculado á Universidade de Granada e especialista en nutrición, e Javier Fontecha, investigador do Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación (CIAL-CSIC).

A participación de Fontecha permitiu afondar no desenvolvemento de lácteos funcionais e nas evidencias científicas sobre os seus posibles efectos na saúde cardiovascular e cognitiva. Entre os aspectos abordados estiveron as estratexias de modificación do perfil lipídico do leite, a incorporación de compoñentes bioactivos e o aproveitamento de subprodutos lácteos para obter ingredientes de valor engadido.

Pola súa parte, Ángel Gil, catedrático emérito da Universidade de Granada e especialista en nutrición, centrou a súa intervención no eixe intestino-cerebro e na modulación da microbiota intestinal. Durante o seu relatorio, abordou a relación entre a alimentación, a microbiota e a función cerebral, así como o papel do sistema inmunitario e dos metabolitos intestinais nesta comunicación. Tamén afondou no potencial da alimentación, incluídos os produtos lácteos, para modular a microbiota e nas posibilidades que ofrece a nutrición personalizada.

O programa tamén contou coa participación de Enric Tardio, de Innova Market Insights, así como de profesionais de empresas como DSM, AAK-Alifarma, IFF, DKSH, Inproteins, FOSS e Novonesis, que presentaron diferentes solucións e avances relacionados coa utilización de ingredientes, aditivos e tecnoloxías na industria alimentaria.

As sesións combinaron contidos científicos con experiencias empresariais e aplicacións prácticas, ofrecendo unha visión das oportunidades de innovación no deseño e na fabricación de produtos alimentarios.

O encontro estivo dirixido especialmente a profesionais dos departamentos de I+D+i, innovación, márketing, produción e calidade de empresas alimentarias, ademais de investigadores e estudantes interesados en coñecer as novidades do sector.

Con esta cuarta edición, a APLTA deu continuidade a unha iniciativa orientada a favorecer o intercambio de coñecemento entre o ámbito científico e a industria, así como a achegar os avances en ingredientes e tecnoloxías alimentarias ás necesidades reais das empresas.