A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu o pasado 15 de setembro a defensa da tese de doutoramento Estrés por calor e os seus efectos na reprodución, produción láctea e benestar do gando vacún de leite no noroeste de España, realizada por Elena Niceas Martínez Díez, do Departamento de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A investigación, desenvolvida en explotacións comerciais da provincia de Lugo, pon de manifesto que o estrés térmico tamén constitúe un problema para as ganderías do noroeste peninsular, malia as temperaturas moderadas que caracterizan o seu clima atlántico. A combinación de calor e elevada humidade ambiental pode comprometer a fertilidade, modificar a composición do leite e alterar o metabolismo das vacas durante o período de transición.
Entre os resultados destaca o efecto da calor sobre a reprodución. Nun dos estudos, realizado con 159 vacas Holstein, os protocolos de inseminación a tempo fixo permitiron manter os resultados reprodutivos durante o verán, cunha taxa de xestación do 48,5 %, fronte ao 29,5 % rexistrado nos animais inseminados tras a observación do celo.
A tese tamén analizou as variacións estacionais no perfil de ácidos graxos do leite e as alteracións metabólicas arredor do parto, identificando diferenzas relacionadas tanto coa época do ano como coas condicións particulares de cada explotación.
Os resultados subliñan a importancia de controlar a temperatura e a humidade dentro das instalacións, mellorar a ventilación e adaptar o manexo reprodutivo e nutricional durante os meses cálidos.
A investigación achega novas evidencias sobre a necesidade de incorporar medidas de prevención do estrés térmico nas explotacións leiteiras galegas, mesmo en rexións tradicionalmente consideradas de clima temperado.