A Deputación Provincial de Lugo acolleu esta mañá a presentación das XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que se celebrarán o xoves 12 e o venres 13 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta nova edición volverá reunir gandeiros, veterinarios, técnicos e outros profesionais vinculados ao sector para abordar cuestións de actualidade relacionadas coa produción leiteira e a xestión das explotacións.
No acto de presentación participaron o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, e os representantes da organización José Luis Míguez Vázquez, Víctor Manrique Arroyo e Jesús Fiallega Val, que deron a coñecer as temáticas propostas nesta ocasión.
Durante a súa intervención, José Luis Míguez Vázquez agradeceu a implicación de todos os axentes que fan posibles estas xornadas que, subliñou, son de asistencia libre e totamente gratuíta, e destacou o compromiso da organización de ofrecer contidos de interese para o sector. Neste sentido, sinalou que o programa volve abordar cuestións de actualidade, como a bioseguridade, a xestión do territorio, a biotecnoloxía ou a sostibilidade, sen esquecer as experiencias gandeiras. Tamén puxo en valor a calidade humana e profesional dos participantes nesta edición e adiantou que Jaime Izquierdo Vallina será o encargado do tradicional brinde do leite.
Pola súa banda, Víctor Manrique Arroyo, ademais de presentar os contidos do programa, lembrou que as xornadas volverán contar con espazos como o Encontro Gandeiro do xoves, que permitirá aos asistentes compartir impresións e comentar os temas abordados nos relatorios nun ambiente máis distendido.
Así mesmo, Pablo Rivera Capón reafirmou o apoio da Deputación de Lugo a estas xornadas como espazo de formación e posta en valor do sector primario. O deputado destacou a importancia da remuda xeracional e da innovación para o futuro do vacún de leite, un sector que, segundo lembrou, non só ten un peso fundamental na economía provincial, senón que tamén forma parte da historia e da cultura de Lugo.
BENESTAR ANIMAL, REPRODUCIÓN E SOSTIBILIDADE NA PRIMEIRA XORNADA
O programa comezará o xoves 12 de novembro, ás 10:00 horas, coa inauguración oficial. A continuación, Rebeca Morales Bertolo, do Servizo de Calidade do Leite de Seragro, abordará a valoración do descanso das vacas, mentres que Javier Sáez Mateos, gandeiro e podólogo bovino, analizará a relación entre as características dos pavimentos, o confort e a saúde podal.
A reprodución terá o seu espazo coa intervención de Mayra Elena Ortiz D’Ávila Assumpção, profesora da Universidade de São Paulo, sobre a fertilidade dos touros. Seguidamente, Álex Udina Bonet, director técnico de Adial, tratará a conservación do silo de millo e a súa influencia na sostibilidade, e Francisco Morell Soler, consultor independente, centrarase na xestión do solo, a auga e os nutrientes.
Pola tarde, Sara Hontoria Moneo, de Calidad Pascual, falará sobre eficiencia, emisións e pegada de carbono, mentres que Gregorio Salcedo Díaz, investigador especializado en nutrición animal, abordará a pegada de nitróxeno reactivo. Adolfo Álvarez Aranguiz, de Wageningen University & Research, pechará os relatorios con novas estratexias para mellorar a eficiencia e a rendibilidade das ganderías e reducir o seu impacto ambiental. A xornada finalizará ás 18:00 horas co habitual Encontro Gandeiro.
BIOSEGURIDADE, XENÉTICA E EXPERIENCIAS GANDEIRAS PARA O VENRES
O venres 13, a partir das 11:00 horas, Alberto Allepuz Palau, da Universitat Autònoma de Barcelona, abordará a bioseguridade nas explotacións. Seguiranlle Adolfo Álvarez Aranguiz, coa agricultura rexenerativa; Mayra Elena Ortiz D’Ávila Assumpção, coa produción de embrións bovinos, e Pablo Juan Ross, director científico de STgenetics, coa mellora xenética e a eficiencia alimentaria.
Pola tarde, Lucía López Sobrado, de Gandería Puluan-Lácteos Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), e Pelayo Méndez Martínez, de Ganadería El Dios SC (Asturias), compartirán as súas experiencias sobre a xestión e evolución das súas explotacións.
A charla maxistral de clausura correrá a cargo de Jaime Izquierdo Vallina, escritor e excomisionado para o Reto Demográfico de Asturias, co relatorio “Do pasado campesiño á aldea do século XXI”. As xornadas concluirán ás 18:00 horas co tradicional brinde do leite.