O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza o vindeiro 12 de novembro unha xornada técnica sobre vixilancia sanitaria nas Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) de vacún de Galicia. A actividade, que conta coa colaboración da Subdirección Xeral de Gandería e da ADSG O Cruceiro, celebrarase na sala de exposicións do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames).
O encontro ten como obxectivo dar a coñecer os traballos desenvolvidos nas liñas de investigación C7 e C10 da Agacal, concienciar o sector sobre o uso responsable de antibióticos e actualizar coñecementos acerca das principais enfermidades incluídas nos programas sanitarios das ADSG, así como doutras patoloxías emerxentes de interese para a gandería.
O programa comezará ás 10:00 horas cunha intervención de Luis Vázquez sobre mellora xenética na raza Rubia Galega e cruzamento industrial en gando frisón. A continuación, Carmen Calvo abordará a enfermidade hemorráxica epizoótica e a lingua azul, mentres que Ignacio Arnaiz analizará os programas sanitarios das ADSG en Galicia. Tras unha pausa, Juan Carlos Agra tratará o manexo da recría de xovencas e Verónica Gómez profundará na resistencia aos antibióticos e no concepto One Health. O último relatorio, a cargo de Antonio Montenegro, estará dedicado á ferramenta Presvet e á súa contribución ao uso responsable de antibióticos veterinarios. A xornada finalizará cunha mesa redonda e un coloquio entre os participantes.
As persoas interesadas en asistir poden presentar a súa preinscrición a través da plataforma de formación da Xunta de Galicia, indicando o código da actividade TT2026F115016. Para obter máis información, poden contactar coa coordinadora, Verónica Gómez, a través do correo electrónico veronica.gomez.gomez@xunta.gal ou do teléfono 881 881 815.