A actualidade sanitaria continúa poñendo a proba esa capacidade de adaptación. A dermatose nodular contaxiosa segue condicionando a celebración de feiras e concursos, mentres o virus Shamonda engade preocupación ao día a día das ganderías. Nestas páxinas abordamos esta ameaza e formulamos en “A debate” esta cuestión: por onde empezar para protexer a granxa? Coñecer os riscos e revisar as nosas prácticas é o primeiro paso para mellorar a prevención.
As dificultades tampouco nos fixeron deixar de percorrer quilómetros. Estivemos en Agropec, onde presentamos e moderamos as mesas redondas das xornadas organizadas por Ascol e Conafe como alternativa á celebración do concurso nacional de frisona, para continuar escoitando profesionais e gandeiros e poñer en común os retos inminentes que se lle presentan ao sector. Ademais, regresamos a SPACE para estar ao día das novidades en automatización, xestión da auga e eficiencia. Volver a Rennes tivo, a maiores, unha parte máis persoal. Botamos de menos amigos e compañeiros que durante anos formaron parte da súa organización e cos que compartimos tantas edicións. As feiras tamén se constrúen con esas relacións, coas persoas que nos reciben e que acaban convertendo unha cita de traballo nun lugar ao que apetece volver.
Dos recintos feirais pasamos a Casa Menor, en Boimorto, a gandería protagonista deste número. A súa historia convídanos a ampliar a mirada sobre un dos asuntos máis repetidos cando falamos do futuro da gandería: a remuda xeracional. Nesta ocasión, a sucesión chega da man dun empregado que asume a xestión da explotación na que levaba anos traballando. Por que non?
Con frecuencia pensamos na remuda como un paso de pais a fillos, pero tamén hai futuro en quen coñece a granxa, demostrou a súa capacidade e quere dar un paso máis. Paga a pena facilitar esas outras vías e darlles visibilidade. Se hai persoas dispostas a seguir, deberiamos procurar que atopen o xeito de facelo.
A continuidade de proxectos así esixe mellorar e seguir aprendendo. As entrevistas con Alberto Allepuz, Jodi Wallace e Javier Camba achegan perspectivas sobre epidemioloxía, recría e peritación de sinistros agrarios. En “O leite”, David Céspedes achéganos a outra responsabilidade que sentimos propia, a de explicar con claridade o coñecemento e o valor dos nosos alimentos fronte aos bulos desinformativos que corren polas redes.
Esa conexión entre coñecemento e práctica percorre os contidos de saúde podal, así como os nosos artigos especiais de recría e medio ambiente, este último centrado na análise da xestión das nosas explotacións para facelas máis sostibles, un tema que se aborda “Con lupa” a través do estudo da evolución das emisións de amoníaco no sector nestes últimos vinte anos.
Na gandería, na investigación ou nesta redacción, avanzar require observar o que facemos, incorporar o que resulta útil e corrixir o que pode ser máis eficaz. Con esa disposición preparamos este número e esperamos que a súa lectura vos axude tamén a seguir facendo o voso traballo cada día un pouco mellor.