Aresa e a USC asinan de novo o seu convenio de colaboración para botar a andar unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Aresa e a USC asinan de novo o seu convenio de colaboración para botar a andar unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) renovaron este martes o seu compromiso co desenvolvemento do medio rural galego mediante a sinatura dun novo convenio de colaboración para a convocatoria do XXVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

O acto celebrouse na sala de prensa do Pazo de Montenegro, en Lugo, coa participación da presidenta de Aresa, Carlota López Pardo, e da reitora da USC, Rosa María Crujeiras Casais.

Con este acordo, ambas institucións dan continuidade a unha iniciativa que comezou no ano 2000 e que, ao longo da súa traxectoria, distinguiu o traballo de empresas, asociacións, entidades e grupos de investigación comprometidos co progreso do rural galego.

O Premio Aresa ten como finalidade recoñecer proxectos que contribúan a dinamizar a actividade económica, xerar oportunidades de emprego e mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no rural. Entre os aspectos que se valorarán nas candidaturas figuran a súa viabilidade económica, a capacidade para xerar valor engadido, a recuperación de actividades agrícolas e gandeiras con potencial de desenvolvemento, o aproveitamento dos produtos tradicionais galegos e a incorporación de innovacións nos procesos produtivos.

A renovación do convenio reafirma a colaboración entre Aresa e a USC na promoción de iniciativas que favorezan o futuro do sector primario e do tecido empresarial vinculado ao rural, así como na posta en valor de proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible do territorio.

CONVOCATORIA DA XXVII EDICIÓN

Coa sinatura deste acordo, ponse en marcha unha nova convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que mantén a súa vocación de dar visibilidade a iniciativas capaces de impulsar a actividade económica e social no ámbito rural galego.

As candidaturas poden presentarse desde hoxe ata o 18 de decembro de 2026 nos rexistros da USC. As bases completas do certame están dispoñibles en aresa-agricola.com.

PALMARÉS DE PREMIADOS

Ao longo das súas vinte e seis edicións anteriores, o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recoñeceu iniciativas de diferentes ámbitos vinculados ao sector primario, á investigación, á transformación agroalimentaria e á dinamización do rural galego.

Entre os galardoados figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), Moexmu (2023), Traloagro (2024) e Bico de Xeado (2025).