O IES de Arzúa (A Coruña), que oferta cada curso formación profesional relacionada co sector primario, organiza o 11 e o 12 de febreiro unha serie de sesións relacionadas co gando vacún.
Tras a inauguración, a primeira xornada comezará co reto da remuda xeracional. Lucía Casal e Eloi Costa serán os encargados de ofrecer as primeiras impresións.
A continuación, Jessica Rey, da Cooperativa Clun, abordará a situación actual do sector lácteo. Máis tarde, Vanesa Sande, da Cooperativa Perpetuo Socorro, centrarase na implementación da alimentación con carro mesturador.
O último tema tratado correponderase co maneo da reprodución. Meritxell González e Sara Martínez, de Seragro, analizarán esta materia.
Na xornada do xoves será a quenda do muxido robotizado da man de Carlos Salgado, de GEA. Seguidamente, Xosé Luis Fernández, de Casa Xordo, relatará as técnicas de manexo das forraxes.
Entre outros puntos a tratar, estará a mellora xenética, baixo os coñecementos do profesor na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ramiro Fouz. Por último, Margot García, responsable da ADSG Terras do Queixo, explicará o labor dos veterinarios na sanidade.