Formación, prácticas e emprego: así constrúe o IES de Arzúa a remuda xeracional no rural

Nun momento no que as ganderías e as empresas do sector primario están cada vez máis tecnificadas e, ao mesmo tempo, teñen dificultades para atopar man de obra, a formación especializada converteuse nunha ferramenta clave para garantir a remuda xeracional. O IES de Arzúa, na provincia da Coruña, leva catro décadas apostando pola rama agraria e, grazas á súa oferta de ciclos medios, superiores e formación profesional básica, consolidouse coma unha ponte directa entre a aula e o emprego para moitos mozos da comarca. Máis en Vaca Pinta 59.

Actualmente, no centro están matriculados arredor de 300 alumnos, dos cales uns 160 forman parte dos ciclos formativos, “é dicir, máis da metade do estudantado”, explica Carlos Iglesias, vicedirector do IES. O número de profesores alcanza a cifra de 55.

Iglesias estudou no ano 2000 o Ciclo Superior de Xestión Forestal en Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo). En 2008 aprobou as oposicións de Educación e, desde entón, agás dous anos puntuais, traballou no IES de Arzúa. No equipo directivo do centro leva un ano.

Guadalupe Amil, pola súa parte, é a xefa do Departamento de Agraria do centro desde hai catro anos: “Empecei dando tecnoloxía na ESO como interina, pero non me gustaba demasiado, así que me cambiei á familia profesional agraria, que era o meu realmente. Comecei como interina no instituto de Ponteareas, despois estiven en Castro e agora en Arzúa, onde xa levo máis de vinte anos e coa praza definitiva”.

Xunto a eles, o departamento apóiase nun equipo docente con perfís e traxectorias complementarias. Teresa Santamarina é profesora de formación profesional agraria con preto de trinta anos de experiencia, que combina a súa traxectoria docente co seu pasado como enxeñeira de campo en cooperativas galegas. Imparte clases na FP Básica de Agroxardinería e Composicións Florais e tamén no Ciclo Medio de Produción Agropecuaria.

A este equipo súmase Mónica Pérez, profesora da familia agraria desde hai cinco anos no centro, tras iniciar a súa traxectoria en distintos institutos galegos e traballar durante un período na Consellería do Medio Rural, no ámbito das industrias agroalimentarias. Actualmente, imparte módulos en varios niveis, desde FP Básica —sobre viveiros e produción de planta— ata ciclos medios, onde aborda materias como prevención de incendios forestais ou produción gandeira.

O departamento conta tamén con docentes cunha longa traxectoria no centro, como Alfonso Piñeiro, que leva máis de dúas décadas impartindo clase no IES. No seu caso, encárgase dos módulos de mecánica en varios dos ciclos, unha aprendizaxe clave para o manexo e mantemento da maquinaria.

O equipo complétase con perfís coma o de Javier Rodríguez, que imparte módulos vinculados tanto ao ámbito agrario como forestal, como fundamentos agronómicos, fundamentos zootécnicos, uso público en espazos naturais ou topografía agraria, o que reforza a visión transversal da formación que se ofrece ao alumnado.


Carlos Iglesias: “Unha alta porcentaxe do alumnado adoita quedar traballando nas empresas onde fixo prácticas”

O Programa Impulsa

Neste centro tamén puxeron en marcha o Programa Impulsa. Iglesias conta que empezou cunha reunión cunha profesora de Economía no salón de actos, na cal se ía pedir axuda a unha ONG chamada Axuda en Acción, destinada á ESO. Con todo, ese ano era para os ciclos formativos e aventuráronse a traela ao centro.

Nun inicio denominábase Proxecto Emprende, para impulsar o emprendemento rural dos mozos. Agora están co Programa Impulsa, unha consecución do anterior. Con este proxecto, lévanse a cabo titorías individualizadas con aqueles alumnos que teñen calquera tipo de problema, tanto persoal como laboral. Ademais, ensínanlles a facer currículos, a traballar as dinámicas en grupo etc. As actividades inclúense dentro das horas de clase, pero están relacionadas, na súa maioría, co ámbito laboral. Tamén lles está sendo útil a nivel organizativo e de funcionamento do centro: se algún alumno necesita un ordenador, inténtase buscarllo, implementáronse chans sensoriais para o patio do recreo etc.

Evolución dos ciclos e do alumnado

Os ciclos de agraria e de administrativo implantáronse no IES de Arzúa á par da creación do centro, hai uns corenta anos, coa denominación de FP1 e FP2. No 2000 introducíronse xa co nome de ciclos formativos, a raíz du-nha das últimas reformas educativas.

Os diferentes ciclos fóronse implementando pouco a pouco no centro. Os dous primeiros foron o Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural e o Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Posteriormente, introduciuse a FP Básica de Agroxardinería e Composicións Florais, e pouco a pouco foron completando a oferta.

A posta en marcha do Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica coa nova formación dual en 2019 xurdiu ao considerar que, desde o departamento, faltaba unha ligazón co sector agrario que si tiñan co forestal. Ademais, demandábano tanto o alumnado como as propias empresas, que chamaban constantemente ao centro para solicitar estudantes para traballar. Agora, no seu lugar, ofertan o Ciclo Medio de Produción Agropecuaria co certificado de profesionalidade en gandería ecolóxica, único en Galicia.

En canto ao alumnado deste ciclo, foron notando cambios no perfil desde que o puxeron en marcha ata agora: “No primeiro curso, o perfil era, curiosamente, universitario. Agora, máis ben proceden de FP Básica ou da ESO”, comenta Amil.

Desde o propio profesorado destacan tamén que se trata, en moitos casos, de alumnado da comarca que non sempre encaixa nos itinerarios académicos tradicionais, pero que atopa nestes ciclos un espazo onde desenvolver outras capacidades. “Ás veces chegan cunha autoestima baixa a nivel académico, pero teñen calidades moi resolutivas que o sector demanda e logo séntense moi valorados”, apunta Santamarina.

Piñeiro engade outro matiz: aínda que tradicionalmente predominaban os fillos de agricultores ou gandeiros, cada vez chegan máis estudantes sen vinculación directa co sector, en especial nos ciclos forestais, mentres que nos relacionados coa gandería segue sendo habitual o alumnado procedente de explotacións familiares.

Con respecto ao número de estudantes que manexan nestas formacións, os diferentes profesores coinciden en que no Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural se mantén constante, con bastantes alumnos. Pola súa parte, no Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural detectaron altos e baixos, mentres que no Ciclo Medio de Produción Agropecuaria si que contan con poucos alumnos. Con todo, na FP Básica adoitan dispoñer de bastante estudantado. “Cremos que é importante que se saiba que existen estes ciclos, porque están moi demandados polo sector primario”, comenta Teresa Santamarina.

Desde o profesorado sinalan que esta menor matrícula nos ciclos vinculados á gandería contrasta coa realidade da contorna: “Estamos nunha zona eminentemente gandeira, pero hai anos nos que mesmo non se pode formar grupo”, declara Pérez, quen apunta tamén ao papel das familias, que en ocasións orientan o alumnado cara a outros itinerarios formativos malia a tradición agraria.              


Teresa Santamarina: “O que máis piden as empresas é actitude e aptitude”

As prácticas, claves para a incorporación e para fixar poboación no rural

A maneira na que se xestionan as prácticas varía entre o sistema dual e o ordinario. En dual, contan cuns equipos de dinamización que lles axudan a contactar coas empresas da zona e tamén se leva a cabo esta tarefa desde o propio departamento. No ordinario, son os titores xunto cos coordinadores de Formación en Centros de Traballo (FCT) quen fan un labor de sondaxe e de seguimento.

A colaboración entre os alumnos e as empresas que ofertan as prácticas empeza a xestarse a final de curso, de cara ao próximo ano: “As entidades acoden ao centro, convocamos os estudantes que están preinscritos nese momento e fanlles unha entrevista. A raíz disto, van escollendo por orde de preferencia os que encaixan mellor. O seguinte paso é asinar o convenio. Este ano desenvólvense desde o 1 de abril ata o 15 de agosto. O que intentamos é que, entre o primeiro e o segundo ano, estean máis ou menos uns sete ou oito meses nas ganderías ou entidades”.

Neste proceso de asignación, o equipo docente recalca que se teñen en conta aspectos máis alá do currículo. “O que máis nos piden as empresas é actitude e aptitude”, indican desde o departamento, polo que se busca que o alumnado teña motivación e predisposición para integrarse no traballo diario.

No caso concreto do ciclo vinculado á produción agropecuaria, o número reducido de estudantes fai que, en moitas ocasións, sexan eles mesmos quen elixen destino dentro dun abano limitado de opcións, que se concentra principalmente en ganderías da zona.

“O sistema de prácticas é agora mesmo fundamental para o desenvolvemento da profesionalidade no sector agrícola”, expresa o vicedirector do centro. Neste sentido, agrega que é necesario que o alumnado posúa moitos coñecementos teóricos, pero todas as empresas solicitan un desenvolvemento práctico importante: “A mellor maneira de poder formalos é que empecen a realizar prácticas o antes posible, cunha fundamentación teórica relevante”.

Ademais, inténtase que exista un bo encaixe entre alumnado e empresa. “Prima que ambos estean cómodos: coñecer en que é bo cada estudante e buscarlle o lugar adecuado dentro do abano de entidades colaboradoras”, describe o profesorado. Así mesmo, Teresa Santamarina resalta que a relación coas entidades e ganderías coas que colaboran é positiva: “É importante dialogar moito e explicarlles como é o perfil das persoas que van acoller, ademais de incidir en que se están formando e non son traballadores”. A profesora agrega que é gratificante ver a evolución dos estudantes desde que empezan as prácticas ata que as finalizan: “Cando falas con eles, comparten o contentos que se senten”.

Desde esta perspectiva, Pérez subliña que a demanda de persoal no sector é moi elevada: “As ganderías están pedindo xente continuamente e moitas non atopan”, o que se traduce en que boa parte do alumnado que realiza prácticas ten opcións reais de incorporación inmediata.

En canto á fixación de poboación no rural, o vicedirector apunta que o 80 % do alumnado que vén ao centro é da zona; polo tanto, xa están apostando por que estuden alí e, posteriormente, en moitos dos casos, continúen coa súa vida laboral tamén na área.

Así mesmo, Carlos Iglesias asevera que estas formacións teñen moita saída: “Practicamente o 90 % do alumnado que está agora nas empresas realizando prácticas adoita quedar nelas e, se non, en entidades similares. Temos un balance positivo en canto a colocación e formación”. A xefa do departamento engade que, a día de hoxe, case todas as corporacións coas que colaboran ofrecen traballo. Amil incide, neste sentido, en que a formación e a práctica son complementarias entre si: “É importante que leven asimilados coñecementos desde o centro para despois poder aplicalos”.

Esta alta inserción tamén se confirma desde o propio profesorado, que destaca que moitos estudantes acaban traballando nas ganderías onde desenvolven as prácticas ou en empresas do sector, e mesmo continúan nas súas propias explotacións familiares; nestes casos, as prácticas e a formación actúan como reforzo para a remuda xeracional no sector.


Guadalupe Amil: “Este sector é duro, pero moi bonito”

Un sector moi tecnificado

O sector primario incorpora cada vez máis innovacións e tecnoloxías aos seus negocios. Por iso, desde o centro subliñan a importancia que ten que os alumnos cheguen ao ámbito laboral con coñecementos xa asimilados: “Sempre foi clave contar con formación previa, pero hoxe é fundamental, coa dixitalización, as novas formas de traballo, a robotización…”, comparte Santamarina. A profesora engade, neste aspecto, que formarse axuda os alumnos a adquirir a capacidade de aprender hábitos para buscar e contrastar información co fin de solucionar problemas: “Nós dámoslles unha base e ferramentas. Despois, é o día a día o que consolida a aprendizaxe”.

No ámbito gandeiro, esta necesidade é aínda máis evidente. Mónica Pérez lembra que as explotacións actuais están cada vez máis tecnificadas, con sistemas automatizados de muxido ou alimentación e ferramentas informáticas que requiren coñecementos específicos para o seu manexo e interpretación, ademais de que o apartado burocrático ten cada vez máis peso nestes negocios. A isto súmase a crecente esixencia normativa, que obriga a contar cunha formación mínima para traballar no sector, tanto por requisitos legais como para acceder a determinadas axudas ou subvencións.

Embelecer as granxas da zona e celebrar unhas xornadas gandeiras

Recentemente, no mes de febreiro, o centro organizou unhas xornadas gandeiras, idea que xurdiu de dúas das profesoras do departamento: Teresa Santamarina e Mónica Pérez. Durante dous días, o instituto converteuse nun punto de encontro para alumnado, profesionais e gandeiros da contorna: “A idea era promover o ciclo de produción gandeira e dar a coñecer as empresas ao alumnado para que entrasen en contacto co mundo profesional. Foi moi positivo e houbo bastante participación. As corporacións implicáronse moito. Esperamos repetir nos vindeiros anos”.

Estas xornadas enmárcanse dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación, en concreto do programa Mestres Gandeiros, en colaboración con entidades do sector, e permiten achegar o alumnado a experiencias reais e a profesionais en activo, reforzando o vínculo entre formación e mundo laboral. Teresa Santamarina é a coordinadora do programa no centro.

Dentro do mesmo plan, Santamarina, xunto cos profesores colaboradores e os alumnos, acoden ás ganderías da zona para contribuír na súa mellora paisaxística mediante tarefas de axardinado e plantación de árbores ou arbustos, co cal se logra que as granxas gañen un toque estético: “A experiencia é moi boa. Ao alumnado gústalle moito e está moi contento, ao igual que os gandeiros. É unha forma de vincular os estudantes co sector e os gandeiros quedan moi agradecidos co noso traballo”.

Este traballo realízase en colaboración coa Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) de Arzúa, coa súa veterinaria titular, Margot García, e permítelle ao alumnado participar directamente na mellora paisaxística das explotacións, combinando traballo práctico no campo cunha aproximación máis técnica ao sector.

Ademais, esta iniciativa compleméntase cunha vertente máis técnica, na que o profesorado traballa con ferramentas como programas de xeolocalización, sistemas GIS e cartografía das explotacións para planificar e situar os traballos que realiza o alumnado nas granxas, integrando así a práctica de campo coa dimensión máis innovadora e dixital do sector agrario.

O bilingüismo no IES, un aspecto esencial

Neste centro posúen unha sección bilingüe e, dentro dese programa, contan coa presenza dunha lectora estadounidense, Raven Ahenkora. O vicedirector comenta ao respecto que todo o relacionado coa aprendizaxe en idiomas é importante para os alumnos tanto de ciclos como da ESO e bacharelato: “A lectora en inglés é clave tanto na formación profesional básica como nos ciclos medios, xa que son os que máis vinculación teñen co idioma. En ciclo superior tamén o é, porque non todo o alumnado procede dun bacharelato, senón que está vindo de ciclos de grao medio. Esa conexión co inglés axúdalles a evolucionar na súa traxectoria profesional, xa que moitas empresas o están demandando para atender á posible clientela”.

Así pois, introdúcense contidos en inglés nalgúns módulos e apóstase por mellorar a competencia lingüística do alumnado como ferramenta para o seu futuro profesional, tal e como conta Santamarina: “A min non me interesa tanto que coñezan vocabulario técnico en si como que realmente adquiran formación lingüística. A experiencia é positiva, as clases pásanse moi rápido e os mozos están atentos e participativos. Desta forma, notamos mellora non só do inglés, senón tamén noutras linguas, grazas a outros lectores que veñen de forma temporal ao instituto”.

Desta forma, a figura da auxiliar de conversa resulta clave. Raven Ahenkora centra o seu labor en fomentar a expresión oral do alumnado mediante presentacións, debates e conversas sobre temas informais, como a cultura pop ou aspectos cotiáns e actuais, co obxectivo de que os estudantes se sintan cómodos falando en inglés nun espazo distendido.

“A idea é que falen sen medo, sen que sexa algo ríxido”, explica, remarcando a importancia de xerar confianza para que o idioma se converta nunha ferramenta real de comunicación. Neste sentido, subliña que percibiu unha evolución positiva no alumnado, que participa máis e se mostra cada vez máis seguro ao expresarse.

Aínda que o seu traballo se desenvolve principalmente na aula, confía en que esta práctica contribúa a preparar os estudantes para experiencias internacionais, onde o inglés actúa como lingua común. De feito, anima a quen dubida a dar o paso: “Estar rodeado de persoas que falan outro idioma fai que aprendas rápido, mesmo aínda que ao principio non teñas seguridade”.


Mónica Pérez: “As ganderías están buscando xente continuamente e moitas non encontran”

A oportunidade de aprender no estranxeiro

Grazas á sección bilingüe do IES, os alumnos que queren marchar de Erasmus contan con maior facilidade para comunicarse nos seus destinos. Antes da pandemia, no instituto xa levaran a cabo algunha pequena experiencia de Erasmus, pero a raíz de 2021 xa se incorporou de forma sistemática. No centro dispoñen de dous tipos de Erasmus: un, o propio programa para alumnado de educación secundaria e bacharelato, e outro, de formación profesional, consorciado coa Consellería de Educación.

Nestes anos, xa levan realizadas máis de 100 mobilidades de estudantado e arredor dunhas 30 de profesorado: “A nosa política é a de recibir xente. Agora chegáronnos alumnos de Francia e de Portugal. Nós tamén enviamos, non só a estes dous países, senón á República Checa, Italia… temos un abano de empresas coas que colaboramos”.

A experiencia dos alumnos que viven o Erasmus é realmente positiva xa que, segundo detalla Santamarina, adquiren habilidades de responsabilidade e de autonomía, ademais da lingüística: “É algo que che cambia a vida, porque te ves con forza para cousas que a priori pensabas que non eras capaz. Como di o propio lema Erasmus, é abrir mentes. O noso labor aquí é o de poder brindarlles esa experiencia. De feito, como o noso instituto é pequeno, calquera alumno que queira facer Erasmus, pode, mentres que noutros centros hai que facer selección”.

Esa vivencia confírmaa o propio alumnado. Alejandro Currás, estudante que iniciou a súa formación en FP Básica e actualmente cursa o Ciclo Medio Forestal, realizou unha estadía Erasmus en Azores (Portugal), onde traballou nun viveiro realizando tarefas como transplante, mantemento de plantas ou limpeza de instalacións.

“A experiencia foi moi boa”, anota. Máis alá da aprendizaxe técnica, destaca especialmente o crecemento persoal: “Estás un mes fóra, tes que resolver os problemas ti só e aprendes moito de cara ao futuro”, narra, poñendo en valor a autonomía que achega este tipo de programas.

Por outra parte, o feito de recibir estudantes estranxeiros no IES tamén lles brinda unha vivencia positiva, aínda que require dun dobre esforzo, ao ter que buscarlles empresas que estean dispostas a acoller alumnos estranxeiros: “Ás veces dálles un pouco de medo polo tema lingüístico, pero despois danse conta de que non é ningún problema”, relata Santamarina.

Unha memorable viaxe a Francia

No mes de marzo, o IES organizou unha viaxe co alumnado de FP Básica á Bretaña francesa, onde traballaron cos estudantes de dous institutos. Nun deles, a escola agraria, traballaron moito en mellora lingüística e en temas medioambientais. Co outro centro levan desenvolvendo durante dous anos un proxecto eTwinning sobre sostibilidade e redución da contaminación a través da roupa. Así pois, prepararon con eles unha etiquetaxe de prendas e actividades de sensibilización ambiental: “Volveron moi emocionados porque nunca pensaron que se ían poder comunicar e traballar cos seus compañeiros franceses”, comparte Teresa Santamarina.

 

Granxa Ecolóxica Figueroa

Teresa Santamarina con Mario Prieto, trabajador de la granja; Jesús Valiño, propietario, y Hugo Rey, alumno en prácticas
Teresa Santamarina con Mario Prieto, traballador da granxa; Jesús Valiño, propietario, e Hugo Rey, alumno en prácticas

A colaboración entre o IES e o tecido produtivo local materialízase en explotacións como Granxa Ecolóxica Figueroa, dirixida por Jesús Valiño, que desde hai catro anos acolle alumnado en prácticas procedente do centro. Esta relación xurdiu por iniciativa do instituto, que buscaba granxas ecolóxicas onde o alumnado puidese formarse en modelos produtivos menos habituais na zona.

“Propuxéronnolo e pareceunos unha boa idea probar”, explica o gandeiro, que resalta o valor deste tipo de experiencias tanto para os estudantes como para a propia explotación. Ata o momento, pasaron pola granxa dous alumnos, con estadías que oscilan entre os cinco e seis meses, en función do calendario formativo.

Durante ese tempo, a aprendizaxe céntrase no día a día da gandería: desde o muxido e o manexo do gando ata a detección de celos, enfermidades ou partos. “Intentamos que gañen soltura no traballo real, no que van atopar nunha granxa”, sinala Valiño, que recoñece que o primeiro contacto adoita ser máis esixente para o alumnado, pero que a adaptación chega co paso das semanas.

A experiencia pode ir máis alá da aprendizaxe. Un dos alumnos acabou incorporándose como traballador tras finalizar o ciclo: “Xa tiña un bo nivel e gustáballe este sistema, así que decidimos contar con el”, expón o gandeiro, que subliña a necesidade de man de obra no sector.

Desde a perspectiva empresarial, a valoración destas prácticas é positiva. Aínda que ao inicio requiren máis dedicación, co tempo os estudantes intégranse na dinámica da granxa e achegan valor: “Tamén ves o que están aprendendo no instituto e podes complementar esa formación co traballo real”, engade.

Para quen queira incorporarse ao sector, Valiño teno claro: o ensino previo e o contacto coa realidade dunha explotación son fundamentais. “É importante que saiban o que é unha granxa por dentro antes de dar o paso” —afirma—, e marca un obxectivo claro para avaliar a aprendizaxe: que o alumno sexa capaz de desenvolverse por si mesmo en tarefas coma o muxido ou detectar incidencias no gando.

O caso de Mario Prieto exemplifica ese paso do ensino ao emprego. Exalumno do IES de Arzúa, que cursou o ciclo vinculado á produción agroecolóxica, realizou as súas prácticas nesta mesma explotación, onde hoxe traballa como encargado.

Procedente dunha familia vinculada ao sector con gando de carne, decidiu formarse para coñecer outro modelo produtivo e ampliar os seus coñecementos. “Quería ver como era o sistema de leite e probar algo diferente”, declara. Durante o seu paso polo instituto afondou en aspectos relacionados coa produción ecolóxica, entre outros.

A súa incorporación a Granxa Ecolóxica Figueroa foi unha evolución natural: “Eu estaba contento aquí e eles comigo, así que decidín quedar a traballar”, resume. Unha continuidade que reflicte o potencial destas experiencias como porta de entrada ao mercado laboral no sector primario.

De cara ao futuro, non descarta seguir medrando dentro da explotación ou regresar á gandería familiar, pero ten claro que o seu camiño profesional está ligado ao campo. Neste sentido, subliña a importancia da formación: “Hoxe hai moita tecnoloxía e hai que ter uns coñecementos básicos”, apunta, animando a outros mozos a formarse en ciclos coma os do IES de Arzúa, especialmente en ámbitos máis específicos como a produción ecolóxica.                  

Xunto a perfís coma o de Mario Prieto, que xa deu o salto ao mercado laboral, a granxa continúa acollendo alumnado en formación. É o caso de Hugo Rey, estudante do ciclo de Produción Agropecuaria no IES, que realiza por segundo ano as súas prácticas nesta explotación.

Procedente tamén dunha familia con gandería de vacún de carne, decidiu cursar estes estudos polo seu interese no sector e a proximidade do centro. Durante a súa formación destaca a adquisición de coñecementos máis técnicos, que agora pode aplicar directamente no día a día da granxa.

A súa rutina reflicte esa conexión entre teoría e práctica: muxido, limpeza de camas, saída do gando ao pasto ou detección de celos e partos forman parte do seu traballo diario. “Na clase é máis teórico e aquí é máis de traballar”, comenta, sinalando a principal diferenza entre a aula e a realidade da explotación.

A experiencia, asegura, está sendo positiva e estalle permitindo aprender o manexo real dunha granxa, aínda que no seu caso ten claro o seu obxectivo de futuro: incorporarse á explotación familiar. “Gustaríame seguir no sector, pero na casa”, afirma.

Neste sentido, coincide na importancia de contar con formación específica nun contexto cada vez máis tecnificado: “Cada vez hai tecnoloxía máis moderna e fai falta un nivel de estudos alto”, apunta. Ademais, pon en valor o acompañamento do profesorado e o contacto directo co sector como dous dos aspectos máis relevantes do seu paso polo IES de Arzúa.

Ademais da formación, a granxa tamén participa en iniciativas coma o proxecto de mellora paisaxística impulsado en colaboración coa ADSG de Arzúa. No seu caso, apostaron por introducir froiteiras e por coidar zonas que estaban máis abandonadas para mellorar a imaxe da explotación: “Unha granxa coidada, con plantas ou murais, transmite outra imaxe, máis próxima á dunha empresa moderna”, precisa Valiño.


Jesús Valiño: “É importante que saiban o que é unha granxa por dentro antes de dar o paso”

Casa Eiras

Teresa Santamarina con Fernando Lago, socio de la granja, y Rubén Alonso, trabajador
Teresa Santamarina con Fernando Lago, socio da granxa, e Rubén Alonso, traballador

Outra das explotacións que colabora co IES é Casa Eiras, situada no municipio do Pino (A Coruña) e xestionada por Fernando Lago xunto á súa muller, Zaira Rodríguez. Neste caso, a relación co centro xorde dunha forma máis próxima: un dos alumnos en prácticas, Rubén Alonso, é veciño da zona e foi el mesmo quen propuxo realizar a súa formación na granxa.

“Coñecémolo desde que naceu e sabiamos do seu interese polo sector, así que accedemos sen problema”, explica o gandeiro, que ademais garda un vínculo persoal co propio instituto, onde tamén se formou. Tras esta primeira experiencia, xa acolleron outro alumno en prácticas.

A estadía dos estudantes en Casa Eiras caracterízase por unha implicación directa no día a día da gandería. Máis alá dos coñecementos técnicos, o equipo pon o foco en aspectos persoais: “É importante que lles guste esta forma de vida, os animais e que saiban traballar en equipo”, sinala Lago.

En canto ás tarefas, a formación é integral. O alumnado participa en labores relacionados co manexo do gando, limpeza, coidado de xatos ou uso de maquinaria, co obxectivo de que adquiran unha visión global do funcionamento dunha explotación gandeira.

A experiencia con Rubén foi máis alá das prácticas, xa que tras finalizalas se incorporou como traballador. “Queriamos ampliar o cadro de persoal e, coñecendo as súas ganas de seguir no sector, era unha oportunidade clara”, explica o gandeiro, que destaca a importancia de ofrecer continuidade a perfís con motivación e vocación.

Desde o seu punto de vista, esta colaboración non só beneficia as explotacións, senón tamén o conxunto da comarca. “Necesítase xente formada, pero tamén preparada para a realidade do traballo diario”, afirma, defendendo unha aprendizaxe que combine teoría e práctica e que se adapte a distintos perfís.

Neste sentido, considera que este modelo formativo é clave para garantir a remuda xeracional no sector: “Hai persoas que aprenden mellor desde a práctica, e son precisamente esas ganas e esa ilusión as que fan falta para o futuro do campo”, conclúe.

O percorrido de Rubén Alonso reflicte precisamente ese vínculo entre formación e emprego na contorna local. Con 18 anos, cursou a FP Básica de Xardinería no IES de Arzúa e chegou a Casa Eiras para realizar as súas prácticas, a pesar de non proceder de maneira directa dunha familia gandeira.

“Sempre me gustou este mundo”, comparte, sinalando a proximidade do centro e do sector como factores clave na súa elección formativa. Durante o seu paso polo instituto destaca, máis alá dos contidos técnicos, a aprendizaxe da responsabilidade no traballo diario e a súa aplicación nun espazo real.

A súa experiencia en Casa Eiras foi, segundo as súas propias palabras, “fenomenal”. A integración no equipo e o contacto directo co traballo con animais permitíronlle adaptarse rapidamente á dinámica da explotación, ata o punto de que a súa incorporación como traballador xurdiu de forma natural: a granxa buscaba ampliar cadro de persoal e el encaixaba co que necesitaban.

A diferenza doutros perfís, Rubén pon o acento no valor da práctica fronte á teoría: “Coa práctica apréndese todo”, afirma, aínda que recoñece a importancia de contar cunha base formativa e anima a outros mozos a formarse no IES de Arzúa, tanto pola calidade do ensino como polas oportunidades laborais que ofrece o sector.


Fernando Lago: “Hai persoas que aprenden mellor desde a práctica”

Balance positivo

O vicedirector do centro comenta que agora mesmo están nun período de bonanza en canto a ciclos no instituto: “O problema é a nosa falta de espazo, se non, si que medrariamos bastante máis. Con todo, a nosa tendencia seguirá evolucionando segundo o faga o sistema educativo. Se podemos abrir máis ciclos, adiante. Somos un departamento dinámico e gústanos apostar polo sistema educativo”.

A xefa do departamento anima os mozos a formar parte deste sector: “É duro, pero moi bonito. Á xente á que lle gusta resúltalle moi gratificante, e neste momento hai bastante demanda de emprego. Animamos a todo o mundo que queira a vir, que aquí os recibiremos cos brazos abertos”.

Desde o profesorado tamén lanzan unha mensaxe de futuro para o sector: “Hai saídas. Comer, imos comer sempre, e o monte vai estar aí e haberá que xestionalo”, resume Piñeiro, que anima a quen teña interese a formarse neste ámbito profesional.