XENÉTICA, BENESTAR E TRÁFICO LIBRE

Finca La Asunción renova o seu muxido robotizado con Lely

En Touro (A Coruña), Finca La Asunción instalou tres robots Lely Astronaut A5 Next de Lely en substitución dos equipos de muxido automatizado cos que traballaba anteriormente. A granxa de Santiago García reúne unhas 330 cabezas, con 155 vacas en muxidura. A selección xenética, o coidado dos animais e o tráfico libre son tres aspectos aos que o propietario desta gandería concede especial importancia. Máis en Vaca Pinta 62.

Tradición familiar e selección

A historia de Finca La Asunción está estreitamente ligada á familia de Santiago; en particular, aos seus pais, Asunción e Santiago. El mesmo sitúa aí a orixe da súa maneira de entender a gandería e da súa afección pola raza frisona. “Conseguiuse ao longo de anos de moito amor polas vacas e pola granxa, e un traballo moi sensato, certeiro e meditado”, relata.

Ese interese reflíctese sobre todo na selección dos exemplares. Santiago García é xuíz de Conafe e Finca La Asunción destaca nos principais concursos de gando vacún frisón de Galicia e España. García expresa que inviste tempo, mesmo despois de rematar o traballo diario, en observar os animais, seguir a evolución dos máis novos e valorar vacas para futuros certames.

A granxa chama a atención polas súas instalacións —que sobresaen pola súa rechamante estética— e polo estado dos animais, limpos e tranquilos. García insiste en que detrás diso está, sobre todo, o tempo que se lles dedica: “As vacas, se as tratas dunha maneira correcta, adecuada, dándolles o que necesitan e ofrecéndolles amor e agarimo, ao final devólvenche dabondo o que ti lles achegaches”.

Actualmente, a granxa rexistra unha media de 3,4 muxidos por res e día e un dos lotes alcanzou os 3,6. A velocidade de muxido está entre 3,3 e 3,4 litros por minuto. A súa produción media é de 42-43 litros por animal e día. O leite presenta un 3,80 % de graxa e un 3,50 % de proteína, mentres que o reconto de células somáticas se sitúa arredor de 230.000 células/ml. Na empresa traballan tres persoas, ademais do propietario.

Tres grupos, tres Astronaut A5 Next

Os animais en muxidura repártense entre tres grupos, cada un con acceso a un dos tres Lely Astronaut A5 Next. Santiago García traballa con lotes heteroxéneos, nos que conviven xovencas, vacas intermedias e adultas, porque, segundo comparte, esta división funciónalle mellor en robot ca os grupos homoxéneos. Ademais dos Astronaut, tamén contan cun Lely Discovery Collector.

Un dos aspectos que tiña claro era o tráfico libre. “Nunca se me pasou pola cabeza ningunha opción que non fose esa”, afirma. Para el, dentro da estabulación o rabaño debe dispoñer da máxima capacidade de decisión e movemento á hora de comer, beber e muxirse. Iván Brea, comercial de Lely na Coruña, resume esta idea sinalando que “ao final, a vaca é a protagonista”.

Unha decisión meditada

Segundo recoñece Santiago García, a substitución dos robots anteriores non foi unha elección sinxela. A gandería xa tiña experiencia co muxido automatizado, pero o cambio implicou unha transición.

Antes de decidirse, García observara o funcionamento dos Lely Astronaut A5 e A5 Next en granxas de Francia, Alemaña e Holanda. Na Bretaña francesa, comezou a prestar atención a estes equipos. “Había gandeiros que eran íntimos amigos meus, que coñezo desde hai moitos anos”, conta. Esa confianza permitiulle preguntar en profundidade polo seu desempeño, ademais de polo número de fallos, os minutos de muxido, o número de muxidos e os exemplares por robot.

Tras instalalos no seu negocio, resalta de forma positiva “a sinxeleza do Astronaut”, a comodidade de entrada e saída e o confort durante o muxido.

Comodidade para todo o gando

A amplitude do Astronaut A5 Next é outro aspecto ao que Santiago García concede moita importancia, ao posuír animais de distintos tamaños, xa que se adapta ben a todos eles.

O gandeiro apunta que o rabaño entra con facilidade e se coloca comodamente durante o muxido. Tamén relaciona isto co fluxo e cos tempos de muxido que están anotando.

A experiencia coas primíparas foi de igual forma positiva, segundo García. Na granxa non realizan un período de adaptación previa ao robot: tras o parto, as xovencas pasan directamente ao grupo correspondente. O gandeiro narra que as primeiras incorporacións entraron e se situaron perfectamente.

Produción e monitorización

Os tres A5 Next dispoñen do sistema Pura, que utiliza vapor de auga a 168 graos para esterilizar entre muxidos e evitar contaminacións cruzadas, eliminando, segundo indica Brea, o 99,9 % dos xermes. Así mesmo, traballan cos colares, que lles ofrecen cifras sobre celos, ruminación, inxestión, estrés por calor e estrés por parto.

García subliña a exactitude dos datos que recibe e a posibilidade de consultalos a distancia. “Danme a tranquilidade de que, se eu non estou un día na casa, levo toda a información no móbil”, menciona.

Lely Horizon e o equipo técnico

A xestión complétase con Lely Horizon. Adaptarse a un programa diferente ao que utilizaba antes requiriu un proceso de aprendizaxe, aínda que Santiago García define o programa de xestión como sinxelo, intuitivo, rápido e áxil. “Non o controlo ao 200 %, pero desenvólvome comodamente nel”, comenta.

O cambio de máquinas completouse nunhas tres semanas. O propietario de Finca La Asunción pon en valor o persoal de montaxe e os técnicos que coordinaron os traballos e asegura estar “gratamente sorprendido” polo equipo humano que participou na operación.

“Unha das cousas das que estamos máis orgullosos en Lely Center Trazo é do noso persoal técnico”, sinala Iván Brea. Pola súa parte, García espera que a comunicación mantida durante esta primeira etapa continúe nos vindeiros anos.

Tras o cambio, o gandeiro resume o seu enfoque cunha idea que tamén explica a decisión tomada: “A vida, especialmente no traballo, é evolución constante: aprender, cambiar de opinión e facelo sempre dunha maneira optimista, con ánimo de progreso e de mellora”.