CÉSAR LUMBRERAS

"Esta PAC é unha trapallada"

Dito en termos galegos, a nova Política Agraria Común (PAC) é unhatrapallada, unha chapuza dende o seu deseño inicial por parte da Comisión Europea ata o seu segundo paso, por parte do Ministerio de Agricultura. Agora aínda nos queda o terceiro paso: como a desenvolverán as comunidades autónomas? Pero o problema é que as comunidades autónomas xa veñen moi hipotecadas polo que se fixo en Bruxelas e polo que se fixo en Madrid.

O proceso na capital belga comeza coa presentación por parte da Comisión Europea da súa proposta sobre a nova PAC, pero dende entón ata hoxe pasaron moitas cousas, como a invasión de Ucraína por parte de Rusia, e o que sucedeu dende entón non se tivo en conta na fase final da adopción das decisións sobre a nova normativa.

Cal é o proxecto inicial da Comisión Europea? Unha PAC máis verde, máis respectuosa co medio ambiente e cun forte compoñente de loita contra o cambio climático, que todo iso está moi ben e é preciso, pero o factor produtivo, que é para min a esencia da actividade agraria, é dicir, producir alimentos, pasou a un segundo plano. Temos en primeiro plano o verde, o que a Comisión Europea chama “o sostible”, e nun segundo plano, o produtivo.

Se a actividade agraria agrícola e gandeira, se a produción de leite non é sostible dende o punto de vista económico, os gandeiros van abandonar a produción, o que implicará a redución da cabana de vacas leiteiras. Como está sucedendo xa nestes momentos, os prezos serán máis elevados e o leite e os seus derivados poderán comezar a escasear; polo tanto, creo que debe revisarse o concepto e deben terse en conta, polo menos ao mesmo nivel, o factor verde e o factor produtivo, para que as explotacións sexan rendibles e sostibles dende o punto de vista económico.


"Deben terse en conta, polo menos ao mesmo nivel, o factor verde e o factor produtivo, para que as explotacións sexan rendibles e sostibles dende o punto de vista económico"

Como dixen ao comezo, o segundo paso encontrámolo en Madrid. A decisión adoptada en Bruxelas deixáballes moita liberdade aos Estados membros para que decidisen que medidas ían aplicar da nova PAC. En Europa decidiron fixar uns obxectivos de obrigado cumprimento, pero logo deixábase liberdade a estes para que decidisen que medidas se ían poñer en marcha. Aí chegamos á elaboración do Plan Estratéxico Nacional, o elemento máis importante da nova PAC, que tivo que facer cada un dos Estados membros.

En España levouse a cabo, pero sen negocialo coas organizacións agrarias, ás que ninsequera se llesconsultou, senón que se llesinformou a posteriori. Coas comunidades autónomas houbounha negociación entre comiñas. En realidade, non se pactou realmente con elas, senón que se llesterminouimpoñendo e o Ministerio renunciou a que houbese un consenso. Nun momento dado, este enviou o Plan Estratéxico do ministro Luis Planas a Bruxelas sen telo sometido a votación ou sen ter contado coapoio dos distintos conselleiros de agricultura e, polo menos, seis deles terían votado en contra.

Agora chegamos ao terceiro paso: é o momento da aplicación e en España xa temos aprobado o Plan Estratéxico Nacional por parte de Bruxelas, pero non está desenvolto aínda. A data de hoxe non está aprobada polas Cortes a lei de aplicación da PAC, nin están aprobadas polo Ministerio a totalidade dos reais decretos nos que se van plasmar as regras do xogo, e a finais de 2022 os agricultores terán que tomar as súas decisións sobre as novas campañas dende a sementeira e os gandeiros deberán decidir se meten máis ou menos animais nas súas explotacións.

Estes feitos, tanto a sementeira das colleitas coma a decisión sobre se meten máis ou menos animais nas súas explotacións, vanse ver afectados pola nova PAC, pero os agricultores e os gandeiros teñen que tomar estas decisións sen coñecer as regras do xogo que deberán respectar. Cal é o elemento fundamental dentro do Plan Estratéxico Nacional?

A isto súmaselle a primeira novidade á hora de repartir o diñeiro das axudas directas, os chamados ‘ecoesquemas ou ecorréximes’, a través dos cales vai chegar aproximadamente o 25 % da cantidade total de diñeiro que ata agora lles chegaba aos agricultores e gandeiros en concepto de axudas directas. Os ecorréximes ou ecoesquemas non están aprobados; por iso, os agricultores e os gandeiros atópanse nesta situación de inseguridade tremenda, porque teñen que respectar unha serie de normas para que o ano que vén poidan cobrar unha parte desas axudas e, porén, non coñecen cales son nin esas regras nin esas normas.


"Os agricultores e os gandeiros teñen que respectar unha serie de normas para que o ano que vén poidan cobrar unha parte desas axudas e, non obstante, non coñecen nin cales son esas regras nin esas normas"

Maior inseguridade xurídica non cabe: canto diñeiro se vai destinar a financiar os ecoesquemas ou ecorréximes? Pois o 25 % do que ata agora viñan recibindo aproximadamente en concepto de axudas cada agricultor e cada gandeiro. Estes ecoesquemas ou ecorréximes son de aplicación voluntaria, pero se ti, agricultor, ou ti, gandeiro, non te acolles a eles, vas perder aproximadamente o 25 % do diñeiro que viñas percibindo ata agora en concepto de axudas directas.

Dende o meu punto de vista nada disto ten sentido e máis se temos en conta que se vai implementar unha normativa sobre a que xa se están oíndo peticións dende todos os ámbitos para que, polo menos durante o primeiro ano, se flexibilice. Se xa estamos pedindo que non entre en vigor, é porque estas normas por algún lado fallan.