As elevadas temperaturas rexistradas durante as últimas semanas en numerosos países europeos están a provocar importantes descensos na produción de leite. As baixadas obsérvanse tanto en comparación coas semanas anteriores como con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Os datos difundidos por algúns dos principais países produtores, que actualizan as súas estatísticas de forma periódica, reflicten unha clara redución das entregas de leite coincidindo cos episodios de calor extremo.
En Gran Bretaña, os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao 4 de xullo, amosan que a produción descendeu un 4,8 % respecto ao mesmo período do ano anterior e un 2,3 % en comparación coa semana precedente.
A caída foi aínda máis acusada en Francia. Durante a semana 26 de 2026, comprendida entre o 22 e o 28 de xuño, as entregas de leite diminuíron un 10,9 % fronte á semana anterior e un 7 % respecto á mesma semana de 2025.
En Alemaña, durante ese mesmo período, a produción reduciuse case un 4 % en comparación coa semana precedente. Isto tradúcese en importantes subidas do prezo do leite spot, de preto do 50 %. A situación en Holanda é similar, onde o incremento do valor do leite spot chega ata un 70 %.