Estamos gobernados por unha banda de pseudoprogres máis preocupados polo postureo e a propaganda que por resolver os problemas reais da xente. Dirixentes sen formación (nin información) que parecen ter como principal empeño a posta en marcha de políticas nas que a carga ideolóxica teña máis peso que os argumentos científicos. Vaia, que na maioría das ocasións estes gurús da posverdade só acertan cando rectifican, como adoitaba dicir un veterano político galego xa falecido.
Desde o ámbito agrogandeiro sabémolo ben a pouco que fagamos memoria sobre o que, por exemplo, dixeron da carne e do leite nos últimos tempos. Ou, máis grave aínda, sobre o que se lexislou no relativo á nutrición dos solos agrarios e, máis recentemente, no plan nacional de aplicación da nova PAC. Documento este último, por certo, que é o suficientemente relevante como para acordalo, polo menos, coas organizacións agrarias, algo que non se fixo.
Por non falar do polémico decreto de ordenación das granxas bovinas, que a propaganda institucional vendeu como o mecanismo para prohibir as chamadas macrogranxas. Un texto normativo que limita a capacidade das novas granxas a 850 UGM e que, segundo o Goberno, “é unha aposta decidida por un modelo de gandería familiar”.
Aínda que resulta evidente que ninguén no seu san xuízo pode estar en contra de regular unha actividade que, a curto e medio prazo, debe afrontar importantes retos en materia ambiental, seguridade alimentaria, bioseguridade ou benestar animal, si se bota en falta que a nova normativa se fundamente en máis e mellores criterios técnicos.
Tan importante é o tamaño? Non o é máis, acaso, a sustentabilidade? Porque non sempre van unidas unha cousa e a outra. De feito, por moito que algúns iluminados proclamen aos catro ventos as bondades das explotacións pequenas e extensivas, a realidade é que estas non sempre acostuman ser as máis sustentables. Xa non só ambiental, senón tamén social e economicamente falando.
Por certo, por que 850 UGM e non 1.000 ou tan só 500? Condiciona máis o desenvolvemento harmónico e ordenado do sector –é un dos obxectivos que persegue o real decreto– unha granxa de 1.000 UGM que dúas de 500? Canto de máis importante é a dimensión que o criterio técnico da sustentabilidade integral? Seguirán tentando convencernos de que a gandería intensiva e o consumo de carne están a acabar co planeta? De verdade é tan difícil entender que o que non é extensivo non ten por que ser intensivo ou macrogranxa?
En resumo, que non todo o intensivo é malo, nin todo o extensivo é tan rendible e sustentable como nos queren facer crer. En canto ao asunto este das macrogranxas, non vale a pena darlle moitas máis voltas, porque é un tema moito máis político que técnico.
Algo que, pensándoo con perspectiva, tampouco é novo. De todos é sabido que o de lexislar de costas ao sector nin é novo nin moito menos exclusivo dos actuais dirixentes.
Exemplos hai por ducias de que a visión da realidade agrogandeira que se ten desde os despachos enmoquetados de Madrid difire bastante da que teñen ou sofren os afectados.
Artigo publicado en Vaca Pinta 36