Ser orixinal cando un escribe moi frecuentemente sobre os mesmos temas, ser profundo e rigoroso cando escribes nun formato breve e/ou ser o suficientemente atractivo cando te dirixes a un público xeneralista, como digo, ostentar todas esas calidades, é ben difícil, cando non imposible.
Os que me seguen nun e noutro sitio saben que o sector leiteiro, de vacún principalmente, é o meu olliño dereito. Gústame o leite, gústanme o iogur, o queixo e múltiples sobremesas lácteas; por tanto, é facilmente comprensible a miña tendencia a escribir sobre o sector lácteo, máis aínda se no ámbito profesional estás rodeado de gandeiros de leite que che dan diariamente unha lección de dignidade, profesionalidade, humildade e todos os eloxios que vostedes queiran, pero, se por algo salientan, é pola súa lección de resistencia que, sen querer comparalo con ninguén, deixa á altura do barro o famoso “Manual de resistencia” que escribiu o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez.
Aos meus amigos gandeiros, ademais de por amizade, admíroos pola súa capacidade de resistencia, pola súa resiliencia que diría aquel, porque, convirá vostede comigo que, vendo a treboada de calamidades e dificultades que se atopan no día a día, é un verdadeiro milagre que aínda siga habendo gandeiros de leite neste país.
Tras dous anos de perdas continuas, durante os cales os gandeiros subsistiron ben comendo todos os seus aforros e renunciando a todo investimento, imprescindible nun sector tan tecnificado coma este, ben suxeitados artificialmente a base de axudas, vía COVID, vía Ucraína, a cuestión é que, fartos de perderen diñeiro e do desprezo ao que son sometidos polas industrias e cadeas de distribución, decidiron, consciente ou inconscientemente, que era mellor deixar de producir ou producir menos, axilizando o envío de vacas ao matadoiro, que seguir a producir leite a perdas.
É algo parecido ao devandito popular vasco que se refire a aquel industrial eibarrés que, cantos máis parafusos producía, máis diñeiro perdía. Algo similar lles ocorreu aos meus amigos gandeiros nestes dous anos previos.
Pois ben, como dicía, a redución na produción, consciente ou inconsciente, tivo a súa consecuencia máis directa na baixada de produción e, por conseguinte, na escaseza de oferta e, con iso, no “tensionamento” na provisión de leite por parte das industrias, o que provocou que se sucederon imaxes de lineais baleiros nas cadeas de distribución, o cal provocou, como ben sabemos, unha recuperación dos prezos.
Logo destas turbulencias que puxeron dos nervios aos xefes de compras nas cooperativas e industrias, fortemente presionadas polas cadeas de distribución, medorentas de quedar sen leite nos lineais, principalmente sen leite para a súa marca branca, entón e só entón, uns e outros, cooperativas, industriais e cadeas, fixeron acto de contrición e golpeábanse no peito dando sinais de arrepentimento e de sacar as conclusións pertinentes.
Ao parecer, deron con tanta forza os golpes no peito que chegaron a pensar que o seu arrepentimento era sincero. Agora ben, transcorridos 3-4 meses nos que os gandeiros gañaban diñeiro, 3-4 míseros céntimos, sen chegar a tapar o oco nas contas xerado nos dous anos anteriores e sen tempo para facer números sobre o posible investimento a executar, os industriais, de cooperativas e de cadeas, caeron na conta de que a dor no peito non era motivado polos golpes de contrición nin por arrepentimento, senón que se deron conta de que a dor que sentían, esa que lles aprisionaba o peito e lles xeraba unha sensación de malestar xeneralizado, non era máis que a dor de ver os gandeiros contentos por obter beneficios e unha paupérrima marxe de ganancia.
Non hai máis. Os que mandan nas empresas e entidades que compran, transforman e comercializan o leite non soportan que os gandeiros gañen diñeiro, obteñan marxe de beneficio nin, moito menos, que os produtores poidan albiscar un horizonte esperanzador e estable co que reter os seus fillos e fillas nas explotacións.
Non quixera ser inxusto e, daquela, cando me refiro ás empresas, ás cooperativas e ás cadeas de distribución, son plenamente consciente de que non todos son iguais e que os hai bos −os menos− e regulares, malos e peores. Non vou dar nomes; vostede, querido lector, sabe a quen me refiro.
Agora ben, e con isto remato, todos eles, son conscientes, ou polo menos deberían selo, de que, de seguiren así, maltratando os gandeiros, condenándoos a longos períodos de venda a perdas, intercalados con brevísimos momentos de ganancias, por moita capacidade de resistencia que tivesen, non van resistir, e con eles, xunto cos gandeiros, caerán as cooperativas, as industrias, as quei-xerías e o conxunto do sector lácteo.
Alá vostedes! Iso si, recoméndolles ir comprando un medicamento para a dor de peito.
Artigo publicado enVaca Pinta 38