JOSÉ ALBERTO MARTÍN (OPL)

Carta aberta ao ministro Planas, principal responsable do sector lácteo español

Señor Luis Planas,

Vou ser breve porque, sendo vostede o actual ministro de Agricultura e Gandería, é totalmente consciente da situación do sector lácteo español. É vostede consciente porque ten no seu poder uns estudos de custos de produción deste sector que o seu ministerio encargou e os cales nos custaron millóns a todos. Estudos que lle serven para ser consciente da situación actual e, a pesar de saber de primeira man como está, segue sen poñer ningún remedio e sen propoñer algunha solución.

Nin sequera fai cumprir esa lei da Cadea Alimentaria que vostede mesmo sacou e que, se non se vela porque se cumpra, non serve de nada. Di claramente que non se pode vender a perdas e que cada elo da cadea ten que cubrir como mínimo os seus custos de produción e vostede ben sabe cales son os custos e o que se nos paga aos produtores.

Co cal, é vostede, e o seu ministerio, plenamente responsable da ruína do sector lácteo español, e máis sabendo que fóra de España, noutros países de Europa, esas subidas de custos están a ser repercutidas aos gandeiros. Así pasou en Francia no principio do ano. Alí, o ministerio francés reuniu aos responsables da cadea do sector lácteo e fíxoos chegar a uns acordos tras os cales os gandeiros e toda a cadea subiron os prezos para facer viable a produción.

Vostede vai levar ao lombo a carga de ser lembrado como o peor ministro, o que permitiu a ruína, a quebra e a desaparición do sector lácteo neste país. Está a contribuír ao abandono do medio rural e á desaparición da gandería familiar.

Os consumidores tamén lle terán que agradecer que o leite nos supermercados se teña que subir moito máis e que sexa de peor calidade, porque o leite que teñamos que importar a miles de quilómetros de aquí non nola van a regalar. E iso inclúe todos os derivados lácteos.

Aquí van sobrar todas as fábricas, ou a maioría, se non dispoñen de leite. Co cal, arrastrará a desaparición do sector e a doutros moitos postos de traballo indirectos: cooperativas, pensos, veterinarios, maquinaria, mantemento, etc.

Espero poida durmir vostede máis a gusto e tranquilo do que o facemos os produtores de leite, que levamos meses de desesperación. Cada día que pasa estamos máis afogados.

Tamén hai que lembrar aos anteriores ministros, que foron deixando desamparado a este sector desde hai anos. Imos de mal a peor. Creo que sobran máis explicacións.

 

Un cordial saúdo,

José Alberto Martín

Presidente da OPL-Organización de Produtores de Leite