JAVIER CAMBA, PERITO DE SINISTROS PECUARIOS

“A vaca morta é unha base de datos e estámola mandando a queimar”

Abordamos con Javier Camba o valor da necropsia como ferramenta diagnóstica nas ganderías, non só para esclarecer a morte dun animal, senón tamén para detectar complicacións recorrentes a través do histórico de casos, revisar análises e orientar medidas preventivas xunto cos servizos veterinarios. Máis en Vaca Pinta 62.

Cal debe ser o principal obxectivo dunha necropsia e que posibilidades diagnósticas abre?

O obxectivo da necropsia sobre un animal individual é a confirmación dun diagnóstico presuntivo ou, se non se confirma, a elaboración dun real, se é posible. E, nos casos nos que non sexa posible, porque ás veces é imposible establecer un diagnóstico, como mínimo descartar causas. Ademais, é unha ferramenta que debemos ter en conta para abrir a nosa listaxe de diagnósticos diferenciais.

Que pode revelar que non se detectase durante a atención clínica?

En determinados tratamentos nos que non hai éxito, pode ser que o animal non puxese a parte que lle tocaba ou que nos pasasen desapercibidas patoloxías subxacentes. Pode haber, ademais da patoloxía que estabamos tratando (se é que acertamos), outras que non detectamos e que poden ser tan importantes como a principal.

Que valor achega o seu rexistro, máis alá do diagnóstico dun animal concreto?

O máis importante para min é o histórico dos animais. Co transcurso do tempo, o gandeiro pode ter conciencia de cales son os problemas reais da súa granxa a partir dun rexistro de necropsias, problemas que probablemente pasarían desapercibidos se non se fixese. Ten máis utilidade como recompilación que polo valor individual dun animal concreto.

Que utilidade práctica ten para o gandeiro dispoñer dun histórico de necropsias?

É interesante para saber por onde van os problemas. Poñamos un exemplo moi sinxelo: ás veces movémonos por sensacións. Teño un brote de pneumonía e vólvome tolo porque penso que o problema da miña granxa son as pneumonías. Se reviso o meu histórico e non teño problemas respiratorios recorrentes, só foi algo puntual.

Pero pode ocorrer tamén que haxa pneumonías repetidas que me pasen desapercibidas porque, nun momento dado, non son cuantitativamente importantes. En cambio, se reviso o histórico e vexo que teño baixas recorrentes por pneumonías, podo decatarme de que existe unha cuestión que non detectara.

Que información debe recollerse antes de comezar o exame?

A anamnese e a exploración externa do animal. A anamnese inclúe os tratamentos recibidos, a sintomatoloxía presentada e o tempo de evolución. Na exploración externa debemos valorar o estado de hidratación e de carnes, as mucosas, as conxuntivas, o ubre… Todo o que se poida obter antes de abordar a necropsia.

Que diferenza unha necropsia académica dunha práctica en campo?

Cando vemos un curso académico de necropsia, decatámonos de que atan a vaca, por exemplo, en decúbito supino, que é unha postura case imposible de manter en condicións reais de traballo. Necesitas xente para atar o animal e para suxeitalo. Ademais, trabállase por partes. É unha tarefa moito máis lenta e minuciosa, está claro, pero non é práctica nin rápida para un clínico de campo. O que nós facemos non é o máis académico, pero si o máis funcional.

Cales son os principais erros ao diagnosticar en condicións de campo?

Eu non o chamaría erro, senón falta de medios diagnósticos. Os medios dos que se dispón na actividade clínica de campo son limitadísimos. Estamos falando de animais de produción, polo que hai unha restrición económica importante e os medios diagnósticos chegan ata onde chegan. Non son animais de compañía, onde se depende do que o propietario estea disposto a pagar.

Que material mínimo se necesita para realizar unha necropsia en campo?

Equipos de protección individual: máscara, traxe de partos e varias luvas en distintas capas, distribuídas de diferentes maneiras para evitar accidentes. O material específico de traballo é moi sinxelo: un coitelo, unha pedra, un bisturí co mango graduado para poder medir, unha cámara de fotos e unhas tenaces. Queremos que sexa algo práctico e realizable.

Por que é importante fotografar e documentar as lesións?

Emitir un xuízo no mesmo momento pode ser complicado. Ás veces, hai que obter a información e, despois, chegar á casa, sentar, repousala, volver ver as fotos e estudar.

As fotografías son importantes para manter a obxectividade sobre o que estamos vendo e non cinguirnos a un recordo que se vai alterando co tempo.

Hai patoloxías que aparecen con maior frecuencia?

Depende do tipo de gandería do que esteamos falando e da época do ano. A evolución da gandería foi modificando as patoloxías. Varía moito e non se pode falar dun predominio.

Por que é necesario interpretar todos os datos no seu conxunto?

Ao abrir un animal, moitas veces imos atopar máis dunha patoloxía e temos que contextualizar para saber cal é a principal, a que levou o animal a esa situación, e se as outras que se presentan teñen importancia ou non no momento no que estamos actuando. Para iso hai que poñer en contexto toda a información.

Como se evitan conclusións precipitadas ao analizar os achados?

Hai que contextualizalo todo e cinguirse á información que se obteña na necropsia. É como cando falamos dunha anamnese que pode estar falseada de forma involuntaria. Se me din que este animal morreu de repente, pero os datos de hidratación ou o estado de carnes me din outra cousa, o que houbo foi unha observación deficiente. Para almacenar a información, cinguímonos a datos obxectivos.

Como pode contribuír a necropsia a previr novas mortes?

Se temos o histórico e a información de por onde está fallando a nosa granxa, poderemos falar cos servizos veterinarios para previr aquilo que detectamos a través das necropsias ao longo do tempo.

Que lles diría a aqueles que aínda non as incorporaron aos seus protocolos?

Moi sinxelo: a vaca morta é unha base de datos e estámola mandando queimar. Retiremos os datos antes de queimala.