-
A compañía fabricou en tempo récord unha unidade do modelo TA 14.3 PROFIline, que foi mostrada o pasado 29 de outubro ante a rede de distribuidores de Durán Maquinaria.
-
O equipo combina unha capacidade de 14.300 litros cun completo equipamento orientado a facilitar os labores de carga, transporte e aplicación de xurro.
A empresa deu un novo paso na súa etapa xunto a Grupo Durán coa fabricación da primeira cuba da marca Galagri desde o inicio desta nova andaina. Trátase dunha TA 14.3 PROFIline, unha unidade que saíu de fábrica en tempo récord co obxectivo de poder presentala aos distribuidores de Durán Maquinaria durante o encontro celebrado o pasado 29 de outubro e que estrea a nova imaxe de marca.
Esta primeira máquina representa o punto de partida dunha etapa na que Galagri e Grupo Durán buscan seguir desenvolvendo e achegando ao mercado equipos adaptados ás necesidades actuais de agricultores, gandeiros e empresas de servizos, apoiándose na experiencia da marca na fabricación de cisternas e na estrutura comercial e de distribución de Durán.
Neste sentido, desde Grupo Durán valoran especialmente a implicación do equipo de Galagri, que asumiu con rapidez o novo concepto de marca e se implicou de forma decisiva no desenvolvemento e posta en marcha deste primeiro modelo.
Unha TA 14.3 PROFIline amplamente equipada
A unidade presentada dispón dun depósito de 14.300 litros con encastre para poder montar un tren de rodaxe ADR boggie de 22 toneladas, eixe direccional forzado e pneumáticos 650/55-R26.5. Incorpora ademais lanza de tiro con suspensión hidráulica e enganche de bola, pé de apoio hidráulico con bomba manual e transmisión homocinética.
Un dos elementos máis destacados da súa configuración é o seu brazo articulado de 200 mm de diámetro, acompañado por un acelerador de carga. O sistema de carga e baleiro inclúe un depresor JUROP PN155R con cambio hidráulico, decantador GALAGRI con autolimpeza, silenciador recuperador de aceite, válvula industrial de 150 mm, axitador pneumático interior de 3 polgadas e o sistema de descarga en pendente.
No apartado hidráulico e de control, a TA 14.3 PROFIline equipa un distribuidor modular LS de sete elementos e unha botoeira de nove elementos, ademais de diferentes sistemas de visualización, control de presión e seguridade. A máquina incorpora así mesmo preinstalacións destinadas a ampliar as súas posibilidades de traballo, entre elas elevador hidráulico para montaxe de aplicadores e preinstalación para un equipo de medición de nutrientes.
A fabricación desta primeira unidade permitiu aos distribuidores coñecer de primeira man tanto o modelo como a súa configuración e equipamento, marcando así o comezo da comercialización dos equipos Galagri nesta nova etapa.
Na presentación estiveron presentes o equipo de Galagri xunto a Manuel, Antonio e Diego Durán, representantes de Grupo Durán, nunha xornada que serviu para compartir coa rede comercial as características e posibilidades da nova máquina.