A élite da raza frisona volverá darse cita en Abanca Cimag-GandAgro 2027

A élite da raza frisona volverá darse cita en Abanca Cimag-GandAgro 2027

A VI Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, que se celebrará do 25 ao 27 de febreiro de 2027 na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), volverá reunir destacados exemplares da raza frisona coa celebración do XXXVIII Open Internacional da Raza Frisona GandAgro e do XXXV Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga. Ambas as competicións, organizadas pola Federación Frisona Galega (Fefriga), coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, terán lugar o sábado 27 de febreiro.

Os animais participantes competirán polos títulos de campiona de Galicia e campiona internacional nas categorías de xata, xovenca, vaca nova, vaca intermedia e vaca adulta, así como polos de gran campiona de Galicia e gran campiona internacional nas categorías de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá aos mellores criadores autonómicos e internacionais, tanto en categoría absoluta como de xovencas, e á mellor gandería de nova participación.

A programación completarase o venres 26 de febreiro co XLVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores "Memorial Luis Louzao" e o XXIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro’27. Neles, os participantes demostrarán as súas habilidades na preparación dos animais e no seu manexo en pista. Ambas as citas estarán organizadas polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, en colaboración con Fefriga e a Fundación Semana Verde de Galicia.

As entidades organizadoras xa traballan nos preparativos dos certames, que contan con Xenética Fontao como un dos seus principais patrocinadores. O prazo de inscrición abrirase proximamente.