A 40.ª edición de Space reuniu en Rennes máis de 100.000 visitantes e arredor de 1.000 empresas expositoras durante tres xornadas nas que a automatización, a xestión dos datos, o benestar e o uso sostible da auga mostraron algunhas das liñas polas que avanza o sector gandeiro. Vaca Pinta percorreu especialmente os espazos vinculados ao vacún de leite para coñecer as principais novidades do sector.
Celebrada do 15 ao 17 de setembro, a feira exerceu de punto de encontro. Maquinaria, xenética, sanidade animal, alimentación e equipamentos compartiron espazo con novas solucións dirixidas a automatizar tarefas, mellorar a eficiencia e facilitar a toma de decisións nas granxas.
Para Francisco Juan Carbone, representante de Red Alimentaria Global en Space, a súa primeira visita ao certame permitiulle identificar catro grandes tendencias. “Levo catro piares fundamentais: a descarbonización, a automatización, o benestar animal e o benestar do persoal”, resumiu.
Carbone destacou especialmente a crecente presenza de ferramentas tecnolóxicas e de intelixencia artificial aplicadas ao traballo diario. “Permítennos detectar a tempo certas dificultades que se nos presentan no día a día na gandería”, explicou. Tamén puxo o foco na mellora das condicións de traballo das persoas e na necesidade de integrar as novas solucións sen perder de vista os fundamentos do manexo: “A vaca segue sendo vaca e hai que seguir tratándoa como tal, pero sempre se poden facer mellor as cousas”.
A auga, un dos temas centrais
A xestión sostible da auga ocupou este ano un lugar destacado na programación de Space. A organización dedicou a súa atención no Espace pour Demain [‘Espazo para o Mañá’] a analizar os retos derivados da dispoñibilidade deste recurso e as posibilidades que existen para utilizalo de maneira máis eficiente nos negocios gandeiros.
A través de debates, obradoiros e experiencias prácticas abordáronse cuestións como a utilización de fontes alternativas, entre elas a auga da chuvia; a resposta dos cultivos forraxeiros ao estrés hídrico, ou o seguimento do consumo de auga no gando.
No que respecta ao vacún de leite sinalouse, entre outros aspectos, a monitorización dos consumos. Coñecer en tempo real canta auga bebe o rabaño pode axudar a detectar caídas da inxestión durante episodios de calor, identificar fugas e descubrir anomalías tanto técnicas como relacionadas cos animais. Deste xeito, a xestión da auga incorpórase tamén ao conxunto de datos que permiten controlar con maior precisión o funcionamento da granxa.
Automatización e datos
As solucións automatizadas ocuparon boa parte dos espazos vinculados ao vacún leiteiro. No pavillón 11, GEA mostrou, entre outros equipos, o seu DairyFeed F4500, un robot autónomo capaz de pesar, mesturar e distribuír a ración. Holm & Laue presentou os seus sistemas para a recría e recibiu un Innov’Space por CanWash, unha ferramenta que facilita a limpeza dos bidóns de leite integrándoos no ciclo de lavado da instalación de muxido.
No exterior, BouMatic reuniu as súas innovacións de muxido robotizado, alimentación e xestión de xurros, entre elas o Gemini UP Double Box, que expuxo cun dos deseños da súa edición especial Gemini’ART 2026. DeLaval promocionou equipos como o VMS V300 e o OptiWagon, o seu robot autónomo e eléctrico para a distribución de alimento.
Pola súa banda, Lely exhibiu as súas implementacións, que ían desde a retirada de esterco ata o muxido e a alimentación automatizados. “Temos unha zona dedicada a todas as solucións de Lely, desde o robot de esterco ata o robot de muxido e o de alimentación, e tamén un espazo dedicado á intelixencia artificial e aos datos”, explicou Pierre Grevet, responsable de Marketing e Comunicación de Lely Francia-Iberia.
Grevet destacou, ademais, a importancia de Space para a compañía pola súa celebración no oeste de Francia, unha zona cunha importante concentración de produción leiteira.
O crecente volume de información xerado polos sistemas automatizados está abrindo novos retos. Lely recibiu un dos premios Innov’Space por Lely Hub, un soporte destinado a almacenar e protexer os datos da gandería. “Os datos son agora un tema moi importante. Temos que protexer toda a información dunha granxa”, explicou Steven Lorent, xefe de produto de Lely Francia-Iberia, ao falar deste novo sistema.
Premios á innovación
Os galardóns Innov’Space volveron servir de escaparate para algunhas das novidades presentadas en Rennes. Nesta edición, o xurado seleccionou 32 innovacións entre 78 candidaturas, con desenvolvementos relacionados con ámbitos como a dixitalización, a automatización, a maquinaria ou a sanidade animal.
Ademais de Lely Hub e CanWash, entre as solucións premiadas atopábase Kuhn Librafeed, un sistema intelixente para xestionar a pesada en carros mesturadores autopropulsados e mellorar a precisión durante a preparación das racións.
Kuhn mostrou esta ferramenta dentro da súa ampla exposición de maquinaria, mentres que fabricantes como Joskin, Tatoma ou McHale, esta última a través do seu distribuidor francés Sterenn Equipements, exhibiron unha oferta na que a procura de precisión e eficiencia volveu estar moi presente.
A sanidade e a xenética completaron a oferta en vacún de leite da feira. No pavillón 1 concentráronse firmas vinculadas á reprodución, á saúde e ao benestar animal, con compañías como Boehringer Ingelheim, Vetoquinol, Virbac, Elanco ou Red Black, distribuidor da xenética de Ascol en Francia.
Gaec. Robinard Pastèque, vaca gran campiona
Un dos principais acontecementos de Space volveu ser o Challenge France Prim’Holstein, que culminou tres días de concursos gandeiros. O certame reuniu 170 vacas, procedentes de diferentes rexións francesas, que foron xulgadas polo canadense Joël Lepage.
O título de gran campiona foi para Gaec. Robinard Pastèque, propiedade conxunta de GAEC Pom Holstein, Du Louvion Holstein, Quim Serrabassa, Agriber e Triangle Holstein. Trátase dun exemplar en quinta lactación que completou a súa actuación proclamándose tamén campiona adulta e mellor ubre adulto. Ademais, este mesmo exemplar fora reserva de gran campiona en Space 2024.
Cambios na organización de Space
Tras catro décadas de historia, Space volveu reunir así elementos tradicionais dunha feira gandeira, como a xenética, os animais e a maquinaria, cunha presenza crecente de robots, sensores, ferramentas dixitais e intelixencia artificial.
Esta 40.ª edición chegou, ademais, nun momento de cambios dentro da organización. Didier Lucas asumiu a presidencia de Space en 2025, en substitución de Marcel Denieul, mentres que durante a preparación da cita deste ano se incorporou un equipo de transición reforzado por Valérie Le Roy, ex directora do Salon International de l’Agriculture de París.
Anne-Marie Quemener, durante anos unha das principais figuras na organización de Space, xa non forma parte actualmente do equipo, ao igual que varios dos profesionais que traballaran estreitamente con ela. A feira afronta así unha nova etapa despois de catro décadas de traxectoria consolidada.