O queixo Mourelo, elaborado por Gandería Quintián no Páramo (Lugo), clasificouse para a final do XVI Campionato dos Mellores Queixos de España, GourmetQuesos 2026, que se celebrará o vindeiro 13 de abril en Madrid.
O certame, considerado o máis prestixioso do sector queixeiro a nivel estatal, reuniu nesta edición máis de 800 mostras que foron avaliadas por 64 xuíces profesionais ao longo de dúas fases clasificatorias. Neste esixente proceso, Mourelo logrou situarse entre os cinco mellores na categoría de vaca curado de leite cru.
Trátase dun queixo de pasta prensada semicocida elaborado con leite cru de vaca, cuxas cualidades —como cortiza, textura, aroma ou persistencia— destacaron fronte a unha ampla competencia.
A xerente da queixería, Chelo López, sinalou que este recoñecemento supón “un orgullo” e un impulso para seguir apostando pola calidade e pola elaboración coidada.
A presenza de Mourelo na final consolida a traxectoria de Gandería Quintián e reforza o seu compromiso cun modelo produtivo ligado ao territorio e á excelencia.