XORNADA AFRICOR LUGO-VACA PINTA 2021

O relator: Alfonso Lago (DairyExperts)

O Dr. Alfonso Lago é o director de Solucións en Investigación e Consultoría de DairyExperts, Inc., unha firma de investigación, consultoría e laboratorios fundada en 2012 que opera no centro leiteiro máis grande do mundo, localizado en Tulare (California). Tamén é director no National Mastitis Council, unha organización global para o control da mastite e a calidade do leite.

Estudou veterinaria na Facultade de Veterinaria de Lugo e exerceu durante tres anos na Mariña en Lugo e no occidente de Asturias. Posteriormente trasladouse aos Estados Unidos, onde completou un Programa de Residencia en Medicina de Produción Leiteira na Universidade de Wisconsin-Madison e un doutoramento en Epidemiología na Universidade de Minnesota. A súa investigación de posgrao centrouse na avaliación do tratamento selectivo da mastite e os factores de risco para a saúde respiratoria dos xatos.

Na actualidade, dirixe estudos que avalían a eficacia e custo-beneficio de estratexias, tecnoloxías e produtos relacionados coa saúde, a nutrición e o manexo do gando leiteiro. Tamén deseña as solucións de consultoría de DairyExperts, onde o seu equipo traballa con granxas leiteiras e centros de recría de xatas que varían en tamaño entre os 2.000 e 100.000 animais.

Alfonso tamén ocupou postos como instrutor na Universidade de Minnesota e como Xerente de Servizos Técnicos e Investigación Clínica de EE. UU. en APC, o maior produtor mundial de proteínas funcionais.

No seu relatorio do martes 2 de marzo, Lago abordará o que funciona e o que se debe mellorar en canto ao tratamento selectivo. Nunha segunda intervención que terá lugar o xoves 4, presentará solucións integrais aplicadas nas ganderías máis grandes dos Estados Unidos.