Prorrógase ata o 15 de xuño o prazo de solicitude de axudas da PAC 2020

O Boletín Oficial de Estado (BOE) publica hoxe a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola que se estende ata o 15 de xuño o prazo de presentación da solicitude única das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) para o ano 2020 en todo o territorio nacional.

A fin de que os pagos se efectúen nos prazos habituais, a Comisión Europea aprobou reducir os controis sobre o terreo en cada réxime do 5 % ao 3 % dos expedientes e evitando sempre o contacto físico entre o agricultor e o controlador para respectar as normas sanitarias vixentes. Así, a partir do próximo 16 de outubro espérase que se poidan comezar a abonar os anticipos destas axudas, que desta volta poderán ser de ata un 70 % do total no caso das axudas directas e de ata o 85 % nas que se refiren a medidas de desenvolvemento rural.

 

CASOS DE FORZA MAIOR

Posto que a crise sanitaria actual provocou que algúns solicitantes deste tipo de prestacións non poidan cumprir con todas as condicións de elexibilidade establecidas, os organismos pagadores poderán estudar se procede aplicar categoría de caso de forza maior para evitar a penalización. Neste sentido, adiantouse que o Fondo Español de Garantía Agraria publicará nos próximos días os pormenores sobre a xestión deste tipo de casos, entre os que se atoparían, por exemplo, gandeiros que teñan aos seus animais en pastoreo e tivesen dificultades de desprazamento e explotacións cun incremento do censo debido ás dificultades de comercialización.

 

PRÓRROGA EXTRAORDINARIA

Cun período de solicitude orixinal do 1 de febreiro ao 30 de abril, o prazo foi inicialmente ampliado ata o 15 de maio (data máxima permitida na regulamentación comunitaria) por mor da declaración e sucesivas prórrogas do estado de alarma debido á crise polo COVID-19. Tras a solicitude do Ministerio á Comisión Europea dunha maior flexibilidade para a xestión e tramitación das axudas aos gandeiros e agricultores, o pasado 7 de abril publicouse unha modificación regulamentaria para permitir unha nova ampliación, que se estenderá finalmente ata o 15 de xuño.

Así mesmo, en determinados casos, como o dun cambio no plan de sementeira, os solicitantes das axudas poderán presentar ata o 30 de xuño unha modificación da súa solicitude única. O 30 de xuño será tamén o día límite para a presentación das comunicacións de cesións de dereitos de pago básico e é a data que se toma como referencia para o cumprimento dalgúns requisitos das axudas directas, como o da obrigación de ter á súa disposición as parcelas polas que se solicitan as axudas.


LER: Orde APA/377/2020, do 28 de abril, pola que se modifican, para o ano 2020, diversos prazos establecidos nos Reais Decretos 1075/2014, 1076/2014, 1077/2014 e 1078/2014, todos eles de 19 de decembro, ditados para a aplicación en España da Política Agrícola Común