Convocadas as axudas para compensacións por inactividade e para reposición de gando

Convocadas as axudas para compensacións por inactividade e para reposición de gando

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de Medio Rural que contempla as compensacións complementarias por inactividade e as axudas para a reposición de gando bovino, ovino e cabrún en explotacións afectadas polo sacrificio obrigatorio de animais por mor de programas oficiais de erradicación de enfermidades. A partida orzamentaria consignada para este ano é de 300.000 euros.

Poderán solicitar as achegas por lucro cesante os titulares de explotacións de gando bovino, ovino e cabrún nas que se ordenase o sacrificio de forma preventiva da totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial. Así, compensarase a perda de ingresos pola inactividade da explotación ata que se autorice a compra de novos animais.

No caso das axudas destinadas á reposición de gando, poderán solicitalas os titulares que teñan que mercar cabezas de gando como consecuencia dun sacrificio obrigatorio dun ou máis animais existentes na súa granxa, debido ao diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou debido a unha actuación sanitaria oficial.

As solicitudes de axudas de compensacións complementarias por inactividade e para a reposición de gando poderán presentarse dende mañá ata o 30 de novembro de 2020 por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Toda a información sobre esta orde pódese consultar no DOG de hoxe.