Convocadas axudas por valor de 38,8 millóns de euros para a incorporación de mozos, para plans de mellora e para pequenas explotacións en Galicia

Vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas de Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cun presuposto de 38,8 millóns de euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes.

Na repartición do orzamento total, 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ademais, ao igual que na pasada convocatoria, resérvase un 10 % do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.

No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deberán comprometerse a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos e subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo de factores como o volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais. Cómpre destacar que os beneficiarios desta liña estarán exentos da achega de garantías.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30 % dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación. Esa porcentaxe poderase incrementar ata un máximo do 50 % en función de criterios como o feito de ter concedida unha axuda para incorporación de mozos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.