Convocadas as axudas para as ADSG de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o período 2020-2021. A finalidade destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e o control de enfermidades dos animais. Estes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2020 e o 28 de febreiro de 2021. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueíte bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro de 2019.

A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo establecido para facelo será dun mes, contado a partir de mañá.