Space cancela a súa cita para 2020 e anuncia as datas para 2021

Finalmente, a organización do Salon International des Productions Animais (Space) decidiu cancelar a súa edición de 2020 debido á pandemia por Covid-19. “As disposicións sanitarias que, sen dúbida, deberemos seguir aplicando no mes de setembro non poderán adoptarse de maneira estrita na Space debido á alta concentración de persoas nesta feira. O respecto da distancia física non puidese ser viable nin aplicable nas casetas, as filas de espera, os espazos de conferencias, de restauración, de recepción, etc.”, explicaron.

Ademais, participar na Space require unha preparación e a elaboración de orzamentos con varios meses de antelación para os seus expositores, provedores e socios, “e dada a incerteza actual, pareceunos fundamental evitar que o conxunto da nosa comunidade teña que correr demasiados riscos financeiros”, destacaron.

Así, a pesar de que as repercusións económicas desta feira son notables para a rexión (estímase que superan os 90 millóns de euros ao ano), pensando en salvagardar a saúde de todos os participantes e socios, tomaron a decisión de anular esta cita.

Do mesmo xeito, anunciaron xa as datas para a edición do próximo ano: Space 2021 celebrarase no Parque de Exposicións de Rennes (Francia) do 14 ao 17 de setembro de 2021.