Xundeva celebrará o 5 de novembro en Lalín os seus XXI Encontros Gandeiros

Xundeva celebrará o 5 de novembro en Lalín os seus XXI Encontros Gandeiros

A sanidade da lingua azul, as aplicacións da intelixencia artificial nas granxas de vacún de leite e a nova PAC serán os principais temas dunha xornada que terá lugar no Auditorio Municipal de Lalín (Pontevedra).

A Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva celebrará o vindeiro xoves 5 de novembro a vixésimo primeira edición dos seus Encontros Gandeiros, unha cita dirixida a profesionais do sector que reunirá en Lalín a especialistas para analizar algunhas das cuestións de actualidade que afectan ás ganderías.

A xornada terá lugar no Auditorio Municipal de Lalín e comezará ás 11:00 horas cun café de benvida. A apertura oficial será ás 11:30 horas e correrá a cargo do presidente de Xundeva, Arsenio Presas Campos, e do tesoureiro da entidade, Daniel Vázquez López.

O programa de relatorios arrancará ás 11:45 horas coa intervención de Sergio R. Pedrouzo, do servizo técnico de ruminantes de Vetia Animal Health, quen abordará a situación actual da lingua azul e as súas perspectivas de futuro. Baixo o título «Lingua azul, mirada actual e horizonte futuro», analizará esta enfermidade que afecta aos ruminantes e constitúe unha preocupación sanitaria para o sector.

Ás 12:30 horas será a quenda de Manolo Morales Gamazo, de Oceva, quen impartirá a conferencia «Que pode facer a intelixencia artificial pola miña granxa? Reflexións desde o vacún de leite». A sesión estará dedicada ás posibilidades de aplicación desta tecnoloxía nas ganderías leiteiras.

O último relatorio comezará ás 13:15 horas e estará centrado na nova Política Agraria Común (PAC) posterior a 2027. Juan José Cerviño Varela, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, analizará as perspectivas desta futura política comunitaria.

Os XXI Encontros Gandeiros concluirán ás 14:15 horas coa intervención do alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, e do presidente de Xundeva, Arsenio Presas Campos, encargados de clausurar unha xornada que combinará cuestións sanitarias, tecnolóxicas e de política agraria.