Galicia, pola súa estrutura agraria actual, pola diversidade climática, polo tipo de solos e pola socioloxía, é un territorio especialmente preparado para este modelo. A evolución dos últimos anos é contundente: hoxe superamos as 46.000 hectáreas certificadas, con máis de 1.500 operadores e unha facturación que rolda os 118 millóns de euros, cifras que non deixan de medrar ano tras ano. O selo Craega converteuse nun garante recoñecido, e a presenza desta produción chega xa a case todos os concellos do país (ao 90%). Este crecemento non é casual. Como sistema de produción, xera máis emprego por hectárea, fixa poboación, favorece o policultivo, a pluriactividade, incluso o pluriemprego (agricultura profesional a tempo parcial) e dá valor engadido aos produtos. Unha explotación que certifica en ecolóxico, ben xestionada, é máis que unha granxa: é un “proxecto de vida” que pode combinar, e combina en moitos casos, produción, transformación, turismo, divulgación e identidade territorial. En Galicia isto é especialmente visible en sectores como a carne (aínda que na actualidade presenta problemas de diferenciación en prezo), o leite, a horta, o peixe ou a froita, onde a demanda supera en moitos casos a oferta.
Se miramos cara ao continente europeo, vemos que a UE aspira a acadar o 25 % da superficie ecolóxica en 2030. Países como Austria ou Estonia xa superan o 20 %. Galicia está preto do 5 %, pero cun ritmo de crecemento superior á media europea e cunha característica diferencial: a produción ecolóxica galega está moito máis ligada ao territorio e á cultura agraria que noutros países. Non é só unha técnica, é unha forma de entender o rural. No mundo, esta agricultura avanza con forza en América Latina, India e Oceanía. A razón é simple: os solos degradados —que xa representan preto dun terzo dos solos do planeta (FAO)— só se recuperan con prácticas que devolvan vida ao chan. A ecoloxía é hoxe unha ferramenta de restauración, non só de produción, e, por suposto, se se modifican certos hábitos de consumo pouco saudables e non sostibles desde o punto de vista enerxético, será, seguramente, a forma máis xusta de alimentar mellor a todos os seres vivos e coidar o planeta.
Outro aspecto que cabe destacar, volvendo ao territorio galego, é a relación entre a práctica ecolóxica e a lonxevidade, que non se explica por unha dieta exclusivamente concreta, senón por un modelo mixto baseado en alimentos frescos, de proximidade e producidos con prácticas sostibles desenvolvidas desde épocas ancestrais, ademais dunha socioloxía e dunha forma de vida sen desconexión total coa terra. A carne de porco e vaca, destacando a Tenreira Galega Suprema e Ecolóxica (algo totalmente exclusivo), o peixe atlántico, o mexillón, as algas, o leite, o pan, as patacas, a froita e a horta conformaron durante séculos unha dieta equilibrada, con baixa presenza de ultraprocesados e alta densidade nutricional. Non deben alarmar os estudos internacionais que relacionan a proteína vexetal cunha maior esperanza de vida, posto que, maioritariamente, se refiren a países onde o consumo de carne industrial é excesivo. En Galicia, pola contra, a proteína animal procede historicamente de sistemas extensivos (ecolóxicos de facto), polo que non supón un factor negativo, senón parte dun patrón alimentario moi saudable e, sobre todo, sostible. A agricultura ecolóxica actual non pretende eliminar a proteína animal, senón garantir que tanto os alimentos de orixe vexetal coma os de orixe animal manteñan a calidade de vida, das persoas, dos animais e das plantas, o que fixo de Galicia unha das rexións máis lonxevas de Europa.
As grandes investigacións europeas demostran que as dietas baseadas en alimentos frescos, pouco procesados e producidos con base nas técnicas que nos ocupan, reducen a mortalidade prematura e melloran a saúde cardiovascular, metabólica e cognitiva. Por que? Porque certificar a agricultura ecolóxica produce alimentos con menos residuos químicos, máis densidade nutricional, maior diversidade microbiolóxica e menor impacto inflamatorio. A microbiota intestinal —clave na saúde global— responde mellor a alimentos ecolóxicos e de proximidade, e isto encaixa perfectamente coa cultura alimentaria galega. Logo, non é casualidade que Galicia teña unha das maiores esperanzas de vida de Europa. A dieta atlántica tradicional, combinada cun territorio que avanza de cara a modelos ecolóxicos, é unha das mellores fórmulas coñecidas para vivir máis e mellor. Estou plenamente convencido de que, igual que as labregas e labregos de Galicia foron capaces de converterse en referentes na produción de leite (por exemplo) en Europa e no mundo, serán e seremos capaces de converternos nun referente entre o campesiñado máis sostible do mundo, demostrando que producir alimentos de calidade, coidando o medio, pode facerse e, ademais, para todos e todas.
Por todo isto, a agricultura ecolóxica non é só unha técnica agraria. É unha política pública, moi democrática, unha estratexia de país e unha oportunidade histórica. Galicia ten territorio, ten tradición, ten operadores formados, ten demanda e ten marca. Se sabemos consolidar este camiño, Galicia pode ser —e está a ser— un faro atlántico dun modelo que une terra, mar, economía e vida.
Autor: Marcos Vázquez Marey, responsable de Promoción do Craega, polo Día da Agricultura Ecolóxica de 2026.