A Cátedra USC-Lactalis presenta unha guía de boas prácticas para as explotacións de vacún de leite

A Cátedra USC-Lactalis presenta unha guía de boas prácticas para as explotacións de vacún de leite

A Cátedra USC-Lactalis España de Innovación e Emprendemento Gandeiro presentou o Manual de Boas Prácticas no Manexo do Vacún de Leite: Unha Guía para o Gandeiro, unha publicación que recolle recomendacións técnicas para mellorar a xestión diaria das explotacións. O acto tivo lugar o 5 de novembro na gandería Casa Cortés, situada en Mesía (A Coruña), co obxectivo de achegar os contidos da guía aos profesionais do sector.

O manual aborda nove ámbitos fundamentais da produción láctea: bioseguridade, benestar animal, alimentación e calidade da auga, instalacións, muxidura e refrixeración, medio ambiente, calidade do leite, uso responsable de antibióticos e Sistema Integral de Xestión das Explotacións Bovinas (SIGE). Cada apartado combina coñecementos técnicos con orientacións prácticas para facilitar a súa aplicación nas granxas.

A publicación foi elaborada por especialistas da Área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e revisada por profesionais de Calidade e Responsabilidade Social Corporativa de Lactalis España.

Francisco Javier Diéguez Casalta, profesor da USC e coordinador do traballo, explicou que o propósito foi “reunir e ordenar o coñecemento dispoñible para transformalo en orientacións claras, realistas e útiles para as ganderías”. Así mesmo, destacou que as recomendacións poden adaptarse ás características e necesidades de cada explotación.

Pola súa banda, Luis Antonio Díaz-Regañón Labajo, responsable de Calidade e RSC de Lactalis Compras y Suministros, subliñou a importancia de combinar o coñecemento científico coa experiencia dos equipos técnicos para ofrecer ferramentas aplicables ao traballo cotián.

Durante a presentación, Víctor Bascoy, responsable de Casa Cortés, valorou a utilidade de contar con recomendacións respaldadas cientificamente para mellorar a eficiencia produtiva e a calidade do leite.

Esta publicación constitúe un dos primeiros proxectos da Cátedra USC-Lactalis España, unha iniciativa que dá continuidade a máis de quince anos de colaboración entre ambas as entidades e que busca impulsar a formación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector gandeiro.