Quince animais súbastanse este sábado no concello lucense de Sarria

Quince animais súbastanse este sábado no concello lucense de Sarria

O mercado gandeiro do concello lucense de Sarria acollerá esta segunda fin de semana de maio unha nova poxa de gando frisón, no marco da 36.ª edición da Mostra Agro-gandeira de San Isidro.

Na poxa, que comezará o sábado 9 ás 12:00 horas, poranse á venda quince lotes procedentes de dez ganderías lucenses: Cancela (Sarria), Carballo González (Pastoriza), Casa Capón (Chantada), Casa Queiroga (O Páramo), Do Lancero (Chantada), Galán (Pastoriza), Granxa Vila (Lugo), Lacpi (Sarria), Marey Castro (Pol) e Susao (Sarria).

Dos quince animais presentados, tres correspóndense con xovencas próximas ao parto. As outras doce son vacas de primeiro parto recente.

O Concello de Sarria organiza a poxa coa colaboración da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor Lugo). Desde a entidade, lembran que a finalidade deste tipo de actos é potenciar a comercialización de animais criados en ganderías de Lugo.

Engaden que é positivo para os vendedores, “porque se trata de poxas publicitadas, nas que se valora o traballo de selección; Africor encárgase de realizar as probas sanitarias e de preparar e coidar os animais na feira; ademais de que o venres se vai buscar o animal e o sábado xa se cobra”.

Así mesmo, destacan que para os compradores “concéntrase a oferta, teñen garantías sanitarias, os animais proceden de ganderías próximas, dispóñese da información xenealóxica completa, o transporte é gratuíto para as ganderías de Lugo e contan cunha axuda de 200 euros de Caixa Rural Galega e doses de seme por xentileza de Xenética Fontao”.

A imaxe de portada correspóndese con Grilo Genuine 4219, exemplar da gandería Grilo, de Bóveda (Lugo), que en 2025 fixou o prezo máis alto da poxa: 4.450 euros.