Grilo Genuine, vendida por 4.450 euros, alcanza o prezo máis alto da poxa de Sarria

Esta mañá Africor Lugo celebrou, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, Xenética Fontao, Caixa Rural, o Concello de Sarria e a Cooperativa Aira, unha nova poxa de gando frisón no mercado gandeiro de Sarria, na que se puxeron á venda un total de 12 animais.

A vaca mellor paga foi Grilo Genuine 4219, un exemplar vendido pola gandería Grilo, de Bóveda (Lugo), adquirido pola gandería Pena Guisande, do Páramo (Lugo), por 4.450 euros. A xovenca que alcanzou o prezo máis alto foi Marey Coach 4517 Iris, presentada pola gandería Marey Castro, de Pol (Lugo), adquirida pola gandería Serra, de Sarria (Lugo). Venderonse todos os exemplares presentado e o volume total de negocio do evento chegou aos 39.850 euros, cunha cotización media de 3.320 euros.