MSD Animal Health e a Federación de Veterinarios de Europa (FVE) puxeron en marcha unha nova edición do seu Programa Europeo de Bolsas para Estudantes de Veterinaria, a través do cal concederán 34 axudas de 5.000 dólares cada unha. A iniciativa busca apoiar a formación dos futuros profesionais veterinarios e contribuír ao desenvolvemento das competencias necesarias para afrontar os retos da saúde e o benestar animal.
O programa, organizado conxuntamente por ambas as entidades desde 2016, cumpre dez anos e beneficiou ata a data a 432 estudantes de toda Europa. As bolsas están dirixidas a alumnos de terceiro, cuarto e quinto curso matriculados en centros pertencentes á Asociación Europea de Establecementos para o Ensino Veterinario (EAEVE).
En España participan doce universidades, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Facultade de Veterinaria de Lugo. Completan a relación as universidades Autónoma de Barcelona, Estremadura, Córdoba, Las Palmas de Gran Canaria, León, Complutense de Madrid, Alfonso X el Sabio, Murcia, CEU Cardenal Herrera, Católica de Valencia e Zaragoza.
A selección dos beneficiarios terá en conta os seus resultados académicos, as actividades desenvolvidas fóra do ámbito universitario e as súas contribucións ao benestar animal e ás comunidades locais. Tamén se valorarán o destino previsto dos fondos e a súa visión sobre os principais desafíos da profesión veterinaria. Os estudantes seleccionados daranse a coñecer en xaneiro de 2027 e recibirán as axudas en febreiro.