GANADERÍA RODASINDE. O SAVIÑAO (LUGO)

Os máis produtores de Galicia: 25.484 kg de leite por lactación

Yolanda Torrents e José Manuel Taboada, da Ganadería Rodasinde, poden ser recoñecidos no sector por acadar as maiores cifras de produción durante os últimos anos, pero, cando un os coñece de cerca, destacan máis, aínda se cabe, polo coidado meticuloso que manteñen no seu establo e polo amor polas vacas, pola gandería e polo medio rural. Nesta reportaxe, desveláronnos todas as peculiaridades do seu día a día. Máis en Vaca Pinta 49.

Localización: O Saviñao (Lugo)

Propietarios: Yolanda Torrents e José Manuel Taboada

N.º total de animais: 219

Vacas en muxidura: 100

Media de produción: 48,2 kg/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,29 %

Porcentaxe de proteína: 3,50 %

RCS: 193.000 cél./ml

Venda do leite: Reny Picot

Prezo do leite: 43 cts./l + 2,5 cts./l por benestar ± primas por calidades

As cifras de produción da Ganadería Rodasinde falan por si soas, e é que as súas frisonas acadaron no ano 2023 unha media de 16.286 kg por lactación normalizada a 305 días e de 25.484 quilos de leite por lactación real, uns números rexistrados pola Asociación para o Control Leiteiro (Africor Lugo) que converten esta gandería lucense na máis produtora da provincia de Lugo e tamén da comunidade autónoma de Galicia.

Os seus propietarios, Yolanda Torrents e José Manuel Taboada, non é a primeira vez que son recoñecidos por este logro, senón que Africor Lugo e tamén a Federación de Frisona Galega (Fefriga) entregáronlles os seus recoñecementos honoríficos como explotación con máis produción nos últimos cinco anos consecutivos.

“A verdade é que as nosas vacas producen moitísimo leite e iso que agora mesmo temos un hándicap importante, porque o 49,4 % das nosas frisonas son vacas de primeiro parto, que sempre producen un pouco menos. Igualmente son fantásticas e estamos moi orgullosos”, matiza Torrents.


“Namoreime das vacas, do traballo e do rural”

NAMORADA DAS VACAS E DO MUNDO RURAL

Ao igual que a gran maioría das granxas de vacún leiteiro do noso país, as orixes da Ganadería Rodasinde débense á tradición gandeira familiar. Os pais de José Manuel foron os responsables de apostar por este negocio e, a finais dos noventa, chegou a remuda xeracional con dous mozos de apenas vinte anos.

Yolanda, nacida en Barcelona e de nai galega, coñecía perfectamente a aldea de Segán porque viña coa súa familia habitualmente pasar os veráns e ela e José Manuel cruzaron os seus camiños desde os 14 anos. “A partir de aí sempre estivemos xuntos”, afirma a gandeira.

“Namoreime do meu marido, casamos en 1997 e vin probar se me gustaba isto. Naquel momento, acordamos que probaría seis meses e que, se non me adaptaba, buscariamos outra cousa xuntos”, resume emocionada.

A proba foi todo un éxito e a principal causa de que a Ganadería Rodasinde sexa o que é hoxe en día. “Namoreime das vacas, do traballo e do rural”, confesa Yolanda.

Lembra así aqueles anos: “As mulleres rurais galegas eran superpoderosas para min. Encantábame o tipo de familia que había aquí. Cando naceron as nosas fillas, puiden estar sempre con elas e conciliar o meu tempo. Creo que tiveron unha infancia magnífica”.

“O rural é a miña vida, é moi especial, pois ofrece valores que agora se están perdendo”, remata.


“A día de hoxe case a metade das vacas suman máis de 365 días en lactación”

MÁXIMA DEDICACIÓN

Como alcanzar estes datos? A esta pregunta Yolanda contesta moi convencida: “Dedicándolles moitísimo tempo e centrándonos na prevención de enfermidades”. Están moi pendentes de cada un dos seus animais de maneira individual, poñen o foco en que as vacas cheguen ao parto do mellor xeito posible e coidan moito o seu posparto.

Ademais, manteñen as camas en moi boas condicións para garantir un gran benestar animal e están moi atentos á dispoñibilidade de auga limpa e de comida fresca, para que non lles falte de nada no que respecta á súa alimentación.

“O 80 % deste éxito é responsabilidade dun gran manexo, de ser perseverantes e de dedicarlles tempo aos pequenos detalles”, considera Yolanda, “porque podes ter unha frisona boísima xeneticamente, pero, se a deixas coxear, por exemplo, esa produción caerá en picado”.

LACTACIÓNS PROLONGADAS

Outro punto que pode influír á hora de acadar semellantes producións é a súa maneira de xestionar as lactacións das súas vacas. “Somos un pouco peculiares, porque estamos inseminando algunhas das nosas produtoras con máis de 300 días en leite e o intervalo entre partos é duns 565 días de media”, indica.

No 2012 comezaron a estudar as producións das súas frisonas para tomar decisións sobre o día no que poder inseminar a cada unha delas. Moitos técnicos veterinarios recomendábanlles inseminar aos 60 días posparto e empezaron a detectar que, cando alongaban as lactacións, preñaban moitísimo mellor. “Cada vaca é distinta e produce de maneira diferente, pero, se a inseminas no pico de produción, a vaca non pode dedicarse a producir leite e a quedar preñada”, razoa.

A partir do 2018, ano no que os seus sogros se xubilaron e adquiriron a súa participación na sociedade, comezaron a facer algúns cambios tanto na reprodución como na alimentación do seu rabaño.

Un deles foi que pasaron a inseminar as frisonas con máis de 80 días en leite e, dende ese momento ata agora, foron alongando o período cada vez máis. “A día de hoxe –confirma Yolanda– case a metade das vacas suman máis de 365 días en lactación”. Deste xeito, en Rodasinde a media de número de partos é baixa, 1,9, porque as vacas non paren cada ano, senón cada dous.

Por último, outro aspecto que diferencia a xestión desta granxa é que a partir do cuarto parto deixan de inseminar as vacas, manténdoas ata que producen máis de 30 litros e, dende que baixan desta cifra de produción, véndenas. “Absorbemos todas as xovencas para a granxa e as vacas que vendemos, como están gordas e ben repostas, valen moito diñeiro. Así, estas vacas repórtannos o que nos custa recriar unha xovenca e aínda nos queda algo de beneficio”, detalla a gandeira.


“Buscamos que se repoñan do parto pouco a pouco, que empecen a comer a ración de produción e que arrinquen a produción de maneira progresiva”

O SECADO E O POSPARTO

Dous momentos críticos para Yolanda son o secado e o posparto das súas vacas. Outro motivo máis para defender o seu sistema de lactacións prolongadas, porque “ao parir cada dous anos, alongas máis a chegada destes momentos”.

Realizan un secado de 70 días, que cualifica como “bastante doado”, xa que, ao alongar as producións, conseguen secar as vacas con menos leite. “Revisamos o reconto de células somáticas e, se sae alto, analizamos o leite por se é necesario un secado con antibiótico. Se non, aquí secamos absolutamente todo con tapóns de secado –di–, xa non utilizamos antibióticos para secar as vacas”.

Tras o parto, fan moito fincapé na prevención de enfermidades para evitar problemas como a cetose e o desprazamento de callar. Axudan as súas vacas proporcionándolles bolos de calcio e coidan dunha maneira moi especial o inicio da produción de leite.

Por unha banda, as vacas de primeiro parto, desde que paren, son muxidas só pola mañá e pola noite, e non pasan aos tres muxidos como o resto, durante a primeira semana. “Buscamos que se repoñan do parto pouco a pouco, que empecen a comer a ración de produción e que arrinquen a produción de maneira progresiva. Se as muxísemos tres veces ao día a fondo, consumirían toda a graxa que teñen no corpo e entrarían máis facilmente en cetose. Así, evitamos moito mellor esta patoloxía”, explica Yolanda.

Pola outra, as vacas adultas, a partir do segundo parto, tamén as moxen durante os primeiros dez días dende que paren só pola mañá e pola noite, pero, ademais, controlan moito o muxido: “Só lles retiramos catro litros en cada muxido, cando unha vaca destas características xa che podería dar 25 ou 30 litros. Nós freámolas, porque non ten sentido que lles esteamos a achegar calcio por un lado e por outro lles retiremos todo o leite”. Deixan que se recuperen nestes primeiros 10 días e logo pasan os seguintes 15 aumentando a retirada de leite de dous litros en dous litros e xa a tres muxidos. Cando pasan uns 25 días desde o parto, revísaselles a cetose no leite e, se todo está ben, comezan o muxido totalmente normal.

Con esta forma de traballar, Yolanda Torrents asegura que as súas vacas “duran máis e teñen moitísimos menos problemas, porque non están forzadas e dan o que poden. Ao final, practicamente non temos que tratar nada e reducimos moito o uso de medicamentos e de antibióticos”.

Ademais, lograron mellorar de maneira importante os índices de preñez das súas vacas. Para a detección dos celos, sincronízanas todas e ás xatas, que están inseminando sobre os 14 meses e medio, aplícanlles prostaglandina e colócanlles un parche. “Cando ese parche cambia de cor, sabemos que podemos inseminalas”, apunta.

A SAÚDE, FOCO DA SELECCIÓN XENÉTICA

Na selección xenética do seu rabaño, Yolanda recoñece que hai anos daban moito valor ao tipo dos animais. Na actualidade, están poñendo máis o foco nos parámetros de saúde. “Sempre nos gustou mellorar a xenética, pero é certo que estamos máis centrados nos trazos de saúde, o mérito neto e as calidades, sen deixar de lado o tipo, os ubres ou as patas”, destaca.

Un episodio na historia de Rodasinde que quizais marcou este cambio ocorreu no 2005, cando a aparición de nove casos positivos a tuberculose os obrigou a facer un baleirado sanitario.

O investimento en xenética nese momento fora moi grande, pero tiveron que tomar unha decisión. Optaron por sacrificar todos os animais, 126 en total, e comezaron de novo con vacas compradas en Francia, Bélxica e Holanda. “Foi unha época dura, pero creo que foi o acertado, porque máis tarde apareceron unha avoa e unha neta que non deran positivo e tería sido un goteo continuo”, conta.


Apostan ao 95 % pola raza holstein e só utilizan touros de carne en vacas puntuais

Apostan nun 95 % pola raza holstein e, entre touros xenómicos e probados, ultimamente utilizan máis dos primeiros. Con todo, “cando os probados nos dan xovencas que nos gustan, volvemos confiar e só utilizamos carne en vacas puntuais que non preñan ben ou das que non queremos recriar”, describe Yolanda. Considera interesante o xenotipado do rabaño, pero agora mesmo non lle sacarían un uso correcto e eficiente ao estar absorbendo toda a recría.

Para os temas de reprodución contan co asesoramento do veterinario Carlos Suárez; para a alimentación dos animais, co nutrólogo José Luis Vidal, e para a xestión da recría e as dúbidas clínicas, con Maica Expósito.

Maica Expósito, asesora en Rodasinde para a xestión da recría e o programa sanitario


“Un manexo impecable, unido a unha prevención ben estipulada, fai que teñamos menos problemáticas e que nos manteñamos máis saneados”

En que consiste o seu asesoramento en Ganadería Rodasinde?

Aínda que me dedico fundamentalmente á recría, o meu traballo nesta gandería tamén se centra no desenvolvemento do programa sanitario, que elaboro conxuntamente coa gandeira segundo a situación particular da granxa en cada unha das súas etapas.

Están centrados nalgún aspecto concreto?

A nosa base fundamental é a prevención. Levamos moitísimos anos traballando xuntas, coñecemos a problemática da granxa e, con base nos datos dos últimos anos, estipulamos un programa sanitario de prevención desde o inicio. A prevención comeza xa na vaca xestante, antes do parto, para ter xovencas sas e evitar problemas nos primeiros días de vida.

Ademais, temos estipulada unha serie de vacinacións nos diferentes lotes da granxa, tanto para vacas adultas como para xovencas. Así, evitamos tratar animais enfermos e reducimos moito o uso de antibióticos.

Que destacaría desta granxa?

Esta granxa está moi ben manexada. Están pendentes dos animais todos os días e coidan todos os detalles desde primeira hora da mañá.

A amamantadora está perfecta. As xovencas descansan nunha cama sempre mulida e seca.

Nos primeiros días de vida fan moitísimo fincapé en que os xatos tomen un costro correcto. Se non tes un bo manexo, as cousas nunca flúen.

Este manexo impecable, unido a unha prevención ben estipulada, fai que teñamos menos problemáticas e que, sanitariamente, nos manteñamos máis saneados.

Evitamos enfermidades respiratorias nos xatos, diarreas nos primeiros días de vida e, se o coidado e a alimentación das secas é perfecto, as vacas estarán moito máis preparadas inmunitariamente para o posparto.


“Para o benestar das vacas, é esencial non ter masificado o establo; por iso, sempre temos máis cubículos que animais”

TODO UN MODELO DE CONFORT ANIMAL

Yolanda Torrents admite que o bo manexo das súas vacas é clave para alcanzar estas enormes producións e que o mantemento e o coidado das instalacións son fundamentais.

Na nave principal manteñen as vacas en produción, as secas e as xovencas de máis de 15 meses, xa preñadas. “Hai seis meses cambiamos os cubículos, que eran de ferro, por estes flexibles de goma e están infinitamente mellor”, subliña.

As camas das produtoras son de area e as das secas e xovencas, de palla. “Antes preparabámolas todas con palla, pero o reconto celular coa area cambia moito, para ben”, sinala. A única parte negativa que valoran da area é que desgasta as arrobadeiras e que sedimenta no tanque do xurro, pero non lles supón grandes prexuízos porque “baleiramos o tanque cada tres anos, estendémola nas fincas e sen maior problema”.

Nesta instalación tamén viven os acabados de nacer durante os primeiros cinco días, que permanecen na parideira, e os machos que ceban para logo enviar ao matadoiro.

Nunha segunda localización atópase o almacén de materias primas e maquinaria e o espazo da amamantadora con dous lotes para xovencas entre 5 e 70 días de vida. Por último, no terceiro establo, que consta dunha liña de cornadizas e un teito, viven as xovencas desde que se destetan ata que son inseminadas e cumpren os 15 meses. Nestes dous espazos, conservan a cama quente de palla e as últimas teñen un espazo libre para descansar ou correr.

Os comedeiros están cubertos de resina para a conservación das racións e os bebedoiros, de volteo, límpanos pola mañá e pola tarde.

A limpeza da nave realízase con arrobadeiras de cable que empuxan todo o xurro a unha fosa aberta dividida en dúas partes cunha capacidade total de 1.600.000 litros.

Para o benestar das vacas, cren esencial “non ter masificado o establo. De feito, sempre temos máis cubículos que vacas”. Ademais, colocaron unha liña de ventiladores ao longo do establo e un sistema especial instalado en cada cabeceira que proxecta aire húmido ao seu interior. “Con estes coolings logramos refrixerar moito os nosos animais no verán”, engade a gandeira.

En canto ao aforro enerxético, instalaron en 2019 unha serie de placas fotovoltaicas con 15 quilovatios de capacidade grazas ás cales cobren o gasto do muxido do mediodía. Tamén contan cun recuperador de calor para que o leite chegue xa máis frío ao tanque e este consuma menos electricidade, así como cun variador que adapta as revolucións da bomba de baleiro para que só funcione á demanda que a sala realmente necesita.

Na sala de muxido, de 16 puntos, moxen tres veces ao día: ás sete da mañá, ás tres da tarde e ás dez da noite. “Decidimos pasar aos tres muxidos hai catro anos porque as producións eran moi altas e as vacas sufrían moito as dúas horas antes de muxir”, aclara.

O aumento de produción que conseguirían permitiríalles contratar unha persoa máis e, ao manter o ubre baleiro sempre, achegaríanlles máis benestar aos seus animais.

Na sala de espera, as vacas atopan un ventilador grande con auga pulverizada que as refrixera mentres fan cola para ser muxidas e, no verán, Yolanda e José Manuel permítenlles acceso continuo a esta zona para que poidan achegarse e refrixerarse en calquera momento.


“Estamos nunha zona moi seca na que o millo nin rende nin dá quilos”

SEN CULTIVO DE MILLO

As condicións da terra e o clima que caracterizan a localidade onde se atopa a Ganadería Rodasinde non permiten un bo cultivo de millo. “É imposible obter bos resultados, estamos nunha zona moi seca na que o millo non rende nin dá quilos”, comenta Yolanda.

Por se fose pouco, nesta área, o xabaril causa grandes estragos, polo que as contas non cadraban. Hai 12 anos decidiron abandonar o cultivo de millo e, no seu lugar, centrarse no cultivo de herba e na compra de todos os demais ingredientes necesarios para as racións dos seus animais. Segundo a gandeira, “a estratexia que seguimos para abaratar custos é intentar comprar cando os prezos están ben. Ás veces compramos ao día e outras facémolo a futuro”.

Adquiren soia, colza, alfalfa e outros ingredientes, incluíndo o millo en gran, que moen na propia gandería para elaborar a fariña de millo utilizada nas racións.

Para preparar o silo de herba, cultivan unhas 70 hectáreas, entre propias e alugadas, cunha mestura de raigrás inglés e italiano. Realizan un corte para ensilado e outro para herba seca. Algúns anos, incluso, lograron un segundo ensilado en novembro. Para as tarefas do campo, recorren ao parque de maquinaria da cooperativa Aira, da cal son socios.

As vacas en produción comen uns 25,92 kg de materia seca nunha ración con 21 kg de silo de herba,  12,9 kg de fariña de millo, 4,5 kg de colza, 2,9 kg de soia, 1,3 kg de palla, 0,8 kg de alfalfa, 0,3 kg de aceite de soia, 0,3 kg de carbonato de calcio e 0,3 kg de correctores. Calculan que o custo desta ración é de 7,62 euros por vaca ao día.

A ración de secas e xovencas componse de 7,5 kg de silo de herba,      6 kg de herba seca, 3,4 kg de fariña de millo, 2,2 kg de colza e 0,15 kg de correctores.

Por último, preparan eles mesmos unha terceira ración para o grupo de xatas desde a desteta aos 10 meses e para os machos cebados que leva, en kg/Tn, 680 kg de fariña de millo, 120 kg de colza, 100 kg de palla moída, 50 kg de fariña de soia, 25 kg de aceite de soia e 13 kg de correctores.

Elaboran a ración das vacas todos os días e a das secas, un día si e un día non. A mestura das xatas e dos machos fana cada 4.000 kg e, cando se acaba, volven preparala.

Aos acabados de nacer déixanos cinco días na parideira, para darlles costro pola mañá e pola noite. “Ao cuarto día aplicámoslles o descornado porque cremos que sofren menos e pómoslles todas as vacinas necesarias”, puntualiza Yolanda. A partir do quinto día pasan xa á amamantadora ata os 70 que se destetan.

UN EXTRA: OS PORCOS

Levan 37 anos vendéndolle toda a súa produción a Reny Picot. “Nunca cambiamos de empresa, porque creo que todas son máis ou menos iguais. O prezo do leite é algo que, desafortunadamente, non poñemos nós”, lamenta a gandeira.

Agora mesmo están a cobrar unha base de 43 céntimos por litro máis 2,5 céntimos por litro pola certificación de benestar, máis/menos as primas por calidades. O que esta industria non paga é a graxa, e por este motivo non fan esforzos na alimentación para incrementala, mantendo o nivel máis baixo, nun 3,29 %.

Nunha das crises dos prezos do leite, no ano 2013, xurdiu a idea de diversificar o negocio, e José Manuel e Yolanda pensaron en recuperar unha granxa de porcos que os pais del tiveran e que pecharan por problemas de tamaño e rendibilidade.

“Reformámola e dedicámola a cebadoiro. Vimos que funcionaba, que era rendible –comenta José Manuel–, e construímos unha nave nova en 2020 para 1.200 prazas máis”.

Están a cebar uns 5.000 porcos ao ano. Entran con 15 ou 20 quilos e marchan aos tres meses con 120. Deste xeito, e tendo en conta o tempo dos baleiros sanitarios que se esixen, logran tres cebas ao ano.

Para xestionar o xurro que esta outra granxa xera, contan con outras 120 hectáreas adicionais.

Precisamente, José Manuel coméntanos que se lles presentou unha posible alternativa cunha empresa de capital americano que pretende encargarse da xestión dos xurros. “Explicáronnos que o recollerían na explotación pagando unha pequena cantidade por el, aproveitarían o líquido para a xeración de enerxía e devolveríannos o sólido, que é a verdadeira materia orgánica. Creo que este tipo de empresas serían moi importantes: unha, pola escaseza de base territorial e, outra, polo tema medioambiental”, conclúe o gandeiro.


“Este é un sector que move moito diñeiro e lle dá de comer a moita xente. Non se decatarán ata que desaparezamos, por desgraza”

RETOS DA GANDERÍA

Yolanda e José Manuel non pensan en medrar, senón en manter o seu negocio e optimizar, máis aínda, a súa estratexia na procura da máxima eficiencia. “Temos que intentar rascar cada céntimo para facer o noso proxecto máis rendible”, admiten.

Ven no custo dos inputs, no prezo do leite e na falta de man de obra os principais retos a superar e, como sector, alertan de que as administracións deberían facer un esforzo maior por cambiar a mentalidade da xente.

Advirten que o despoboamento é un problema grave e que se debe ver este traballo como unha saída positiva. “Antes, o que quedaba na casa era o pobriño e o que estudaba era o listo, e non é así para nada –opinan–. A gandería é unha forma de vida, es o teu propio xefe e é fantástico vivir aquí. A calidade de vida non ten prezo”.

Finalmente, engaden: “Este é un sector que move moito diñeiro e lle dá de comer a moita xente. Non se decatarán ata que desaparezamos, por desgraza”.