A Rede CIBA celebrou as súas primeiras Xornadas na Universidade Autónoma de Barcelona

A Facultade de Veterinaria da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) acolleu os días 14 e 15 de xullo as primeiras xornadas da Rede Científica en Benestar Animal (Rede CIBA). Este ano centráronse no lema “Compartir, conectar e tecer a investigación do suroeste de Europa en benestar animal”, coincidindo coa reunión da Sociedad Internacional de Etología Aplicada (ISAE-Rexión Suroeste de Europa).

Na cerimonia de inauguración interviñeron Maite Martín, decana da Facultade de Veterinaria da Universidade Autónoma; Ricard Parés, presidente do Consello de Colexios Veterinarios de Cataluña (CCVC); Emma Fàbrega, secretaria da ISAE-Rexión Suroeste de Europa e Pol Llonch, presidente da Rede CIBA.

A primeira das sesións plenarias correu a cargo de Rebeca García Pinillos que versou sobre “Un só benestar” (One Welfare). Os dous talleres celebráronse de forma paralela: o relativo ao movemento pola ciencia aberta (Open Science) foi impartido por Anna Olsson (Universidade do Porto, Portugal) e Emma Fàbrega (IRTA, España) e o segundo foi proposto e coordinado polo catedrático Christian Rutz (School of Biology, University of St. Andrews) e centrouse no marco metodolóxico strange. A segunda das presentacións maxistrais, titulada “Das emocións ao estado afectivo dos animais. Hai un marco teórico para o estudo da saúde mental dos animais?”, correu a cargo de Elodie Chaillou (INRAE, Francia). Por último, realizáronse unhas 20 comunicacións orais, presentacións e pósteres.

Ao finalizar a reunión científica tivo lugar a asemblea da Rede CIBA, na que se presentaron as actividades do último ano, datos de tesouraría e proxectos en marcha e previstos para o futuro. Así mesmo, concretouse a asemblea das seguintes Xornadas, que se levarán a cabo na Facultade de Veterinaria da Universidade de León en 2023.