Gandeiros, cooperativas e fabricantes animan a consumir produtos de orixe nacional no Día Mundial do Queixo

Gandeiros, cooperativas e fabricantes queren aproveitar a conmemoración, hoxe sábado 27 de marzo, do Día Mundial do Queixo, para animar á poboación a que apoie os alimentos nacionais, porque estarán a apoiar os produtores, o desenvolvemento económico, o emprego no medio rural e tamén o medio ambiente.

España é un dos países do mundo con maior tradición queixeira grazas en boa parte á súa orografía e climas, factores que condicionaron o asentamento e desenvolvemento dun gran número de razas de gando das tres especies (bovina, caprina e ovina) e ata 150 variedades. Variedade, versatilidade e propiedades nutricionais xogan en favor do queixo, que non debe faltar nas nosas mesas.

"Poñamos en valor todas as persoas que o fan posible. Gandeiros, mestres queixeiros, afinadores, queixerías... Por todo isto e moito máis, sóbrannos as razóns para apostar polos queixos de España", detalla a directora xerente da Organización Interprofesional Láctea (Inlac), Nuria María Arribas. Neste contexto, a Inlac está a executar a campaña Quesea para divulgar a oferta de queixos de orixe nacional en 295 supermercados e hipermercados, con distintivos propios nos lineais de queixos, viños e "picos" destes establecementos.

Razóns nutricionais para gozar do Queixo no seu día Mundial
  • Por que apostar por un dos nosos alimentos máis emblemáticos? O queixo contén proteínas de alto valor biolóxico, superior mesmo ao leite.

  • Sabías que unha porción de 100 gramos equivale ao requirimento diario de calcio dun adulto?

  • É un alimento rico en vitaminas A e D, que axudan ao corpo a absorber o calcio e a manter ósos e dentes sans.

  • O queixo tamén é rico en vitaminas do grupo B, como a B12, a B9 (acedo fólico), a B1 (tiamina) ou a B2 (riboflavina).

  • É de gran importancia que o queixo estea presente na dieta dos nenos, para garantir o seu correcto desenvolvemento. Tamén debe incluírse na dieta dos adultos.

  • Que cantidades debo tomar? As Guías en Alimentación recomendan entre dúas e catro racións ao día de lácteos (entre leite, queixo ou iogur). No noso caso, a porción de queixo semicurado ou curado roldaría os 30 gramos e, a de queixo fresco, uns 60 gramos, aproximadamente.