A gandería SAT O Palomar súmase á arte do grafiti

A gandería SAT O Palomar súmase á arte do grafiti

A granxa SAT O Palomar, situada en Láncara (Lugo), renovou a imaxe das súas instalacións con dous grafitis. Co obxectivo de embelecer a contorna do negocio gandeiro, interviñéronse dous espazos, nos que se pode ver, por exemplo, un pombal, construción que lle dá nome á granxa.

Os traballos foron realizados polos artistas Primo Rodríguez e Powone.

Detrás de SAT O Palomar están Odón Castro e Quiara Pardiñas. Ademais do traballo diario que implica unha gandería de leite, desde hai uns anos Odón e Quiara abriron as portas da súa gandería a centos de nenos e nenas. A través das visitas de escolares, promoven o coñecemento da realidade gandeira entre os máis pequenos.

Nos últimos anos, numerosas ganderías destinaron esforzos a coidar as súas instalacións e enchelas de arte. Nunha ampla reportaxe en Vaca Pinta 47 pódese ver unha mostra.